sábado, 26 de abril de 2014

AMIZADES TRAMPA


PLINIO Apuleyo Mendoza, amigo íntimo de García Márquez, ten xustificado en múltiples ocasións a amizade do autor de El coronel no tiene quien le escriba con Fidel Castro. Segundo as súas explicacións, unha amizade que salvou a moitos cubanos da cadea e que a outros lles proporcionou a posibilidade de escapar da illa. Non dubido que sexan certas estas xestións en favor de determinadas persoas, pero creo que as amizades perigosas de García Márquez van máis aló dunha petición de perdón. Con independencia de que lle gustase relacionarse co poder (din algúns que eran os poderosos os que se achegaban a el, algo de todo habería) non sei se relacionarse con Torrijos, Arafat, Clinton, o rei de España e outros correspondía a trato con boas ou mala amizades, desde logo o seu trato con Cuba paréceme que obedece a unha trampa moi hábil de Fidel.
Durante anos o réxime cubano xogou a baza de utilizar como embaixadores por Europa a escritores de prestixio. Gran parte deles foron dándose conta da trampa e, salvo necesitados e mediocres, moitos denunciaron o que na realidade ocorría na illa. García Márquez mantívose (desde logo non por necesidade) fiel a Fidel ata o final, non sei se convencido de que entre o malo era o mellor para a pobreza dos países de América Latina ou, como dicía o amigo Plinio, polo pragmático resultado de salvar a condenados. Fora como fose, sobre todo na época do estoupido fulgurante en Europa da literatura latinoamericana, os escritores de máis éxito brillaban coma faros ideolóxicos nas xuventudes que buscaban unha ideoloxía que frease os abusos do capitalismo. Que escritores case idolatrados naqueles momentos defendesen as actitudes políticas de Fidel equivalía a unha propaganda de enorme poderío e gratuíta. Fidel xogou sempre con decisión esa artimaña. Aos escritores que saían da illa escaldados e contaban catro verdades (Cabrera Infante), intentaba destruílos por tódolos medios. Aos que ían pescar, pasalo ao grande e darlle ao trago por tempadas na Habana coidábaos con mimo para que trasladasen ao mundo as grandezas do seu réxime. Vargas Llosa arredouse en canto viu a realidade. Mesmo Brice Echenique coa boa vida que alí se daba acabou por ridiculizar as trampas do ditador. Sorpréndeme que García Márquez aguantase tantos anos unha fidelidade trampa que só a Fidel, non aos cubanos, lle produciu beneficios.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.