domingo, 28 de diciembre de 2014

POR VOSTEDE, SEÑORÍA

MOITOS andabamos coa mosca detrás da orella. Que a xustiza ás veces parece un chachondeo non se debe dicir, abonda con Pacheco na cadea, pero para desconfianzas sobran motivos. Por lego que un sexa no dereito, a pouco que aplique a intención pode descubrir manexos, dilacións, apelacións, prescricións e sentenzas que fan dubidar da separación de poderes e, sobre todo, dan indicios sobrados de que unha elite de privilexiados manexan a democracia e a xustiza na defensa dos seus intereses. Por iso moitos desconfiabamos que no proceso do caso Nóos a infanta Cristina quedase libre de po e palla. E non por prexuízos gratuítos, senón porque a actuación do fiscal, da Axencia Tributaria e dos avogados do Estado parecía ir claramente nesa dirección. O iter desas institucións e máis o de moitos medios non deixaba dúbida: a presunción de inocencia é sagrada en dereito, por ser infanta non se lle debe anular nin unha garantía e a xenreira ideolóxica (as manobras políticas) non se pode traspasar ao campo da xustiza. Con tales argumentos xustificativos malo sería, pensaban, aínda que houbese que acollerse á doutrina Botín con pinzas, non librar do xuízo oral á infanta.
Pero non foi así. O xuíz Castro ditou un auto polo que se ha sentar no banquiño dos acusados para que un tribunal resolva se cometeu un dobre delito fiscal. E non lle treme o teclado para razoar que a presunción de inocencia significa exactamente investigar as sospeitas ata que estas se desvanezan ou se tornen en indicios racionais; que as garantías de instrución neste caso, en comparanza con outros axustizados, chegaron ao grao de hipergarantías; que a aplicación da doutrina Botín, con independencia do seu fundamento xurídico, non se sostén neste proceso; e, amparándose no artigo 31 da Constitución, segundo a cal todos os cidadáns están obrigados a contribuír ao sostemento dos gastos públicos, lembra que a evasión impositiva non prexudica en puridade á facenda pública senón ao indeterminado colectivo dos cidadáns.
Por iso o xuíz Castro, contra vento e marea, con dignidade e brillo exemplares, dita o auto. E non se me ocorre mellor brinde para este Nadal que por un xuíz capaz de regalarnos a esperanza de que, por máis que as elites sexan expertas en torcer a lei, sempre queda unha regaña de luz na xustiza pola que podan acabar sentados no banquiño dos acusados. Por vostede, señoría.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

