domingo, 24 de agosto de 2014

COMIDA CHINESA


CALQUERA terá observado na súa cidade a cantidade de locais comercias pechados ou que anuncian o peche. Comercios de roupa, de calzado, de papelería ou de outras moitas actividades levan desde o inicio da crise ofrecendo saldos permanentes ou liquidacións por peche inmediato. Algúns disimulan indicando que é por xubilación, pero a causa polo que o fan a maioría é boa de saber. Nunha esquina dunha rúa céntrica veño observando a evolución dun local que parece ter a negra enriba. Pasou de moda para señoras a comida xaponesa, de local ortopédico outra vez a moda xuvenil, logo a cervexería con tapas variadas, de mercar ouro a vender lambetadas... e segue. Tal foi o movemento e variedade de ofertas efémeras que a cada novo experimento emprendedor, para rir por non chorar, calculáballe o tempo que duraría aberto. Case sempre o meu prognóstico afinaba bastante, agás no da comida xaponesa, que lles calculei tres meses e só aguantou dous e tres días. Agora anuncia que nos días próximos abrirá para vender comida chinesa.
Declaraba nestes días un mozo emprendedor que este país caera na conta do drama que supuña a cantidade de desempregados, pero que non se captara na súa dimensión o drama dos pequenos emprendedores. O número de persoas que o perderon todo, os aforros depositados na ilusión dun novo negocio, os préstamos conseguidos con suor e bágoas, as axudas de familiares, os traballos sen horario e a decepción de moitos emprendedores non está ben avaliada. Xente que arriscou os cartos do seu paro detrás dun pequeno negocio, comerciantes que o perderon todo, empeñadas casas ou propiedades adquiridas a base de moito esforzo, tendeiros que se deprimen aburridos á espera de que entre alguén pola porta. Neste país cóbraselle ao emprendedor antes de saber se fará negocio, se lle irá ben. Á parte as dificultades para a apertura dos locais, a presión das cargas sen comezar a gañar un euro son esaxeradas. Cómpre moito atrevemento e serenidade para abrir nestes momentos un negocio e saír adiante. Talvez os autónomos merezan máis atención. Os gobernantes non se fartan de gabalos e prometerlles axudas de todo tipo, pero non se ve ese apoio imprescindible para que a actividade flúa e dea azos emprender. Por iso estou pendente de como lle irá ao local que veño investigando, ogallá sexa por fin a comida chinesa, aínda que non é das miñas preferidas, a iniciativa que triunfa.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

A POR ELES, JORDI!


