martes, 1 de abril de 2014

O QUE VALE UN H0ME


OU UNHA MULLER, e non me obriguen a aclarar en cada parágrafo que as mulleres están peor pagadas e merecen a igual traballo, igual salario. Feita esta aclaración, a miña pregunta vén a conto co club dos executivos millonarios que concentran sobre si, parece, o 99% do éxito dunha empresa, do contrario como se explica unha diferenza tan abismal entre o seu salario e o medio alto dos outros empregados. Por iso eu quixera indagar a ver ser realmente existen razóns de peso que xustifiquen tales desproporcións.
Como exemplo ben á beira temos a Pablo Isla, o número un, da empresa número un. Partamos de bases incuestionables. Unha empresa é dos seus accionistas e eles consenten e pagan o que lles peta aos seus empregados. Se decide, polo tanto, crear esas diferenzas de escándalo entre os seus empregados será porque lles compensa. Ou non. Pero eles así o cren. Ben, supoñamos que un destes altos executivos do club sabe sete idiomas, domina o dereito comercial internacional coma poucos, demostra unha capacidade de líder entre os seus colegas que o seguen como a Xesús os apóstolos, que goza dunha perspicacia pouco vista para adiantarse a descubrir onde e como deben dirixirse os próximos investimentos, domina a planificación e control de persoal ata o punto de que os sindicatos e todos os obreiros beben da súa man con fe de carboeiros e, por riba, goza do don de xentes, é amable, faise querer e todo o persoal sente admiración por el. Regálenlle se queren máis virtudes. Aínda así, compensa que unha empresa centralice nunha soa persoa tanto poder e como tal se lle pague cun soldo pornográfico que non resiste ningunha análise que o xustifique? Non eran fenómenos similares Conde, Rato, Blesa, Gayoso, Méndez? Que home pode supor tanto para unha empresa coma para que reciba tales beneficios? Ningún. E non só iso, senón que me parece un erro maiúsculo non potenciar unha rede horizontal, un equipo de directivos, que reciban un salario acorde á súa valía e dedicación, pero nunca depositar nun só home tamaño poder. E menos regalarlle un soldo tan escandaloso que, oxalá me equivoque, pero calquera día descubrimos que era un máis que mentres o vento viña a favor enriqueceuse desmesuradamente, e se chegase a vir en contra, desaparecería sen culpa nin pena. Ningún home vale tanto. E se os houbese, non cobrarían ese disparate de salario.


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.