CEA DE ALTO RISCO

A Sánchez Ferlosio sempre lle sorprendeu iso que se dá en chamar “encontro de alto risco” referido a partidos de fútbol. El, tan crítico co deporte, non sae do seu asombro cando analiza tal despropósito contraditorio. Algo semellante me ocorre a min coas ceas de Nadal. Que a festa do ano máis centrada na familia case esixa decretos antidisturbios para que se acomoden e soporten os familiares non deixa de ser un paradoxo cómico. Como cando lean isto xa superaron a primeira parte da proba e van - animosos ou desgastados, iso xa non o sei- cara a segunda volta de euforia e ledicia en ano vello, aninovo e Reis Magos, recórdolles algunhas consideracións que non deberiamos esquecer para saír o menos prexudicados de tanta tenrura, bondade e paz concentradas. 
Saben que sempre foi preocupación dos expertos que se encargan de que non se nos esfole a boa vida axudarnos para que comamos e bebamos pero non engordemos máis do debido. Cadrar o círculo consiste en seducirnos e tentarnos con toda clase de manxares e lambonadas, ceas exquisitas, pero ao tempo protexendo a liña delgada da figura esvelta, deusa da beleza e harmonía actuais, pois rachadas ou engrosadas entramos no inferno da fealdade enfermiza. Así pois, analistas en cociña, especialidade neste momento de máis peso que dedicarse á investigación sobre o cancro, encárganse nas previas ás ceas e comidas pantagruélicas de nos ir enchendo o desexo e a boca de zumes embriagadores: mariscos, pescados, carnes roxas, aves voadoras, polos cebados, xamóns chegados do sur, patés de países veciños, queixos únicos, améndoas, figos, doces de tódalas comarcas, azucre puro, mazapáns, pasas, larpeiradas as que se lles ocorran, viños e licores, que combinados han de aparecer en toda mesa que participe do espírito destas festas. Pratos máis ou menos elaborados, abundantes sempre, compiten para reunir arredor deles a familiares que veñen de tódalas partes á casa por Nadal. O orixinal e enxeñoso radica en preparar as mellores mesas e ao tempo que ninguén engorde. Primeira regra: coma moito, ben e de todo e non engorde. 
Pero axiña outros expertos se decataron que non todo é comer e manter a figura. Como as rabechas, enfrontamentos, enfados, fuxidas, ameazas, prantos e desenlaces pouco edificantes son frecuentes ao se encontrar tantos familiares, xa non só os de sangue, ben coñecidos con teimas e neuras, senón os políticos, eses incorporados por mor de casoiros, arrimos estables ou momentáneos, as festas esixen outras recomendacións. Por iso os coñecedores destes conflitos se apresuran a nos impartir doutrina enlatada para que todo resulte máis levadeiro. Se observan, os suplementos dos grandes xornais ofrecen nestes días consellos a patadas para que saibamos superar ou previr este tipo de desacordos. Coma un partido de alto risco. Que debemos ir preparados para as barras de ferro, fungueiros, navallas e botellas coas que nos poidan atacar os do fronte sur, grada de río ou fondo norte. E así, coa mellor filosofía do axúdate axiña a ti mesmo, unha serie de normas nos preparan para acudir a estas comidas e ceas nas que o espírito de concordia, amor e regalo son o pan de verdadeiro alimento. O primeiro paso para non dalo en falso será unha boa estratexia xeopolítica. Sentar o cuñado de Podemos á beira do fillo máis vello amante confeso de Martínez-Pujalte pode acabar cos restos de polo de Vilalba voando por enriba da avoa e dando en pleno rostro da nai que pretende atallar como sexa batalla tan inapropiada; xuntar á filla envexosa e resentida a carón da cuñada enxoiada e sobrada de modelos porque o seu marido sabe manexarse cal pequeno Nicolás entre as amizades valedoras, seguro que conduce a palabras afiadas coma subelas que atravesan de punta a punta da mesa un frío silencio cada vez que a triunfadora recita o prezo da última prenda mercada e a resentida, os ollos brillantes en auga encarnada, resposta con pedras suficientes coma para lapidar na máis feroz lei islamista á adúltera confesa. De aí a importancia da boa colocación na mesa, cal cea diplomática cun delicado obxectivo de chegar a un tratado de paz. 
E aínda máis. A xeopolítica da colocación na mesa non é suficiente. Necesitamos técnicas psicolóxicas para saber cambiar de conversación, ser asertivos pero non causar agravios, rir sen parar para que todos podan sentirse acollidos e demostrar habilidade diante do diálogo ofensivo, estúpido ou banal. Hai que aprender a facerse o bobo, a non contestar, saír pola tanxente, dominar a resposta con pregunta e pospoñer con xeneralidades ou tempo lento a curiosidade do veciño. Intelixencia para non acabar coma nun partido de alto risco. Porque xa saben: así como o fútbol é a maneira de amigarse entre cidades e nacións, pero con partidos de alto risco, as festas do Nadal son o cumio da harmonía e cariño familiar, pero convén ir aprendidos, porque no momento menos pensado o tío de ultrasur saca a navalla que levaba agochada.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