A por eles. Sen piedade. Comeza polo bancario que se foi da lingua e ataca a canto xuíz, xornalista e político se meta contigo ou cos teus. Para iso contas coa infraestrutura de moitos anos de traballo, a parte a tradición recibida. De que valen os mellores xuristas se non é para que os cartos defendan aos cartos? De que serviron tantos anos de goberno e poder auténtico se agora un non pode dispoñer do sementado? Vía legal, información, propaganda, o que sexa, o xusto é que nin Marta, nin os fillos, nin ti bebades máis deste calvario inxusto e prefabricado por cínicos xornalistas madrileños, oficinas antifraude – que é iso?- e outras organizacións e particulares con motivos claramente anticatalanistas. Porque no fondo, igual que ocorrera coa Banca Catalana, os mesmos de sempre, os que pretenden abortar o proceso soberanista son os que se dedican a estas maldades.
Por iso parece lóxico que o expresidente se repoña e, ben asesorado por avogados e xuíces e fiscais da casa, arremeta contra eses despistes que permiten que alguén se atreva a remover onde a súa norma e lei tiñan establecido un silencio sepulcral. Nin mirar. Nin saber. Nin indagar. Todo debería seguir como ata o de agora, sen ningún resentido bancario que se lle ocorra faltar ao sagrado secreto bancario, sen ningún xornalista que aínda distinga investigación de filtración, sen ningún xuíz que tire do fío estea quen estea detrás. Así era o programado, o esperado, e por iso o clan se reforza, colle impulso na desgraza que une, e, ben asesorado por eminentes xuristas convenientemente engraxados, deciden pasar ao ataque. Non  todo está perdido. Hai cartos para lear e confundir, para enredar e conseguir que a opinión pública se aburra, dea por perdido o fío, se desentenda e acepte no inconsciente con resignación que nunca, nunca, nin nos casos máis evidentes, pasa absolutamente nada. Se destas persoas falamos, claro. Noutros casos todos sabemos da eficacia, contundencia e rapidez da lei.
Nunca pasa nada se o nivel de riqueza e poder alcanza tal altura que os manexos, trampas e coaccións poden arredar ao máis destemido; se os contactos e capacidade de influencias se estenden cal rede de capilares polo enramado social ata mesturar a chantaxe co código penal, as conveniencias políticas co interese persoal, a defensa dunha identidade coa ocultación de accións corruptas. Cando de tales fenómenos se ocupa a lei, as dilacións poden acercarse á eternidade, as evidencias volverse opacas e todo rematar nun remexido de distraccións que, ao tempo que evitan que o infractor pague como é debido, o resto dos espectadores acabamos fartos, confundidos e anoxados. 
Como bos coñecedores destas leis ocultas, Jordi e os seus aproveitan que xa agosto vai dar as boqueadas para lanzarse con estratexia sibilina a destruír aos que indagan e descobren e informan. Iso si: coa lei por diante (por detrás non se sabe), que a lei ten moitas reviravoltas e dá para interpretacións e cambios de rumbo sen fin. A estratexia parece clara. Primeiro contra ese banco inútil de Andorra que non controla aos seus despedidos. Un banco que se prece debe antes que nada protexer ao seu depositante, sexa honrado, traballador, estafador, pirata ou bandido declarado. Todos por igual merecen idéntico respecto. Que digo! Todos por igual non, os estafadores, piratas e bandidos moita máis protección merecen. Por iso,  a por el, duro con ese banco. Que protección é esa? Que garantía ofrece a quen queira defraudar á facenda? Como espera que miles de defraudadores volvan a confiar nel? Merece un bo escarmento e o clan Pujol é o indicado para proporcionarllo. Leña. Ou que non se lles escapasen da discreción debida secretos tan delicados. E unha vez ben endereitado ese banco trapalleiro, a pola intencionalidade política. Esta carga debe estudarse con serenidade, pero o punto de arrinque non ofrece discusión: non é pola limpeza, nin contra a corrupción, non pola transparencia, nin pola necesidade dunha rexeneración democrática que se descobren estes sucios e feos sucesos. É simplemente porque se quere paralizar o proceso de soberanía dos propios cataláns, de todos, non dunha familia, dun clan especial, non. A intención de todo vén ditada por unha man negra malévola e maquiavélica que pretende destruír todo afán de independencia e identidade do pobo catalán. 
Si. Non é fácil coa confesión incluída, pero batallas máis difíciles se ganaron. Jordi ou Marta ou quen sexa o que leve as rendas deu a orde de ataque e van a por todas. Deron o disparo de saída para utilizar tódolos medios que a lei pon á súa disposición, e aló van imparables cos seus cartos e asesores ao seu servizo decididos a non parar ata que as augas volvan a rego; e se fai falla, que incluso algúns dean cos seus ósos na cadea, pois a orde (sexa presuntamente do 3 ou do 4%) debe reinar de novo na sociedade catalá. A por eles, Jordi! 


