sábado, 22 de febrero de 2014

A DIETA DA PAPAIA


NAS dietas non teño fe ningunha, pero á da papaia –mellor á do Caribe– estoume dedicando con intensidade. Recordarán que cando o papa Xoán Paulo II estaba apurando ao máximo o cáliz do seu sufrimento, coma se debese levar a cruz ata caer sen gota de folgos, pasara por un efémero período de melloría. Os medios atribuíana á dieta da papaia. Non sei que médico lle aconsellara o remedio pero parecía que respondía. Na miña aldea a iso chámanlle a melloría da morte, mais os medios modernos de persuasión prefiren outros apelativos e durante algún tempo estivo de moda o citado método como se tivese un alto poder curativo, incluído o de vencer á vellez. Como eu ando estragado de saúde, veume á cabeza o nome da dieta e dei en experimentar en min os efectos, espero que menos efémeros cós do falecido papa.
Nada que ninguén non saiba: prepararme uns zumes de froitas variadas que manda chover na Habana. Papaia, piña, mango, fresas, laranxa, pera, mazá... Todo á batedora e sae un zume espumoso, cunha color que invita á alegría e que me sabe a gloria. Dou por suposto que o tal combinado algo de vitaminas levará e mal non me fará ningún, por iso persisto e me dou ao vicio cada tarde cunha dedicación refinada. Porque o benestar comeza na elaboración, no coidado co que retiras finas as liscas da pel do mango, o tino co que cortas os cadrados da piña, o tempo e cálculo exactos de batido para que o resultado saia nin excesivamente augado nin espeso. Todo esixe delicadeza. Un vez elaborado, opto por tres modos de tomalo. O primeiro e máis frecuente é tendo o vaso na mesa onde escribo. Despois de tres ou catro grolos –e iso que me falta a goiaba– e catro ou cinco liñas escritas síntome todo un García Márquez. O malo é que acabo antes o zume que o texto, pero por un momento ninguén me retira o pracer de achegarme ao xenio de Aracataca. Outras veces levo o colorido líquido para o sofá onde me poño a ler. A paz que me invade é grande. Grolo a grolo vou acabando na bebida aínda que a lectura non avance demasiado. E por último, que é ao que máis me acollo, sento sen intención ningunha, o vaso na man, e cando se me vén a cabeza a próxima sesión de quimio trasládome á praia do Carme na Ribera Maya entregado a unha serenidade sen sobresaltos e bebo con parsimonia gozando do Caribe sen angustiarme polo que me espera. Non hai dieta coma ela.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.