sábado, 20 de diciembre de 2014

O PEOR DA FAMILIA

TERÁN oído que quen non tivo unha infancia feliz non gusta do Nadal. Ou que aqueles que padecen por desequilibrio, inxustiza ou fracaso, tropezan estes días co cravo que os espeta máis fondo na súa dor. Seguro que saben de moitos que senten a urxencia de fuxir nestes días para esquecer, para non se enfrontar, para burlar o reto de se atopar cos seus, cos máis achegados, que son moitas veces os que máis nos irritan por situarnos diante do espello no que non nos queremos mirar. Regresa o Nadal. Coas súas aparencias, farsas, simulacións. Co seu ambiente doce de máis, enganoso, efémero. Regresa o Nadal, outra vez, sempre, nunca se irá, porque, digamos o que digamos, un alivio é imprescindible; unha parada cómpre para recordarnos a esencia: que é na axuda, no afecto, no regalo, na confianza, na incondicionalidade, no morno do arrimo e do conforto onde realmente vivimos ben, por máis que se antolle prefabricada ou de verniz que renxe esta manifestación comercializada. Volve o Nadal, a chamada da familia que é a nai de tódalas neuroses, a salvación e refuxio de tódalas amarguras.
Non recorrerei a Tolstoi. Sábese ben, sen necesidade de citas, que cada familia está rexida por unha dinámica propia e intransferible. Os cambios sociais obríganos a ampliar a mirada e ver familia onde antes nin o pensabamos e a esquecer que algunhas nas que vivimos xa non volverán nunca máis. A forma, estrutura e xerarquía familiar mudan. Determinados patróns estalan e outros van cristalizando na medida en que o traballo, a falta del, o apoio económico, a transmisión de patrimonio ou tendencia cara o individual van penetrando no enramado social. Pero a pesar dos cambios e transformacións, o vínculo familiar segue mostrando solidez. As festas deste tempo, que no inicio obedecían aos cambios de estación polo peso agrícola, despois foron conformadas pola fortaleza excepcional do cristianismo e agora se amasan nunha mesturanza ecléctica, demostran o apego perpetuo que os humanos sentimos pola ruptura e creacións de momentos únicos. O de agora vén para nos reconciliar coa fame de paz, de amizade, de acougo e coidado no seo dos que nos trouxeron, criaron e amaron. Uns días especiais para volver á dinámica familiar, esa que ás veces parece tóxica ou insoportable. Porque xa se sabe que só hai unha cousa peor que ter familia: non tela. Que pasen unhas boas festas.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

TRES NOVELAS DE MODA

En castelán, as novelas que máis se promocionan e coñecen neste fin de ano son as de Javier Marías ( Así comienza lo malo. Alfaguara), a de Javier Cercas (El impostor. Literatura Random House) e a de Antonio Muñoz Molina ( Como la sombra que se va. Seix Barral). Son os tres autores sobradamente premiados e recoñecidos, tamén, claro, promocionados e publicitados. E os tres, non admite discusión, indiscutibles narradores de talento. 
Javier Marías escribe outra entrega pulida e case obsesiva na súa indagación detrás de ata que punto se debe calar para deixar algo impune. Demostra de novo a súa persistencia nesa prosa tan súa, reiterativa, chea de reviravoltas de razoamento e de decisión moral, impecable na construción, perfeccionista na linguaxe, con débedas, creo, ao seu admirado Thomas Bernhard. O pequeno Shakespeare en español prolonga e riza coa pausa case pedante que o caracteriza a trama ben tecida para ila destecendo cun tempero e paciencia admirables. É ben certo que non é Marías dos escritores que permite que os personaxes ou calquera elemento exterior o perturbe. El controla a escritura como quere, permite deixarse ver e agocharse como lle convén ao libro, que permanece do inicio ao cabo baixo o seu absoluto control, sen miga de emoción desbordada, de magma volcánico incontrolado. Marías preme na prosa e fíltraa ata que zumega o líquido