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

martes, 19 de agosto de 2014

UNHA CABANA NA PRAIA


POLO serán adoito pasear á beira da praia. Non agora no verán, sempre. E foi pola primavera que me decatei do interese e entusiasmo co que dous mozos moi novos traballaban na súa cabana. A maioría das tardes víaos centrados coma nenos con zapatos novos no que sería o seu traballo de verán. Primeiro contaron coa axuda dun electricista profesional que lles marcaba as directrices na instalación non só da luz senón tamén dos conxeladores e aparatos que introducían no pequeno pero xeitoso espazo. Logo tiveron un carpinteiro que os asesorou na construción dun estrado de madeira de Oregón baixo os pinos. Pintaron. Puxéronlle nome. Nos comezos do verán, tal e como deducín que sería o seu propósito, tiñan a cabana perfectamente montada, limpa, coas súas mesas sobre madeira, á sombra, con todo o solpor espetándose na auga pegada a Raxó.
Cada día que os vía tan dedicados ao investimento de buscar unha saída laboral, desexáballes sorte polo laboriosos e animosos que se mostraban. Pensaba que, ademais do investimento e horas de traballo, a cabana esixiría permisos e gastos variados para que lles permitisen en lugar tan belo montar o negocio, e parecíame que se esforzaban coa dilixencia e vontade que calquera desexa para unha xuventude emprendedora. Aplaudía en segredo a súa decisión: dous mozos arriscados con ganas de saír adiante. Chegou o verán. Os meus paseos continuaron algo máis tarde nos días de sol, á mesma hora os días de nubes. A flamante cabana abriu as portas aos bañistas, aos veraneantes, aos nenos coa súa oferta de xeados, a quen lles apetece unha cervexa ben fría antes de xantar. E alí estaban os mozos que fixeran de carpinteiros, electricistas, pintores, albaneis, agora de camareiros agardando aos clientes. O fracaso estalou en xullo, no mes que máis sol tivemos: dúas, tres mesas con rapaces xogando ás cartas diante dun refresco que lles duraba a tarde; o resto das mesas mirando o solpor, baleiras, á beira da auga serena, estendida coma unha placa de zinc; os mozos mirándose, entrando e saíndo na cabana, protexéndose do sol cunha gorra que os vendedores de refrescos lles deberan regalar como publicidade. Despois xa chegaron os días de nubes, as chuvias, e se na praia eran poucos os que xogaban, na cabana ninguén consumía. O verán está rematando. A cabana pechará. Os mozos deberán desprazar a ilusión en distinto proxecto. Non queda outra.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

O ROUBO XUSTO


Contaba Vargas Llosa nunha entrevista co gallo da publicación do seu ensaio sobre o perigo de frivolidade en tódolos ámbitos da vida, estando a cultura a piques de non ser máis que espectáculo e puro entretemento, o que lle pasou a un colega seu cun taxista en Lima nos días anteriores a unhas eleccións. Conversando con el, o escritor asombrouse da tranquilidade coa que o taxista admitía que votaría pola filla de Fujimori, ditador corrupto e confeso. Non lle dá reparo en votar á filla dun ladrón? Non, respondeulle sen se inmutar o taxista: non me dá reparo ningún porque Fujimori roubou o xusto. Roubar o xusto, aquí está clave deste momento.
A información xa ven que vai e vén a bandazos. Ora toca ERES, ora amiguiños da alma valencianos, ora financiamento do PP, ora corrupción no PSOE, ora asombro pola confesión de Pujol, ora repatriación dun enfermo desde África. O malo é que con tan elevado quecemento temporal e fragmentado imos perdendo visión xeral e esquecemos asuntos que se van ao faiado da memoria. Levamos tempo xa sen nos acordar de Bárcenas. Como lle irá na cadea? Seguirá pagando minutas ao seus avogados – Gómez de Liaño e esposa- por cantidades aproximadas de 60.000 euros cada seis meses? Resistirá  a súa dona o tempo que deba pagar pola súa caída en desgraza? Volvería a manter por medio de intermediarios algún contacto co presidente do goberno, quen tanto por el se preocupaba nos dias tristes antes da negación e admisión do engano? Son moitas as preguntas que agora no verán se lle poden ocorrer a quen non dea o conto por acabado. A min, de todas, a que máis me leva rillando nestes días é a cantidade de veces que o pobre Bárcenas se lamentará comparando o seu caso co de Pujol.
Ten que ser triste. O pobre – Bárcenas- non creo que saia do seu pasmo e non se canse de maldicir e xurar en cantos idiomas domine. Por que el na cadea e os Pujol ameazando aos bancos andorranos por se ir da lingua? Por que el esquecido e negado por todos a cantos beneficiou a cambio de catro patacos en comparación coas cantidades das que se fala no clan catalán catalanista? Non me estraña que suba polas paredes, que chame a Gómez de Liaño en canto saiba que a liña non está intervida, que se cite a cegas ou ás claras cos amigos fieis que lle queden para xurar incluso en arameo pola mala sorte que o acompañou. Certo, reflexionará, que o ego máis elevado e capaz de seguir detrás del coma un can de presa xa non está ao fronte do Mundo (o xornal), non se sabe se porque don Mariano e el Rey que xa non é Rey tiraron dos fíos poderosos dos italianos, pero o certo é que todo indica que o silencio irase estendendo sobre a súa figura ata que posibilite un amaño entre caixas que lle permita saír do cárcere e volver a esquiar por Suíza. Aínda así ten que andar negro nestes días de calor, sobre todo á hora de saír ao patio, por máis que os presos o adoren e consideren que é todo un tío. 
Que unhas noticias encabalguen sobre as outras facéndonos esquecer as pasadas contribúe á creación dunha frivolidade máis neste mundo de espectáculo non só no cultural senón tamén no político e económico. O exceso de escándalo fainos perder o fío do criterio, a seriedade do cabal, a xusteza no xuízo. Imos de escándalo en escándalo, coma Raphael, ata a fartura, deixando de lado o que xa non alimenta a nosa curiosidade máis inmediata. E así a actualidade poderosa, intensa, en anacos, vibrante e tronante, aloula en nós ata deixarnos desnortados, confusos, lelos. Non era o dos sindicalistas de Andalucía o maior escándalo maior coñecido? Ou era o de Bárcenas? Non, o de Pujol e moito peor. E o que non saberemos? E así chegamos ao verán no que se a serpe de Xibraltar, unha epidemia ou os mozos que se dedican a guindarse desde os balcóns ou a converter Magaluf en Sodoma e Gomorra nos distraen unha miga ata a entrada do novo curso no que penetraremos no insondable misterio de saber se Cataluña terá ou non dereito a decidir.
A todo isto, a liga a punto de comezar, co fin de aliviar tanta tensión dosificarannos os pormenores de cada nova fichaxe millonaria para que comprobemos ata que punto foron ou non perspicaces presidentes, adestradores e intermediarios nese negocio fabuloso que consiste en descubrir deuses de barro cada dous por tres cubríndoos de ouro a cambio da nosa distracción e goce momentáneo. Ningún detalle se nos ocultará para que o mundo siga rodando igual ca unha pelota, pois se famosa se fixera a comparanza dun toureiro afirmando que todo viña a ser coma un touro, moito máis debería selo que todo se reduce a unha pelota. Unha pelota que roda e salta e bota para que deixemos ir os ollos detrás dos seus movementos máis visibles, mentres no seu interior ferve a vida auténtica que se nos escapa sen darnos conta. En fin, que Bárcenas ten que estar botando fume por tódolos poros neste verán, e con razón, porque aquí, ao contrario do que sabía o taxista limeño, ninguén sabe en que consiste o roubo xusto. Nin o engano soportable. 

