sábado, 14 de junio de 2014

SOBRE PROFESORES E ASCENSORES

Dá gusto comprobar que o que levas reflexionando ao longo da túa vida profesional aparece confirmado por estudos de investigadores de prestixio. Tal é o caso do que me aconteceu lendo unha entrevista ao científico Raj Chetty, quen sostén algunhas evidencias sobre as que veño escribindo dende hai anos. A primeira e base do resto é a inconveniencia, aínda que só sexa por interese material, da desigualdade. Porque a desigualdade non só é indesexable dende unha mirada ética senón tamén dende a puramente económica. O tecido económico acaba esfiañado se a desigualdade medra. A ninguén debería interesarlle: entre os fillos da clases máis desfavorecidas e que nunca alcanzan a realizar estudos podería atoparse a nena que descubrise a molécula que pode salvar a túa vida; na medida en que os marxinados da sociedade son máis, os gastos en enfermidades, cárceres e subsidios aumentan considerablemente. Se non queremos aceptalo coma unha obriga ética, deberiamos entender que non é negocio a desigualdade. Entre os países cunha boa organización social existe un ascensor accesible ao que poden subirse aqueles que pretenden moverse socialmente. O máis triste dun país é a carencia dun triste ascensor ao que se subir. Ou aqueles que están acugulados e non cabe un alma máis. Ou os que enganan ensinando o camiño dun ascensor que só é un remedo no que pasas anos sen chegar nunca a ningún piso. Dinamarca, coma en tantos outros parámetros, presenta a mellor puntuación en canto a ascensor social na UE. De España non ten datos Chetty, pero tódolos indicadores insisten en que a desigualdade está medrando máis ca na maioría dos países da UE. As diferencias na posibilidade de pillar un ascensor non están só no país no que vives, senón tamén en función da cidade. Porque en definitiva a cidade, a súa organización urbanística, é o primeiro condicionante dun estilo vital. Se a cidade invita a guetos, a illar aos pobres dos ricos en barrios miserentos, atopar ascensores sociais é máis complicado. Naquela na que os transportes son de calidade e o achegamento entre uns e outros é máis factible, estase construíndo un anaco de ascensor. Ademais das cidades, as familias son outro elemento de importancia. Sábese que as familiar extensas e con alta cohesión teñen mellores perspectivas para alcanzar o ascensor da mobilidade social. Pero o auténtico motor e conexión entre a desigualdade e o ascensor social segue a ser a educación. Por iso os políticos insisten sempre nos seus discursos en que o mellor investimento é aquel que vai destinado a educación, aínda que logo a realidade diste bastante deste desexo. E por iso se cadra, en España, os partidos gobernantes non se cansan de facer e desfacer leis- talvez contaxiados pola calceta de Penélope- nun intento por lograr a reforma definitiva. Reformas que fracasan todas antes dos cinco anos por varios factores pero entre eles por un fundamental: non entender a importancia do profesorado. Sen el ningunha reforma servirá de nada. E sen entender que son os profesores os que inflúen na mobilidade social pouco avanzaremos con reformar aspectos burocráticos, programas, metodoloxías e outras modas que xa demostraron a súa ineficacia. Despois de estudios con big data, tal e como hoxe se poden facer, comprobouse que o que modifica e transforma aos estudantes son os bos mestres. Un bo profesor, dous, tres, son garantía de éxito na súa vida . Aqueles alumnos que tiveron bos profesores ofrecen sempre mellores puntuacións en todo tipo de variables examinadas, xa sexan de tipo material (éxito laboral e nivel de remuneración), xa no campo afectivo e de personalidade (menor risco de caer nas drogas e na inestabilidade). Parece claro que a relación entre profesores excelentes e a maior mobilidade social está demostrada. A importancia dos mestres excelentes é enorme. De aí que a lóxica veña polo seu propio peso: logremos profesores excelentes e consigamos que traballen nos centros que máis necesidade teñen. Velaí a liña a seguir. Exactamente a contraria á que se está levando. A pouco que observemos detectamos coma se a excelencia fose escapando dos problemas, das dificultades, coma se a tendencia natural fose fuxir dos ensinos básicos (preescolar, primaria, secundaria) e dos lugares máis conflitivos e máis necesitados. Cando a finalidade debería ser a oposta: seleccionar aos mellores profesores para que exerzan a súa docencia nos lugares onde máis se necesitan. É isto imposible? Non. O primeiro obxectivo habería de encamiñarse cara un nivel de esixencia nas oposicións que cribase aos mellores para o ensino. En segundo lugar, tamén, deberían estar ben pagados, pois nesta sociedade pouco correlaciona máis co prestixio que o salario. Traballaríase para que o recoñecemento social alcanzase o nivel de Finlandia, por exemplo. E, por último, habería que buscar incentivos para que os profesores excelentes quixesen exercer naqueles centros máis necesitados, naqueles nos que é imprescindible un ascensor á porta do colexio.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.