domingo, 7 de septiembre de 2014

CONTO DE CEGO DE MARIANO RAJOY

Mágoa que o presidente do goberno non pase esta fin de semana por Pontevedra para se disfrazar de besteiro ou copeiro maior á beira do correxidor Lores na máis afamada e loureada feira franca do reino. Non por orixinal, vive Deus, pero si por oportuna e ben callada nun contexto sempre proclive á mascarada. E viría ben que nos visitase o presidente non só por ese argumento manido que tanto vai á boca dos mandatarios: serviría de grande publicidade para a cidade, atraendo novas masas de turistas e riqueza, senón porque podería aproveitar para dar outro golpe de manivela festivo á choiva miúda da propagación do éxito económico no que nos atopamos. O inicio do rosario de éxitos conseguidos polas reformas profundas (que se deben continuar) comeza sempre polo primeiro misterio: a prima de risco andaba nos 600 puntos e témola agora arredor dos 132. E quedan o presidente e outros oficiantes seus tan cheos e contentes, orgulloso da súa apócema coa que conseguiron derreter o fervente aumento da prima nos primeiros meses do seu goberno, por suposto ben acendida nos tempos esquecidos do inepto Zapatero. E a onde queira que vaian escoitar ou ler sobre o asunto, axiña un deputado de provincias, outro europeo, mesmo algún concelleiro espelido e con fame de medrar, insisten no argumento irrebatible: miren, miren os números, as cifran non enganan; estabamos a máis de 600, imposible manter aqueles intereses, e agora, relaxados, tirando cara os 100. Descargada esta tromba de obxectividade, os argumentadores descansan aliviados, satisfeitos, pensando que por ese flanco non hai retruque posible. Asentado así un primeiro misterio de éxito rotundo, os seguintes veñen en por si. Claro que este primeiro, a pouco que o miremos detidamente obriga a que nos fagamos algunhas preguntas. Porque si, é certo e indubidable que pasamos de 600 a 130, pero convén saber o porqué. Se comparamos a prima do Reino de España coa de Italia, Portugal e Greza (por buscar países mediterráneos en situación similar) comprobamos que, se a nosa baixou, a deses tres países tamén. Si, tamén a de Greza, aquela que andaba por riba dos 1000 agora baixou aos 485. E en Portugal non pasa dos 230, mentres que en Italia non supera os 151. Todos baixaron. Portugal e non digamos Greza en proporción moito maior. Será que as reformas profundas de Rajoy se estenderon nos seus efectos aos países limítrofes? É mérito del e do seu goberno esta baixada na prima? Non sei por que me dá que agocha algo de trampa este primeiro argumento que se quere presentar como sólido e indiscutible. Pillabáns! Porque unha de dúas, ou a baixada responde a razóns de índole internacional en moi pouco debidas ás medidas deste goberno, ou o peso das reformas de Rajoy e os seus eficaces ministros teñen tal repercusión na economía mundial que merecerían unha análise rigorosa e detallada para inscribir na historia da economía. O título do estudo podería ser algo así como: A repercusión das medidas do goberno de Rajoy na caída da prima de risco nos mercados internacionais. Pinta ben, non si? Pero claro, este conto, mellor que en estudos rigorosos cadraría na mascarada da feira franca desta fin de semana. Disfrazado o ilustre santiagués-leonés-pontevedrés do que el desexe ( se non quere disimular moito, de ilustre xurista para seguir a tradición) podería alardear na Praza da Verdura, na da Leña, na Ferrería ou onde mellor lle acaese, as bondades e milagres das súas profundas reformas económicas – equitativas e ben repartidas, aquí si que lle arde o eixo- de cara a un futuro de pleno emprego. Ningún marco tan axeitado. Ou se aínda preferise máis éxito, mudar por unha vez de status social e converterse en cego. Asentar nas escaleiras do vello edificio da Facenda e alí cantar acompañado dunha zanfona as obras e milagres dos éxitos obtidos por tan equitativas e sensibles medidas tomadas. Nenos, parados, vellos dependentes, mulleres explotadas, mozos desencantados, todos aos seus pés escoitando este canto de cego en festa nunca mellor ideada. E cando rematase unha vez o conto, comezalo de novo, anunciando como é debido o miolo do asunto a todos cantos queiran escoitalo e crelo: Veñan señores, damas e cabaleiros, veñan escoitar a historia de como os éxitos do noso goberno se exportaron polos países da contorna, pasando de ser pobres de pedir a posibles ricos todos, con traballo e bo emprego, grazas á sabedoría, determinación e bo goberno do presidente don Mariano Rajoy Brey, desta nobre cidade veciño, case nado... Claro que, os da troula paran unha miga para escoitar o canto do cego, xa lles soa o conto, abandonan o lugar e continúan de esmorga.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.