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

sábado, 9 de agosto de 2014

NIN MATAR BEN SABEN


ANDAN nos EE.UU. preocupados porque ultimamente están tendo dificultades á hora de levar á práctica con corrección a pena de morte. Reprodúcense casos vergoñentos de persoas que deben pasar polo sufrimento inhumano de morrer do xeito máis noxento. Non creo que lles interese que entremos en detalles dos fallos máis frecuentes. Saber que bastantes condenados deben sufrir unha agonía cruenta, inacabable, que se debe repetir, é realidade dura de aceptar para a sensibilidade máis curtida. Se á espera angustiosa e desesperante que debe supoñer agardar a hora na que te van fritir nunha cadeira eléctrica lle engadimos que a voltaxe non é suficiente e te deixa minutos con espasmos torturadores á espera doutro intento, xa me dirán... Por iso andan nun país democrático, con magníficas universidades de elite, cunha democracia envexa de moitos, con grandes centros de investigación científica, ocupados en como resolver este fracaso tan estrepitoso como insultante. Se non fose que arrepía, serviría para un magnífico guión ao servizo do xenial Charles Chaplin: mil e unha maneira de mal matar e non dar acabado co condenado. E tampouco lle sacarían pouco partido os desaparecidos Berlanga e Azcona , que xa no Verdugo deron mostras do poder da crítica máis feroz sen perder o sorriso.
O malo é que esta salvaxada agocha o tráxico: que en países que se consideran modelo de democracia e liberdade siga existindo a pena de morte. Algo que debería resultar impensable nunha sociedade avanzada, permanece inmóbil, apoiado por millóns de votantes, resistindo calquera intento de modificación legal pola repercusión que nas eleccións tal medida suporía. Estraña que en ningún programa se atrevan contra ela, máis cando se coñecen as regras xudiciais ocultas en tódalas partes, nos EE.UU. non menos, que favorecen a aqueles cidadáns que contan con medios para defensas e negociacións cínicas. Por algo as estatísticas de condenados a morte falan da selección dos condenados, case sempre negros, hispanos e pobres. Estes días o magnate Ecclestone declaraba o ledo que se atopaba por contar cun sistema que lle permitía, grazas aos millóns que lle sobran, poder paralizar un xuízo contra del por suborno. Como, sabendo de tales amaños, poden países que se din libres xustificar a pena de morte? E por riba, humillando ata a degradación, pois nin matar ben saben. Dá noxo.