xusto que pretende, nin doce nin amargo, nin obsceno nin pudoroso, equilibrado, racional, calculado. Así comienza lo malo lévanos a través dunha trama algo rebuscada e por veces incluso truculenta ás teimas do autor ben anunciadas nos seus artigos: os mentiráns que se transmutan despois da guerra civil, os segredos que a todos nos fan ser, a fuxida dos infortunios, a inutilidade ou necesidade de rastrear vilezas, a medida exacta entre saber e non saber. Todo para seguir sen saber demasiado, porque como acostuma a dicir citando a Faulkner: escribir non é máis que acender un misto na escuridade para comprobar que seguimos a escuras. E ao seu ritmo, claro, pois xa se encarga de escribir na novela sobre a demora do que conta, que “tiene que ser a su ritmo y manera. Ese es el privilegio del que cuenta, y el que escucha ninguno, o solamente el de marcharse”. 
Cercas elixe o caso do impostor Enric Marco, que fixo crer a medio mundo que el estivera nun campo de concentración, erixíndose en conferenciante, defensor, cabeza visible dos superviventes daquela traxedia horrenda, para escribir un ensaio novela orixinal e cativadora. A clave do magnetismo desta historia está no contrapunto, non na harmonía, tal e como aquel personaxe de Mann, iracundo detractor de Wagner, trastornado admirador de Bach, lle insistía á súa alumna: o contrapunto, a esencia da arte e da beleza está no contrapunto. E aquí Cerca lógrao ao intercalar a descarnada loita persoal por descubrir ata onde chega a súa impostura coa obxectividade posible detrás da vida do gran impostor. Unha tensión e ritmo trepidantes envólvennos nun torrente de historia recente, nun mar de dolor e necesidade de afecto, na capacidade de enganarnos e mentirnos, de inventar e tapar. Atrapados nas trampas que nos tenden a vítima dende o punto de vista moral e a testemuña dende o intelectual aceptamos a impostura de Marco. Atrapados no medo convertémonos todos en impostores con máis ou menos éxito, sendo ou non os putos amos, como o fillo de Cercas, a quen mete con habilidade na historia, sentencia. Realidade, ficción, a realidade mata, a ficción dá vida, dilemas aos que se vai enfrontando en musical contrapunto un Cercas en cada obra máis arriscado, máis entregado, máis el, máis investigador, máis capaz da ficción. 
Muñoz Molina tamén elixe un personaxe sobre o que investigar. E tamén utiliza a súa propia vida coma contrapunto. Pero así como Cercas logra una conexión perfecta entre o personaxe investigado e o contador, Molina paréceme que fracasa. A historia sobre o asasino de Martin Luther King que se refuxia escapado durante algo máis dunha semana en Lisboa nunca acaba de parecerme suficiente como para xustificar a mellor e máis lograda parte da novela: aquela na que conta a súa relación coa cidade, co proceso creativo e, ao fin, coa súa vida daqueles anos nos que pasou de funcionario en Granda a escritor de éxito. É de grande mérito como o autor se deixa espido diante do lector. “A punto de cumplir 31 años yo era un adolescente hosco y tardío que aparca la mirada y se esconde en su cuarto para rumiar los agravios sufridos y buscar en la literatura y la música un refugio contra la realidad, instalado en la conformidad y el disgusto”. Aquí se resume a mellor veta desta novela escrita, para dicilo coma Umbral, por un escritor dos que escribe coa facilidade coa que se mexa cando hai moitas ganas, pero que neste caso forzou a conexión entre a minuciosa investigación dun fuxitivo coa valentía de se mostrar auténtico. A conexión Memphis con Lisboa funciona mal. A de Lisboa con Granada moi ben, pero así sóbranme duascentas páxinas. En resume, tres novelas que cumpren á perfección o que Molina escribe na súa: unha novela escríbese para confesarse e para esconderse. Os tres se confesan, os tres se agachan.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

