domingo, 20 de abril de 2014

CORENTA MIL EUROS POR HORA

Disque Aznar cobra corenta mil euro por hora de conferencia. Xa sei que hai quen cobra moito máis (Blair, Clinton), pero gustaríame saber que nos pode ensinar durante unha hora o Sr. Aznar (ou calquera) para cobrar esa cantidade de cartos. Que último descubrimento puido conseguir no campo da teoría política ou económica? Que verdades atesoura desde os presocráticos ás novas teoría cuánticas para nunha hora aportar tanta información, experiencia e saber que merece, como mínimo, unha cantidade que seguro a el lle parece ridícula? Como unha sociedade pode alcanzar tal estupidez como para pagar a catro fachendosos por nada? Entendo que na mafia que se traen entre os poderosos se pague por información privilexiada, para que se espallen ideas con réditos inmediatos ou a longo prazo e que todos eles formen unha camariña na que se ocultan, tapan, abren ou transmiten aquelo que os pode facer máis ricos, pois non doutra finalidade se trata. Pero a que vén invitar a un señor ao que se lle coñecen de sobra todas as súas ideas, filias e fobias, a que dea unha conferencia a tan alto prezo? Que nos poden aportar Clair, Clinton, González, Aznar nunha charla informativa? Parece claro que os segredos non os van cotar ao público, por escolleito que sexa, presente na sala. Que ningún sairá máis informado sobre por onde irán os tiros do gas e do petróleo, dos medios de comunicación e dos investimentos en artificios financeiros. Non será entón un pago que se permiten para reunirse os elixidos de vez en cando entre si? Non buscarán estas asociacións, clubs, elites a maneira de se xuntar co pretexto de escoitar a alguén que, presumiblemente, goza de moita experiencia e saber? Que saber, que experiencia? O de facerse millonario despois de pasar pola presidencia dun país? Son ao fin clases rápidas de como facerse millonario? Ou nin ese segredo descobren? Recoñezo que nunca asistín a ningunha conferencia destes señores e non podo xulgar nin sobre que nin como din algo. Pero non me parece aventurado, polo menos no caso de Aznar e González, ben coñecidos e escoitados entre nós, que agás catro tópicos dos que non saen, nada novo aportarán en ningún campo: nin no da renovación política, nin no de modelos económicos máis sostibles, nin, menos, na maneira de mellorar cara unha sociedade máis equilibrada e libre. Hai que padecer certa desesperación, ser amigo, deber favores ou pasar por un mal momento emocional como para asistir a unha conferencia de González ou Aznar. Non é con ánimo de faltar, pero antes saca un os cans polo monte, seguro que a lección é de maior proveito. Porque a única verdade incuestionable ata o momento é que estes ex mandatarios o que son uns aguias para non se conformar con vivir decentemente con cen ou douscentos mil euros ao ano. Necesitan entrar no grupo dos poderosos de verdade, no clan dos escolleitos para ser unha oligarquía que vai deixando xa colocados a fillos e familiares para un futuro no que se debe continuar coa selección natural. Pois sabido é que os cachorros desta especie sabia non teñen complexos nin lles faltan arrestos para desde moi novos seguir os pasos dos seus proxenitores. E seguro que tampouco van ás súas conferencias. Resumindo: que esta sociedade elixe a quen paga e por que, decide o que lle parece máis beneficioso e o que menos, e, polo visto, unha conferencia de Aznar vale corenta mil euros á hora. O curioso desta decisión tan estrambótica é que non son analfabetos funcionais os que os contratan e causan esta demanda, senón os grupos que se cren máis e mellor informados, os únicos que coñecen regras realistas para mellorar esta sociedade e os situados nos mellores postos para dirixila. Estamos, pois, dirixidos e informados, adoutrinados por intelixencias do tipo: como facerse millonario nunha hora, ou como facerse conferenciante de éxito, ou como rirse sen ofender aos que traballan duro sen sacarlle proveito ao seu traballo. Que un señor como Aznar predique con feitos e xestos que é un triunfador grazas á súa intelixencia, constancia e capacidade de esforzo é un claro insulto para unha cantidade inmensa de persoas máis intelixentes ca el, mellor preparados, máis esforzados, empeñados en proxectos máis beneficiosos para a sociedade e aos que se lles quere facer crer que se non saen adiante é pola súa indolencia e falta de vigor. Que González diga que se aburre cobrando 160.000 por aprender algo de enerxía (dedúcese que non sabe nada) ou que Aznar manifeste que “Me cuesta mucho ganarme honradamente la vida” é un insulto para os cidadáns deste país sen o máis mínimo atenuante.


PUBLICADO EN EL DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.