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

QUE É O QUE VEU PARA QUEDAR?

Comezar as vacacións coa conciencia tranquila vale o seu peso en ouro. Este goberno despediuse cheo e satisfeito porque a recuperación chegou para quedar. Van ao descanso relaxados. Non é para menos. Despois de nos prometer que só entrar no goberno o mundo entendería que ao fronte estaba xente seria e con sentido común e todo melloraría en cuestión de meses, axiña tropezaron coa herdanza descoñecida, aínda que por eles ben pregoada e esaxerada durante todo o período de oposición, co que as previsións mudaron radicalmente. E foi para este ano, para o 2014 que prometeron veriamos o comezo da luz e así se está cumprindo, porque é horas, non se pode seguir ata máis cerca das eleccións co discurso tétrico da herdanza. Os visionarios das bolas do futuro(o equipo de asesores da consecución de votos) consideran que basta de insistir no afundimento no que nos deixaron os antecesores e vai sendo hora de mostrar que, a pesar da desfeita legada, están endereitando as cousas. A narración é doada de ver: deixáronnos un país na ruína, xa comezamos a erguelo, vótennos para as próximas eleccións (a catástrofe era tal que non se arranxa tan fácil) e nos próximos catro anos este país volverá a ser a envexa do mundo. Por iso están tan ledos e marchan de vacacións encantados da vida. Que lles presten. 
O malo é que hai algúns que levamos no sangue o espírito da contradición, o desexo de amolar por amolar, e non cremos nin a metade do que nos contan. E non o cremos pola simple razón de que os datos que a uns lles serven para tranquilizar a conciencia e facernos crer que xa entramos na liña do bo camiño, a nós, moi ao contrario, parécenos que as mellorías agochan unhas trampas inadmisibles. De que valen as contas de que mellora o emprego se hai datos evidentes de que : 1) a maioría dos traballos son estacionarios; 2) a cantidade de desesperados e emigrados que desaparecen do mercado de traballo segue a medrar; 3) nos queren vender que se crea un posto de traballo porque dous entran a cobrar por dez horas á semana e un deixou de facelo por trinta. Que clase de embustes son estes? 
Si, baixou a prima de risco (non por méritos do goberno) e o turismo vai co vento nas velas. E que? Non vou maldicir por seguir atraendo a turistas de todo tipo, sempre foi un dinamizador potente da nosa economía. E de paso, así polo menos, os licenciados en bioloxía poden actuar de camareiros dous meses ao ano e tamén por tal motivo moitos lingüistas, historiadores, arquitectos e xornalistas teñen a oportunidade de practicar inglés e alemán nos hoteis das costas. Algo é algo. Pero é esta a senda na que nos instalaremos, o bo camiño? 
Si, tódolos indicadores prevén que se dará certo crecemento na economía. E que? Para que ese crecemento? Para continuar sendo o país que máis medra en desigualdades? Lembro perfectamente unha pregunta que o actual presidente lle formulara ao seu adversario no debate televisivo antes de ganar as eleccións: como é que di vostede ser partidario da igualdade sendo que levou ao país a taxas de maior desigualdade das que se coñecen en Europa? Zapatero, como é lóxico, fuxiu da intelixente pregunta. Devólvolla agora, presidente: como é que se atreve a dicir que a recuperación chegou para quedar cando a desigualdade neste país, moito máis que cando vostede entrou no goberno, segue a medrar como leite no lume? Como é que se sente razoablemente optimista sendo que contamos con estratos sociais cun nivel de pobreza vergonzoso, hai anos non visto? Como pode pretende disimular o seu fracaso cando despois dos anos gobernados volvemos ao nivel de emprego co que vostede se atopou? Onde a melloría? Imos cara unha sociedade dual, onde os escandalosamente ricos cada vez o serán máis e o groso da poboación vivirá empobrecida e sen garantías para nada? É este o esperanzador futuro que lles agarda aos nosos netos? 
Si, as exportacións foron (foron, xa non tanto) ben. E que? Onde se ve creación de postos de traballo na industria? Baixando os salarios como o fixeron nestes últimos anos, aumentando as importacións, que clase de revulsivo se prevé ? Será talvez pola reforma fiscal que permite ás clases medias que sosteñen ao Estado aforrar 300 euros ao ano e aos verdadeiramente poderosos nin se lles toca? Ou pretende nas reformas da volta das vacacións acometer unha auténtica poda na pesada burocracia, nas institucións duplicadas, na eliminación de organismos inútiles? Onde a promesa de adelgazar a graxa mala do Estado? 
O que non admite dúbida é que a sanidade, a educación e a dependencia si recibiron un severo axuste, que estamos menos protexidos. Que o seguro de desemprego axuda a menos persoas. Que os mozos seguen emigrando. O que ninguén poderá negar é que os soldos da maioría son miserables. Non creo que ningún membro do goberno poida discutir que pasamos dun emprego malo a outro moito peor. É innegable que aumentan as desigualdades. É esta a recuperación? Pois se así é, por máis que baixe a prima de risco e os banqueiros se sintan moi animosos, mellor que nada disto viñese e moito menos para quedarse.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

