domingo, 21 de septiembre de 2014

A UN PASO DA SANTIDADE


                                            



            Líbreme o ceo de poñer en dúbida os méritos das personalidades dos negocios falecidas nestes días nin dar a entender que ser rico é pecado. Pero polo lido en tódolos medios e sen practicamente excepción, ben poderiamos dicir que a primeira quincena deste setembro veu dominada polos cantos elexíacos e o panexírico sen disimulo. Desde as máis altas instancias do goberno, pasando por conselleiros delegados de medios de comunicación, sindicalistas, corredores de coches que se apuntan ao sétimo lugar por carreira, exempregrados dos falecidos, articulistas, economistas, compañeiros nas altas cimas do triunfo económico e ata unha exministra de defensa que aproveitou para presumir que estudou compaxinando a universidade con traballos no Corte Inglés, todos nos recordaron o sobrios, traballadores, innovadores e triunfadores que foron os tristemente desaparecidos. Os dous o colmo da discreción, da laboriosidade, da honradez e da eficacia. No caso de Botín incluso abundan os escritos traspasando non só a herdanza bancaria do pai á filla, senón tamén xa as súas virtudes, que, indubidablemente e como parece cantado,  disque discorrerán polo mesmo camiño de gloria en Europa e no mundo enteiro. Amén.
            Coa morte soe ocorrer, non só no caso de personalidades de contrastado éxito económico, que os defectos do defunto desaparecen por ensalmo e só relocen as virtudes. Parece unha resposta benévola da comunidade ante quen nos abandona e perde a gracia da vida. Coma se os que continúan vivos sentisen certa vergonza – farisea, no fondo a comprobación de que outros morren é confirmación da propia sorte- de que a quen lle tocou irse pola chamada da morte non lle puidesen valer algo máis os que seguen vivos, xa que non acompañalos, polo menos pospoñer o triste e definitivo paso. Se cadra por iso, coñecida a morte de alguén que enche primeiras planas de todo un país, soa a desatino ou incluso desapiadado meter o dedo nos fallos e defectos de quen aínda ten o sangue quente. O que non deixa de gardar certa lóxica, tempo haberá para que quen entre na historia reciba as críticas necesarias ao seu debido tempo e con certa perspectiva. Aínda así, unanimidade tan rotunda, louvanzas tan esaxeradas e loas tan propagadas non deixan de sorprender nunha sociedade que se di libre e plural. Porque tanto apresuramento en eloxios sen fisuras máis semella adulación e servilismo diante do poderoso cabaleiro  don, dondorindón, don diñeiro.
            Resulta tamén sorprendente que moitos destes eloxios coinciden no grande servizo prestado á marca España. Non sei. Sobre a marca España cada vez síntome máis inseguro. Aquí marca España é o corredor Alonso cando gana, a selección de fútbol aínda que sexa de lembranzas, a de baloncesto o día antes de perder, un director de cine de éxito se non critica abertamente ao goberno de quenda, un cociñeiro que pasa horas enriba dun mexillón para que o poidamos sorber en lugar de o comer como Deus manda (diría Rajoy),  unha moza á que ninguén prestou nin unha miga de atención e de repente chega cun título nunha especialidade deportiva que ninguén practica, un político mentres non se lle descobre que é un miserable corrupto, unha monarquía antes de cheirar a podre ou un empresario no que se concorda que é un lince emprendedor ata que se sabe que todo canto vendía era fume e se empobrece. Non digo que non no caso dos acabados de falecer. Se cadra no Reino Unido téñennos moito respecto porque alí chegou o Santander e os turistas admírannos porque poden mercar nuns grandes almacéns. Non digo que non. Iso da marca é moi difícil de entender e para min que o único que, de momento, resiste é Nadal (queira a Virxe do Cobre que ningún despacho de economistas e avogados pícaros non nos entrampen ao rapaz levándolle os cartos a algún refuxio fiscal), se aos deportistas de elite nos referimos, pois doutras actividades parece que ser que, a pesar dos esforzos por lle dar categoría de marca, nunca a tal dan chegado. Por cada intento de converter a Arsuaga ou Barbacid en marca, máis de cen pola vía do espectáculo e da práctica deportiva se interpoñen, aínda que sexa de maneira efémera, como claros vencedores. Se agora se nos foron dous de peso no campo dos negocios, pouca marca nos queda.  

            En resumidas contas, que a primeira quincena de setembro váisenos en eloxios e panexíricos unánimes. E sorte tivemos que os representantes das comunidades eclesiásticas anda calados e a outros quefaceres nestes momentos (supoño que a igrexa católica contentaríase co seu protagonismo nos respectivos actos funerarios diante de tan principais personalidades asistentes), porque se tamén a eles se lles dera por pedir vez nos papeis para agradecerlles os favores prestados, estariamos a un paso de propoñelos para a santidade, e se non para a santidade porque esaxero, para a beatificación, seguro. 


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.