martes, 19 de agosto de 2014

O ROUBO XUSTO


Contaba Vargas Llosa nunha entrevista co gallo da publicación do seu ensaio sobre o perigo de frivolidade en tódolos ámbitos da vida, estando a cultura a piques de non ser máis que espectáculo e puro entretemento, o que lle pasou a un colega seu cun taxista en Lima nos días anteriores a unhas eleccións. Conversando con el, o escritor asombrouse da tranquilidade coa que o taxista admitía que votaría pola filla de Fujimori, ditador corrupto e confeso. Non lle dá reparo en votar á filla dun ladrón? Non, respondeulle sen se inmutar o taxista: non me dá reparo ningún porque Fujimori roubou o xusto. Roubar o xusto, aquí está clave deste momento.
A información xa ven que vai e vén a bandazos. Ora toca ERES, ora amiguiños da alma valencianos, ora financiamento do PP, ora corrupción no PSOE, ora asombro pola confesión de Pujol, ora repatriación dun enfermo desde África. O malo é que con tan elevado quecemento temporal e fragmentado imos perdendo visión xeral e esquecemos asuntos que se van ao faiado da memoria. Levamos tempo xa sen nos acordar de Bárcenas. Como lle irá na cadea? Seguirá pagando minutas ao seus avogados – Gómez de Liaño e esposa- por cantidades aproximadas de 60.000 euros cada seis meses? Resistirá  a súa dona o tempo que deba pagar pola súa caída en desgraza? Volvería a manter por medio de intermediarios algún contacto co presidente do goberno, quen tanto por el se preocupaba nos dias tristes antes da negación e admisión do engano? Son moitas as preguntas que agora no verán se lle poden ocorrer a quen non dea o conto por acabado. A min, de todas, a que máis me leva rillando nestes días é a cantidade de veces que o pobre Bárcenas se lamentará comparando o seu caso co de Pujol.
Ten que ser triste. O pobre – Bárcenas- non creo que saia do seu pasmo e non se canse de maldicir e xurar en cantos idiomas domine. Por que el na cadea e os Pujol ameazando aos bancos andorranos por se ir da lingua? Por que el esquecido e negado por todos a cantos beneficiou a cambio de catro patacos en comparación coas cantidades das que se fala no clan catalán catalanista? Non me estraña que suba polas paredes, que chame a Gómez de Liaño en canto saiba que a liña non está intervida, que se cite a cegas ou ás claras cos amigos fieis que lle queden para xurar incluso en arameo pola mala sorte que o acompañou. Certo, reflexionará, que o ego máis elevado e capaz de seguir detrás del coma un can de presa xa non está ao fronte do Mundo (o xornal), non se sabe se porque don Mariano e el Rey que xa non é Rey tiraron dos fíos poderosos dos italianos, pero o certo é que todo indica que o silencio irase estendendo sobre a súa figura ata que posibilite un amaño entre caixas que lle permita saír do cárcere e volver a esquiar por Suíza. Aínda así ten que andar negro nestes días de calor, sobre todo á hora de saír ao patio, por máis que os presos o adoren e consideren que é todo un tío. 
Que unhas noticias encabalguen sobre as outras facéndonos esquecer as pasadas contribúe á creación dunha frivolidade máis neste mundo de espectáculo non só no cultural senón tamén no político e económico. O exceso de escándalo fainos perder o fío do criterio, a seriedade do cabal, a xusteza no xuízo. Imos de escándalo en escándalo, coma Raphael, ata a fartura, deixando de lado o que xa non alimenta a nosa curiosidade máis inmediata. E así a actualidade poderosa, intensa, en anacos, vibrante e tronante, aloula en nós ata deixarnos desnortados, confusos, lelos. Non era o dos sindicalistas de Andalucía o maior escándalo maior coñecido? Ou era o de Bárcenas? Non, o de Pujol e moito peor. E o que non saberemos? E así chegamos ao verán no que se a serpe de Xibraltar, unha epidemia ou os mozos que se dedican a guindarse desde os balcóns ou a converter Magaluf en Sodoma e Gomorra nos distraen unha miga ata a entrada do novo curso no que penetraremos no insondable misterio de saber se Cataluña terá ou non dereito a decidir.
A todo isto, a liga a punto de comezar, co fin de aliviar tanta tensión dosificarannos os pormenores de cada nova fichaxe millonaria para que comprobemos ata que punto foron ou non perspicaces presidentes, adestradores e intermediarios nese negocio fabuloso que consiste en descubrir deuses de barro cada dous por tres cubríndoos de ouro a cambio da nosa distracción e goce momentáneo. Ningún detalle se nos ocultará para que o mundo siga rodando igual ca unha pelota, pois se famosa se fixera a comparanza dun toureiro afirmando que todo viña a ser coma un touro, moito máis debería selo que todo se reduce a unha pelota. Unha pelota que roda e salta e bota para que deixemos ir os ollos detrás dos seus movementos máis visibles, mentres no seu interior ferve a vida auténtica que se nos escapa sen darnos conta. En fin, que Bárcenas ten que estar botando fume por tódolos poros neste verán, e con razón, porque aquí, ao contrario do que sabía o taxista limeño, ninguén sabe en que consiste o roubo xusto. Nin o engano soportable. 

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.