martes, 5 de agosto de 2014

PASEO DESPOIS DO DESMAIO


FOI polo serán que meu pai e máis eu levamos a alegría. Desproporcionada case seguro para quen non vivise o comezo da mañá. Como vén sendo máis habitual do desexado, ao pouco de se erguer a meu pai deulle unha volta. Os médicos téñeno pacientemente observado e non dan coa razón única, pois, a parte da principal que non é outra ques os oitenta e oito anos cumpridos, as goteiras son tantas e de tanta gravidade que difícil é saber o peso de cada unha nos desmaios que o aflixen. O innegable é que perde a color, decae repentinamente e, se non se lle bota man, cae coma ao chan coma un morico de pedras. Chegado a este punto, deitado correctamente e despois dun longo descanso, vai recuperando a color e unhas forzas moi minguadas. Con tal inicio de día, nada facía prever o fermoso paseo do serán.
Despois de merendar á fresca no xardín algo de froita e un iogur, sen dicir para que buscou o bastón que mellor lle acae e deu en andar decidido pola leira abaixo. Dada á súa inestabilidade e frecuentes caídas acompañeino aínda que non mo pediu, mais axiña entendín que nada lle podería dar maior ledicia que levarme ao seu carón na súa improvisada excursión pola finca. Facendo as paradas que o corpo lle pedía, examinou guindadas na herba como as ameixas madureceran todas a un tempo e non se daban comido, a previsión de bo ano para as mazás, o mal que lle sentara unha xeada á noceira e á cerdeira, o ben que medraban os salgueiros plantados non hai moito e o abrigadiña que queda a casa na medida en que van medrando os castaños do souto que tapan o norte. Non puido faltar o lamento pola perda das abellas nin a satisfacción da vista que se pode gozar nestes días abertos, azul no ceo, verde e ouro no val. A pesar do esgotado que estivera pola mañá, soubo equilibrar forzas para falar e andar, para revisar como quedou arranxado o hórreo despois de que o tellou e, por detrás do pombal, levoume ata onde os kiwis levan anos sen dar froito, din uns que por falta de femia, outros por mal podados, o caso é que estéril. Nun momento vexo que sen pensalo se agacha con flexibilidade impropia dos últimos tempos e me sinala cara o medio da follaxe: mira, mira aí! Que?, pregunto sen ver nada. Non o ves? Un kiwi, o primeiro! E vinos aos dous. Ao froito pequeniño e mais a súa cara de incrible ledicia a pesar de que xa comezaban a faltarlle de novo os folgos.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

AGORA, SHARON, AGORA...


