lunes, 28 de julio de 2014

É MÁIS TARDE DO QUE PENSAMOS


PARECERÍA que só nenos e mozos ignorasen a velocidade á que vai a vida, pero non é así. Os maduros, os vellos, mesmo os avisados por enfermidades tan traidoras coma perigosas, caemos na trampa de pensar que aínda hai tempo, que o tempo é o único que Deus dá de balde e sobra, e xa o faremos. Cando non. A vida foxe a unha velocidade endiañada, bule sen avisar, avanza cara ó límite moito máis rápido do que queremos pensar, incluso sen ter en conta as pésimas sorpresas dos accidentes. Pensa alguén que lle tardará a vellez, ou os achaques, ou a desilusión, ou o cansazo, ou a desorientación, ou a apatía, ou a tristeza pola perda dos outros? Non teñas medo. Moito antes do sospeitado todo iso irá aparecendo aos poucos ou por xunto, nunca se sabe, pero si que todos iremos experimentando o deterioro, dunha maneira máis agresiva, máis lenta, máis disimulada, pero presentaranse, e collerannos pola caluga, e sorprenderannos coma se nunca ninguén nos avisase, coma se fose a primeira vez que un home se atopa só e incapaz diante do unicamente certo.
Se isto o tiveramos máis en conta, máis apreciaríamos conxugar o xogo coa calma e paz, o aproveitamento do presente sen as angustias e presións dun futuro descoñecido, a intelixencia de dar por morto o pasado, pois a memoria engana, só para a reconstrución do presente é utilizada e manipulada. E máis gozaríamos do equilibrio que se é de balde: a beleza do natural, a amabilidade, escoitar a quen o precisa, deixarnos ir en quen nos recibe, equilibrar movemento con abstracción, recoñecer os pequenos praceres que nun instante dan alegría, o máximo ao que podemos aspirar. Momentos de alegría sumados á fortaleza de aceptar a súa obrigada contrapartida: a dor, a pena. Instalarnos nun realismo no que caiban as sorpresas, a curiosidade, a escoita, a busca, a esperanza crítica, a aceptación. Aprender a gozar do que temos á man e ser ledos deberían ser as primeiras materias de aprendizaxe do ser humano. Porque ademais, así, estariamos máis cerca da amabilidade, nunca ben valorada, pois é a porta da concordia social. Pero para ser amables cómpre gozar con algo, quen con nada goza vólvese un ser desagradable. Gozar do que cada quen saiba é a mellor maneira de entender que non sobra o tempo, que é máis tarde do que pensamos, que non merece a pena distraerse constantemente con canalladas que nos amarguen.


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.