lunes, 15 de diciembre de 2014

ENTREVISTAS CON FUNGUEIRO

Algo estase movendo. O nivel de fastío da poboación inquieta aos acomodados gobernantes e institucións. A ameaza de que novos partidos rompan o monopolio bipartito existente mete unha miga de medo nas actitudes e comportamentos tan groseiros da pestilente corrupción. Nada, por outra parte, que non crean que poden deter e superar, para iso traballan incansablemente plumas e voces adoutrinando con que máis vale malo coñecido que bo por coñecer e que todos somos iguais diante da tentación. Dúas falacias que non deixan de ter algo de razón, pero que son falacias: non se segue necesariamente que da loita por máis transparencia e controis nos mecanismos democráticos deba seguir a inestabilidade nin inútil é unha opción ideolóxica porque non quede libre de mazás podres. A irrupción de Podemos xa puido algo: obrigar a partidos maioritarios e medios de comunicación a fiar fino detrás da podremia. Empezando por eles, claro, aos que non lles arrendo as ganancias, remexeranlles cada noite no caldeiro do lixo para analizar os restos orgánicos, plásticos e e vidro. E paréceme ben. Mecanismos de control rigorosos sen excepción, e máis para quen presume de potencialos. 
Un síntoma deste cambio tamén chegou ao xornalismo durmido. Afeitos a programas cómodos, os entrevistadores vivían na confortable simpatía de aceptar vaguidades e simplezas por parte dos entrevistados. Os líderes políticos adestrados nunhas frases feitas, moi correctas, atentas a contentar á maioría, respondían canadas de sorrisos e xeneralidades que pouco os comprometía ou, na súa ambigüidade, lles deixaban abertas saídas múltiples. Despois de décadas nas que o xogo das preguntas e respostas parecía petrificado, sen posibilidade de ruptura, a chegada destes profesores descarados aguzou o enxeño entrevistador e brillan os primeiros lóstregos de entrevistas como é debido: a cara de can, ben preparadas, incisivas, aclaratorias. 
Ana Pastor deu primeiro. Cun labor documental ben elaborado, enfiando cada argumento ata o remate, perseguindo cada carreira coma un bo can de perdices, acurralou a Pablo Iglesias ata facelo tremer. Non basta con boas intencións, acabamos entendendo todos ao remate da entrevista, predicar e dar trigo esixen algo máis ca principios simples e aceptables por todos. A clave política non está só nos obxectivos cara onde ir, senón na maneira como se pensa chegar aí. E tal foi a sacudida, que o propio entrevistado entendeu que xa non lle chegaba con pico de ouro para andar de televisión en televisión. Esa entrevista obrigouno – a el e ao equipo- a pensar seriamente en que había que se preparar, buscar asesores económicos, estudar detidamente os números, porque hai entrevistadores que saben preguntar, xa non abonda co xogo ben dominado no que se lle tapa a boca a dous acomodados políticos “da casta” habituados a asistir a debates coma quen vai de charla de café. 
Inspirado na frenética e ben artellada entrevista de Pastor, Sergio Martín, con idéntico entrevistado, utilizou armas semellantes, só que co inconveniente de contar cuns xornalistas de apoio inútiles e romos. Tamén el se documentou, presentou gráficos, proporcionou datos para que o espectador puidese valorar e someteu ao entrevistado a un rosario de preguntas afiadas e dolorosas, como deben ser aos que din queren e saben ocuparse dos asuntos públicos. Ata aquí, mérito e simpatía tanto para os entrevistadores coma para o entrevistado, valente e arriscado atrevéndose a dar a cara diante de preguntas nada amañadas, aclaracións sen panos quentes, vontade de clarificación diante do espectador, pois de entender se trata.
 Existiu, sen embargo, en ámbalas dúas entrevistas un ton de agresividade, de linguaxe non verbal, de xuízos de valor, de discusión ideolóxica, de impertinencia e esixencia que non sei se é bo xornalismo. O que non xustifica dende o meu punto de vista que se pretenda castigar a Martin. Prefiro un entrevistador insolente a un manso. E se por aí van os tiros do novo xeito de entrevistar, adiante. Algo de irreverencia non vén mal. Algo de incomodidade han de padecer os que nos viñeron embobando con simplezas e mentiras programáticas que tanto servían para un cosido coma para un descosido. Agora ben, a medicina haberá de ser para todos. Ardo en desexos de ver idénticos desplantes, xestos de incredulidade, desaprobación, de premer e impacientar, incluso ridiculizar a Rajoy tal e como se lle fixo a Iglesias. Chegou o momento de acurralar sen piedade a todos. O que sospeito é que se tal método se impuxese, para algúns, para os que van abrindo camiño, a estratexia variaría. A eles agardaríaos o entrevistador cun fungueiro, obrigaríaos diante da pregunta a dicir si ou non, e se si, fungueirazo, e se non, dous fungueirazos.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

ALGO ESTAMOS FACENDO MAL

OS datos confirman o percibido: a cada paso fálase menos galego entre a mocidade, o tramo de idade que vai ser decisivo na conservación da lingua. Entre que nacen poucos nenos e que os que nacen instálanse confortablemente no castelán, o futuro parece claro. As causas desta dramática (ou non é dramática?) situación son múltiples, pero hai algo que non cadra. Critíquemos canto queiramos as políticas lingüísticas, vexamos intencións esmagadoras onde só haxa indolencia, reneguemos de quen asocia lingua a bandeira belixerante, maldigamos o uso litúrxico dos políticos, mortifiqué-
monos porque os pais non llo falan aos fillos, choremos porque non nos queremos como é debido, ridiculicemos unha televisión paifoca se queren pero toda ela en galego, sorprendámonos do escaso logro de que se ensine galego e en galego na escola... En fin, se queren, non saian do pasmo pero si, temos libros traducidos a centos de idiomas, ao ruso, ao chinés, e nin tal éxito consegue que os mozos urbanos e cultivados teñan como lingua habitual o galego. Esquezo o mundo empresarial e a igrexa, dirán algúns. Pecado miúdo: as empresas e a igrexa falarán e escribirán en galego en canto lles sexa rendible, nunca ao revés, non son departamentos de promoción lingüística, pero non teñan medo: en canto Inditex detecte que para vender mellor é necesario etiquetar e que as súas empregadas falen galego, falarano. E nos púlpitos, salvadas as distancias, exactamente igual.
E que fixemos (facemos) mal os que levamos anos escribindo en galego? Porque en algo nos estamos equivocando. Como non fomos capaces de desterrar o prexuízo de que calquera por escribir ou falar galego é un fanático localista chupando da ubre da Xunta?; como persiste aínda a crenza de que por escribir en galego xa se é un nacionalista decimonónico pechado a todo avance e progreso?; como moitos creen que o galego que len non é galego? Por que, a pesar de tanto escribir, non damos penetrado na intelixencia do lector e lle facemos amar a lingua, aínda que só sexa pola utilidade de se achegar a millóns de falantes en portugués? En fin, como é posible –e aquí está o realmente dramático– que para un bo número de cidadáns a perda da lingua non sexa máis que a teima duns cantos obsesionados? Cando tal ocorre, os que escriben e pretenden que sexa normal expresarse nesa lingua algo están facendo mal, do contrario non tantos se mostrarían tan indiferentes ou incluso agresivos con ela.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

SON DE LA FRONTERA


domingo, 7 de diciembre de 2014

NON SABEN OU NON QUEREN?

Hai épocas nas que un anda inocente, cheo de preguntas. Invádennos como a un obsesivo ingobernable que regresa unha e outra vez á manía que o consome. Algo así me vén pasando nos últimos días co problema dos desafiuzamentos. Agora que chega a xeada, a chuvia, a necesidade imperiosa de contar cun teito baixo o que protexerse, dar unha miga de calor aos nenos, aos vellos, como é posible que un país coma este non poida buscar unha solución para un problema así. Sei que todo é máis complexo do que aparenta, que os conflitos de intereses roen en tódalas decisións por banais que parezan, que mentres non nos toca en carne propia todo semella fácil. Pero aínda así, non é posible reunirse, dialogar, ceder, acordar e promulgar unha lei que dea amparo aos máis necesitados?
Adiántome a todos os que vexan populismo e demagoxia no tratamento do tema. Míreno por onde lles pareza. As preguntas seguen a rebulir rabiosas e non deixarei de formulalas. Non somos un país o suficientemente organizado, solvente e razoable coma para impedir que se deixe sen teito a vellos e familias necesitadas? É de tal magnitude a dificultade coma para que non existan métodos que distingan os irresponsables dos necesitados, os malfeitores dos desherdados, os aproveitados dos desafortunados? Con sistemas informáticos tan potentes como contamos, cos milleiros de economistas ilustres dando doutrina, coa cantidade de técnicos ao servizo do Estado, non é posible idear unha fórmula para crear un sistema de vivenda social ao que se poida acceder por baremos xustos? Será por falta de pisos? Nun país no que podrecen miles deles baleiros, a medio construír, pechados, con propietarios que lles queiman nas mans, con débedas ás veces irrisorias para unha administración estatal, non hai ministerio, nin secretaría, nin grupo político que ofreza unha saída razoable? Non podo crer que sexamos tan ineptos, nin tan incapaces, nin tan insensibles, nin tan vagos, nin tan miserables coma para non idear unha maneira, un xeito de solucionar algo tan imprescindible: evitar que unha familia acabe na rúa. O goberno que presume por rebaixar a prima de risco, por estabilizar aos bancos e por implantar a reforma laboral, non é quen para elaborar un decreto que free en seco esta vergonza? Unha de dúas: ou non saben ou non queren. Se non saben, ineptos; se non queren, prefiro calar o que penso.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