Había tardes nas que Chano Piñeiro —na gloria estea— e máis eu enredabamos falando das actrices que mellor queimaban a pantalla. As que eran quen de só con un plano imantar os ollos dos espectadores e cargalos de desexos luxuriosos. Ao remate, por aquel tempo, chegabamos sempre á mesma conclusión na que coincidiamos: ningunha é capaz de derreter a pantalla eroticamente coa facilidade coa que o fai Sharon Stone. E non só polo moi socorrido cruce de pernas (mellor: descruzamento) en Instinto básico, senón porque en calquera das súas aparicións, por mediocre que sexa o filme, o seu mirar, a súa boca, calquera xesto ou movemento conecta irremisiblemente coa necesidade máis primaria do montón de brasas que sen interrupción, máis ou menos acesas, quecen o noso ser. 
Daquela, que eu estaba máis mozo —non bo mozo, sentido crítico nunca me faltou—, que aínda podería soñar con dar o golpe con algunha novela que se convertese en best-seller, que non sabía o que era ter febre nin un triste catarro, non se me daba por pensar en bobadas sobre ela; era o suficientemente consciente da inutilidade de soñar co imposible. E por riba, ela, sobrada de intelixencia, riqueza e mozos, non manifestaba o que agora manifesta sen rubor: que busca mozo. E mira por onde, agora que o di, éntranme a min o desexo de lle facer as beiras. Agora, agora que me pilla sen forzas, esgotadas as posibilidades de que a fortuna me sorría, prexudicado polas doce sesións de quimioterapia chapadas nos últimos meses, abonado a canta alerxia se presenta, agora vén ela co conto de que busca mozo. A boa hora. 
Preguntaranse os máis realistas: terá este plumífero tantos cartos coma Ecclestone, ese baixiño da Fórmula 1 que anda sempre acompañado de mulleres espectaculares que lle levan como mínimo unha cuarta? Non, señores. Case tan baixo coma Ecclestone  e calvo, pero non teño cartos nin para mercarlle unha barra de beizos a unha desas señoritas que o acompañan. Non é por beleza nin riqueza que me atrevo a tal desvarío, senón simplemente porque á vellez todo son disparates. Pois ben mirado, aínda no imposible suposto de que Sharon me elixise de entre os miles de aspirantes que a persigan, que lle podería ofrecer? O meu corazón a cambio da súa beleza? A miña inxenuidade a cambio da súa intelixencia? O meu desespero contra a súa calculada pretensión? 
Están no certo: danlle ás veces a un rarezas malas de explicar. Mais non podo deixar de recoñecelo e admitilo. Amólame que precisamente o diga abertamente agora, que o manifeste coma se non lle sobrasen pretendentes de tódalas cataduras, texturas e poderes. Amólame porque eu non estou nin para mandarlle —non digamos unha foto— nin unha carta. Creo que ata me sairía branda, chorona e reiterativa. Cando unha capacidade decae soen diminuír varias acompañantes. E se non se gozaba de moitas nos mellores momentos, imaxinen o que nos espera para os malos. Con todo, tal vez o volverse gurrón sexa unha mostra máis da catarata de carencias que se nos aveciñan, non paro de pensar que falariamos Chano e máis eu agora, de poder facelo, sabendo que Sharon anda detrás dun mozo. Se cadra ata el se apuntaba e seguro que ma pillaba, onde ía dar a súa intelixencia coa miña, o seu don de xentes coa miña mal disimulada timidez... En fin, que sempre chegan as ofertas tarde e a destempo, porque fose como fose, daquela, aínda que o resultado sería idéntico, polo menos habiamos rir ben entre os dous comentando o asunto. Pero non pode ser. Primeiro porque Chano xa vai moito que nos deixou, e segundo, porque a min píllame no peor momento. Agora tiñas que dicilo, Sharon...
A moitos dos lectores que desen chegado ata aquí sorprenderalles o grao de lixeireza no que me metín neste artigo. Pois non se asusten. Tiña pensado escribir, como case non deixou de facelo ningún articulista que se prece, do tan simpático asunto da familia Pujol. Pero eu négome en redondo. Paréceme que nada pode clarificar mellor o cinismo e descaro de determinadas clases deste país que a miña chocheira con Sharon Stone. É tan estúpido pensar que a actriz puidese responder a unha proposta miña coma crer que os educados na superioridade, na cobiza e na impunidade van cambiar polas boas a súa actitude ou padecerán  consecuencias demoledoras. Todo está sabido. Todo se reduce a unha lección tan simple como indiscutible: as clases dominantes saltan as leis coma quen brinca por riba dunha cancela; convéncennos de que somos pouco laboriosos e roubamos; contratan aos máis expertos para enriquecerse dentro das teas de araña que lles constrúen e intentan adoutrinar nos dominados para que lles aplaudan e rían os seus privilexios coma gracias cubertas de esforzo e honorabilidade. En fin, que prefiro lamentarme do mal momento no que me pilla Sharon Stone buscando mozo.  

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA