sábado, 7 de junio de 2014

UN REI MOI PREPARADO

Non paran os medios de persuasión de masas de insistir en que o futuro rei Felipe VI está moi preparado. O primeiro universitario (tardaron de raio). Dominando tres idiomas. Experto en relacións internacionais. Responsable. Equilibrado. En fin, que moi preparado. Pois estaría boa se non fose así. Predestinado desde o nacemento para empresa tan elevada, rodeado de recursos a conta do erario público, sen nada que o distraese da súa obriga de formarse durante 45 anos, que esperaban? Un mozote de barrio que non sae no seu vocabulario de tío, a ver si me entendes, sabes o que che quero dicir? Faltaría máis. Que mínimo. Para que unha vida principesca, cargada de privilexios, se non fose quen de sacar a adiante unha carreira, aprender dous idiomas e saber relacionarse con mandatarios da súa categoría? Pero se os idiomas, os da súa clase, apréndenos aínda que só sexa nos espazos e tempos dedicados ao ocio... Non están fartos de ver a perfectos ignorantes expresando en inglés as mesmas bobadas que en español? 
Sería o colmo que non presentase este currículo. Catastrófico atreveríame a dicir. Non sabe o futuro o rei, a súa familia, os aduladores que o encomian, que mentres o futuro rei se preparaba con titores catedráticos da talla de Menéndez e Iglesias, cun plan perfectamente trazado, pasando tempadas en EE. UU.e Canadá, recibindo formación especifica nas escolas do exército, miles de xente da súa xeración, que non votaron a Constitución, nin nada saben das fazañas de seu pai, sacaron adiante idénticas carreiras, algúns con notas brillantes, moitos con becas, saíron ao estranxeiro co xusto para aprender idiomas e agora malviven, os que teñen sorte, con mil euros ao mes? Ben estaría que o futuro monarca, porque cantado está que todo, outra vez, se cerrará en falso, facéndonos crer que estamos nunha nova etapa, se puxese na pel da xente da súa xeración e algo máis novos. Que intentase nun esforzo de empatía conectar con esa xente á que nada lle importan os problemas da realeza ou aborrecen abertamente que a institución caese en tan baixa exemplaridade moral. Ben estaría que este rei tan preparado soubese ler a situación social, os perigos que o axexan e as mareas que o poderían anegar. 
Non. Non chega a tanto a miña inxenuidade coma para pretender que o noso rei tan preparado sexa, ademais, revolucionario. Iso sería algo contra natura. Non vai ser el quen solicite un referendo que o lexitime. Acollerase, claro está, ao acordado polos partidos maioritarios para manter esta xefatura de Estado por un fío. O seu papel, a pesar de tanta preparación, non será tan determinante como para impulsar solucións á gravidade da inestabilidade territorial (tan ben soportada no silencio por este goberno experto en deixar pasar), a vergonza do incremento da desigualdade social e o fastío da cidadanía cara os políticos. Pero si parecería conveniente que, pretendendo ser o rei de tódolos españois da España que tanto ama, tomase nota de que algo se está movendo. Que unha nova xeración, non os fillos dos de sempre, pretenden organizarse dun novo xeito. E eles tamén están moi preparados. Formáronse en rede, nas redes, con idiomas, na vida universitaria, e organízanse para que a política se faga de outro xeito. Xa sei que o “si se puede” aos banqueiros non lles gusta, nin aos políticos instalados, nin queren probar, o temor ao cambio é pavor, pero que non se enganen: estes xoves tan preparados coma o rei, universitarios con beca ou cun enorme sacrificio dos pais, dominadores de idiomas, afeitos a comezar a súa vida laboral na precariedade e sen as máis mínimas defensas diante do patrón, han saber artellar unha nova forma de facer política. A do século XXI. Deberá pensar o futuro rei se el encaixará nesa nova etapa. Frases feitas, amores sen contraste, sacrificios tan desinteresados a ninguén convencen neste momento. A xeración que será protagonista nos próximos anos da vida económica e política do país, como continúe en ascenso a desigualdade e a corrupción e falta de empatía sexa a moeda habitual da clase dominante, entre a que se inclúen determinados partidos fosilizados, non tragará con monarquías anacrónicas. 
Eu non son partidario de institucións hereditarias. Non deberían selo tampouco quen tanto defenden a liberdade de mercado e a meritocracia, desprezando incluso aos que teñen a desgraza de padecer o infortunio. Parece estraño que quen mellor se levan e entenden entre si son os máis contraditorios nos seus modelos ideolóxicos. Non tería inconveniente, sen embargo, sobre todo para non marear demasiado a perdiz, especialmente neste momento tan crítico, en aceptar unha xefatura do Estado continuísta. Pero con unha única condición: este rei tan preparado debería mostrar máis empeño que en ningunha outra cousa en devolver a dignidade aos millóns de preparados que viven sen ilusión nin futuro.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.