domingo, 24 de agosto de 2014

A POR ELES, JORDI!


A por eles. Sen piedade. Comeza polo bancario que se foi da lingua e ataca a canto xuíz, xornalista e político se meta contigo ou cos teus. Para iso contas coa infraestrutura de moitos anos de traballo, a parte a tradición recibida. De que valen os mellores xuristas se non é para que os cartos defendan aos cartos? De que serviron tantos anos de goberno e poder auténtico se agora un non pode dispoñer do sementado? Vía legal, información, propaganda, o que sexa, o xusto é que nin Marta, nin os fillos, nin ti bebades máis deste calvario inxusto e prefabricado por cínicos xornalistas madrileños, oficinas antifraude – que é iso?- e outras organizacións e particulares con motivos claramente anticatalanistas. Porque no fondo, igual que ocorrera coa Banca Catalana, os mesmos de sempre, os que pretenden abortar o proceso soberanista son os que se dedican a estas maldades.
Por iso parece lóxico que o expresidente se repoña e, ben asesorado por avogados e xuíces e fiscais da casa, arremeta contra eses despistes que permiten que alguén se atreva a remover onde a súa norma e lei tiñan establecido un silencio sepulcral. Nin mirar. Nin saber. Nin indagar. Todo debería seguir como ata o de agora, sen ningún resentido bancario que se lle ocorra faltar ao sagrado secreto bancario, sen ningún xornalista que aínda distinga investigación de filtración, sen ningún xuíz que tire do fío estea quen estea detrás. Así era o programado, o esperado, e por iso o clan se reforza, colle impulso na desgraza que une, e, ben asesorado por eminentes xuristas convenientemente engraxados, deciden pasar ao ataque. Non  todo está perdido. Hai cartos para lear e confundir, para enredar e conseguir que a opinión pública se aburra, dea por perdido o fío, se desentenda e acepte no inconsciente con resignación que nunca, nunca, nin nos casos máis evidentes, pasa absolutamente nada. Se destas persoas falamos, claro. Noutros casos todos sabemos da eficacia, contundencia e rapidez da lei.
Nunca pasa nada se o nivel de riqueza e poder alcanza tal altura que os manexos, trampas e coaccións poden arredar ao máis destemido; se os contactos e capacidade de influencias se estenden cal rede de capilares polo enramado social ata mesturar a chantaxe co código penal, as conveniencias políticas co interese persoal, a defensa dunha identidade coa ocultación de accións corruptas. Cando de tales fenómenos se ocupa a lei, as dilacións poden acercarse á eternidade, as evidencias volverse opacas e todo rematar nun remexido de distraccións que, ao tempo que evitan que o infractor pague como é debido, o resto dos espectadores acabamos fartos, confundidos e anoxados. 
Como bos coñecedores destas leis ocultas, Jordi e os seus aproveitan que xa agosto vai dar as boqueadas para lanzarse con estratexia sibilina a destruír aos que indagan e descobren e informan. Iso si: coa lei por diante (por detrás non se sabe), que a lei ten moitas reviravoltas e dá para interpretacións e cambios de rumbo sen fin. A estratexia parece clara. Primeiro contra ese banco inútil de Andorra que non controla aos seus despedidos. Un banco que se prece debe antes que nada protexer ao seu depositante, sexa honrado, traballador, estafador, pirata ou bandido declarado. Todos por igual merecen idéntico respecto. Que digo! Todos por igual non, os estafadores, piratas e bandidos moita máis protección merecen. Por iso,  a por el, duro con ese banco. Que protección é esa? Que garantía ofrece a quen queira defraudar á facenda? Como espera que miles de defraudadores volvan a confiar nel? Merece un bo escarmento e o clan Pujol é o indicado para proporcionarllo. Leña. Ou que non se lles escapasen da discreción debida secretos tan delicados. E unha vez ben endereitado ese banco trapalleiro, a pola intencionalidade política. Esta carga debe estudarse con serenidade, pero o punto de arrinque non ofrece discusión: non é pola limpeza, nin contra a corrupción, non pola transparencia, nin pola necesidade dunha rexeneración democrática que se descobren estes sucios e feos sucesos. É simplemente porque se quere paralizar o proceso de soberanía dos propios cataláns, de todos, non dunha familia, dun clan especial, non. A intención de todo vén ditada por unha man negra malévola e maquiavélica que pretende destruír todo afán de independencia e identidade do pobo catalán. 
Si. Non é fácil coa confesión incluída, pero batallas máis difíciles se ganaron. Jordi ou Marta ou quen sexa o que leve as rendas deu a orde de ataque e van a por todas. Deron o disparo de saída para utilizar tódolos medios que a lei pon á súa disposición, e aló van imparables cos seus cartos e asesores ao seu servizo decididos a non parar ata que as augas volvan a rego; e se fai falla, que incluso algúns dean cos seus ósos na cadea, pois a orde (sexa presuntamente do 3 ou do 4%) debe reinar de novo na sociedade catalá. A por eles, Jordi! 


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.