No intento por remodelar esta idea preconcebida caín na conta de que na actualidade a quen máis vexo esaxeradamente tatuados é aos futbolistas, e se cadra é esa razón, non a que xustifique o meu defecto, senón a que explique por que tanto me custa aceptar a práctica da tatuaxe con ollos limpos. Contra os futbolistas non teño nada persoal, pero hai bastantes que me parecen o paradigma dos malos modelos de exemplo social. Moitos deles, auténticos mimados tal e como os seus propios xestos e condutas no campo denuncian, reúnen na súa manifestación pública o brillo do insubstancial. Forrados de cartos desde idades adolescentes, andan cheos de fachenda presumindo de autos, mansións e caprichos, tirando así de tódalas ansias da mocidade mundial. Hoxe os adolescentes do mundo – os homes tratando de emulalos, as mulleres envexando ás que os cazaron- soñan co seu futbolista tipo: eses novos heroes desta sociedade, representación de todo o que é triunfar. Un triunfo rápido, en aparencia fácil, que dá entrada a tódolos caprichos que alguén poida desexar para a súa adolescencia e xuventude.
Como soe ocorrer con estes modelos sociais, son máis admirados e envexados polos nenos e adolescentes menos realistas, aqueles que carecen de oportunidades para ver a vida doutro xeito distinto a como no la ensinan os medios de comunicación de masas. Nos ambientes familiares e sociais nos que as aspiracións son realistas, será raro que os nenos se deixen levar por ese inevitable desexo infantil ao que poucos escapan. Axiña pais e educadores se encargan de situar as aspiracións no lugar que lles corresponde e de contado se centran en profesións e oficios que non esixen de tanto talento, fortuna e excepción. Cando moitos adolescentes me comunicaban por razón profesional a súa íntima intención de ser un novo Ronaldo, trataba por tódolos medios de facerlles ver que a esa mesma hora, nos cinco continentes, millóns de adolescentes con mellor físico e con tantos ou máis dons futbolísticos ca el aspiraban ao mesmo, que botase conta das posibilidades de que lle tocase tal lotería. Agás algún cos pés na terra, a maioría calaba como síntoma de que eu non entendía nada e que eles sabían ben o que querían. Ilusión non pensen que só alimentada en mentes infantís; se queren saber da loucura á que pode chegar a tentación de alcanzar os loureiros dos novos heroes, acudan un sábado ou domingo pola mañá as gradas onde pais e nais seguen aos seus futuros ídolos xogando en categorías inferiores. Dáse tal furia, excitación e paixón que un asústase vendo as reaccións de pais serenos e cabais diante dunha entrada que consideran agresiva por parte dun contrario ou o presumible erro arbitral que prexudica ao seu futuro campión: de auténtica rabia desatada, tal é a ilusión para que o seu fillo progrese e se asente paso a paso na liña de ascensión á gloria do fútbol.
Pois ben, cando vexo a estes heroes do momento amosando os seus corpos tatuados, algúns máis ben emborraxados, dou en pensar que é a reacción propia de quen xa non sabe que inventar, farto de todo luxo, un capricho máis. Pensamento sen fundamento, por suposto, pero que inflúe para que non acaben de gustarme esas pinturas coas que, a cada paso máis, se embelecen homes e mulleres. Pouco me importa que sexa algo que se vén practicando dende o neolítico, que nas distintas culturas poida significar dignidade, conexión co sobrenatural ou reflicta a maior delicadeza. Admito que hai figuras e filigranas gravadas nos corpos que adornan e agrandan a beleza corporal, pero ao ver os brazos ou colos de famosos xogadores do balón manchados de colores, símbolos, números, animais ou calquera outro motivo, por importante e íntimo que para eles sexa, non me acaba de gustar esa decoración. Paréceme que o corpo perde beleza. Xa ven, manías propias do pasar dos anos, seguro que á maioría dos mozos e mozas do mundo lles parece unha auténtica marabilla. E por iso se imporá a moda. E non me quedará outra que ver á neta con algo pintando no seu corpo. O que lle insistirei, outra cousa é que me faga caso, é que non escriba o nome do mozo, total: para logo ter que andar borrando...
PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.