MENOS MAL QUE NOS QUEDA A CARIDADE

Xubilados, cidadáns honrados, traballadores mansos, relixiosos, agnósticos, ateos, mulleres cansas do día duro, mozos, votantes de dereitas e de esquerdas, a xente, moita xente únese e colabora e reparte e organízase para facer caridade. Si, caridade. Esa palabra á que non quixeramos recorrer pero á que hai que botar man nos momentos nos que o goberno abdica, mira para outro lado, inhíbese e despístanos con cánticos celestiais de números máxicos, melloras á vista, resignación mellor ca catástrofe. A xente, a anónima, a que pasa desapercibida, a que erra, a que parece hipnotizada, á que queren confundir, compadécese, sente piedade e busca alimentos, non permite que os nenos pasen fame. Porque, parece, só nos queda a caridade. 
Sorpréndese a maioría de que algúns digan que somos ricos, un país rico. Pois non deberían. Somos ricos. Claro que somos ricos. O suficiente coma para que os nenos non pasen fame, coma para que todos poidan ir á escola, coma para no ter frío agora que chegarán as doentes xeadas, coma para vivir baixo teito. Non contamos con grandes recursos naturais, non estamos á cabeza en investigación, non é o noso capital tecnolóxico comprable co doutros países. Claro que non posuímos universidades de prestixio, avances científicos nin historia de potencial económico que outros demostran. Dende logo deberiamos eliminar todo aquelo que non nos podemos permitir. Non andamos sobrados, dá noxo vernos vivir coma novos ricos fantoches, se a mesura e sobriedade imperasen mellor nos iría. Pero somos ricos, o suficiente coma para non acudir á caridade. 
 Os gobernantes, sen embargo, os economistas de cabeceira dos poderosos realistas, non admiten nin a máis mínima desviación, so pena de derrube, catástrofe anunciada e propiciada, de inestabilidade organizada, insisten en convencernos de que non queda outra opción, é o mal menor, a desgraza que nos sacará do pozo. Sufran, padezan, resistan, agárrense á caridade, anuncian ás veces coa boca pequena outras coa máis grande que poden abrir; agarden, confíen, non desesperen, non soñen, non escoiten cantos populistas, nin voces de sereas que nos levarían ao fondo do mar. Somos pobres. Non se pode máis. Faise todo o posible. Pero a desigualade non se pode frear, a miseria á beira da casa tampouco, nenos con fame menos, se hai xente que perde a vivenda será pola súa mala cabeza. Cen mil persoas ao ano quedan sen teito. Cen mil. Nun país inzado de pisos cos que non se sabe que facer. Porque hai que ofrecer custe o que custe confianza aos bancos, porque a esencia do mercado está na solvencia dos bancos. Que importan unha familias sen casa, uns nenos sen leite, uns mozos tirados na rúa? Efectos colaterais. Recorrer a eles, poñer o punto de mira sobre iso non é máis ca demagoxia, populismo, favorecer a desintegración da cohesión social. Co difícil que é estabilizar, co imprescindible que é a «paz social» para que todo marche ben... 
O goberno debe aforrar. Cumprir cos obxectivos marcados. Estabilizar aos bancos, base da nosa economía. Para os efectos secundarios xa está a caridade. Os homes e mulleres do país saben poñerse no lugar do que padece. Os bancos de alimentos medran. Relixiosos, organizacións laicas, nos barrios, nas parroquias a xente vaise organizando, porque o Estado é pobre, debe aforrar o leite de nenos inocentes e ha de ocuparse en manter a orde para que a lei protexa aos usureiros que chimpan á rúa a unha vella, a lei que permite que os bancos non acepten nin a dación como pago nin nada que non sexa a escrupulosa recuperación da súa pésima xogada. Eles non poden perder nin un céntimo. O sistema caería coma un morico de pedras mal asentadas, todo sería moito peor. Por iso nos convén calar, aceptar, convencernos de que ningunha opción é posible, non queda lugar para outra alternativa. Todo está estudado, comprobado. Non queda outra opción. Paguemos as débedas, fagámonos respectar diante dos nosos acredores, demos a imaxe de país solvente e serio, como Deus manda, e que o demo confunda aos débiles e desherdados. Para que está a caridade? Non desequilibremos esta precaria estabilidade. Non xoguemos con lume. Non vaimos cara o precipicio. Manteñamos a orde e non modifiquemos leis que poidan enrabechar aos poderosos. Non saben que os cartos poden fuxir, non saben que se soben impostos quen as pagarán serán os traballadores, non saben que se pretenden repartir inmediatamente os tacharán de ilusos populistas, non saben, en fin, que calquera proposta que saia do establecido non e máis que experimentar con gas inflamable, apropiarse dos dereitos dos suecos sen aceptar os seus deberes, conducirnos á contradición máis absoluta e temible? Esquezamos ideas con ulido a século XIX. Somos pobres. Non hai de onde quitar. Axustemos unha miga máis polo único sitio por onde se pode axustar e miremos o futuro con optimismo. Mentres, que funcione a caridade. Para iso está. O resto, nin tocalo. E menos mal que nos queda a caridade



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

domingo, 30 de noviembre de 2014

A HORA DE TORRES E NAVARRO

TANTO o profesor Vicenç Navarro como Juan Torres, fartáronse nos medios dixitais de denunciar a falta de cultura democrática do país, sobre todo no aspecto económico. O argumento máis socorrido denunciaba que a ideoloxía económica neoliberal invadía a práctica totalidade dos medios máis importantes do país, persuadindo á opinión pública, sen fundamento científico, de solucións falsas e interesadas carentes de rigor. Dende a súa perspectiva, os grupos de poder máis potentes introducían por medio dos seus economistas asalariados directos ou indirectos análises para saír da crise que obedecían á comenencia dos grandes intereses financeiros e non á evidencia científica que avalaba outros métodos non tan agresivos coas clases traballadoras. Laméntanse tamén do baixo nivel de discusión intelectual ao confundir datos e argumentos con insultos, doidos de que neses medios maioritarios contradigan as súas propostas económicas coa simpleza inexacta de ser asesores de Fidel Castro.
Xunto con outros economistas máis novos, tanto o profesor da Pompeu Fabra como o da Universidade de Sevilla disque están concretando o programa económico de Podemos. Creo que a ocasión é única para que as súas propostas se coñezan e discutan tanto con serenidade como con sentido crítico. Se de algo carece o grupo promotor do partido en ascenso é de propostas económicas que fagan crible o cumprimento dos seus soños máis ou menos fáciles de aceptar. Poden estar seguros de que un exército de expertos saíra co fouciño nos dentes disposto a destripar por inxenuas ou irrealizables as súas propostas. Certo que ao final as decisións en economía dependen máis da pretensión política ca do rigor científico sobre o que se asentan, pero a ocasión é única como para que quen di sentirse en inferioridade á hora de crear opinión, demostre que manexa datos e hipóteses realizables, non só fantasías. Se algo conseguiu Podemos é que se introduzan na discusión política propostas que se mandaran ao faiado do descrédito ou incluso se reduciran ao cínico riso desprezativo. Sería positivo que o programa máis pormenorizado deste grupo en ascenso, asesorado por estes dous economistas, dese a oportunidade de ver que non só hai un catecismo e que contrastar e analizar outras modelos de entender a solución aos problemas económicos non nos converte de inmediato na Venezuela do sur de Europa.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

ARRIBA E ABAIXO

Entretidos como estamos en chorar a duquesas, descifrar se o pícaro pode arrastrar na súa fábula a algún imbécil fachendoso ou se o político viaxa detrás da amada a cargo do erario público, esquecemos o fundamental: que somos máis pobres, que o soldos da maioría descenden, que os traballos se achegan cada vez máis á explotación e que en desigualdade poucos nos ganan. Feitos eternos e universais pero que co pasar dos séculos se foron suavizando na medida en que se ganaron dereitos que en principio parecían soños. O sufraxio universal, deixar de traballar coma bestas e gozar de vacacións, aceptar os dereitos humanos coma un desexo incontestable ou a loita das mulleres polo recoñecemento do dereito á igualdade foron inicialmente soños que paulatinamente entraron no camiño da realidade. Por iso, a pesar de todo, a historia da humanidade é un camiño de mellora, por máis que perduren mesturados cos avances tecnolóxicos actitudes e condutas propias de séculos ben atrasados, tal e como escribía non hai moito Juan Goytisolo, flamante premio Cervantes. 
Miramos aparvados a Grecia e Roma, á ágora, á democracia, esquecendo que gran parte da poboación nin era cidadán, só escravo, sen dereito nin dignidade; enredamos por moda de lecer a nos disfrazar de comendadores, rei ou clérigo medieval, pasando ao faiado a pirámide feudal que convertía á maioría en gleba; recoñecemos a gran transformación que seguiu á industrialización, pensando que os nenos farrapentos eran só asunto lacrimoso das novelas de Dickens; enchemos páxinas e informes coa obsesión de medrar para ser máis ricos e así mellorar todos, sen reparar en que medrar por medrar, aceptando a desigualdade, non é avanzar senón retroceder. Parece coma se as grandes liñas de debate andaran arredor de dous polos difíciles de harmonizar. Aqueles que defenden a importancia do crecemento como motor da riqueza, única situación que logo pode permitir un aceptable reparto, ou os que centran toda a súa artillería en combater a desigualdade. Os primeiros ven nos obsesionados pola desigualdade inxenuos voluntariosos, ilusos moitas veces, incapaces de entender con realismo que non por máis soñar se consegue mellor repartir. Os segundos atacan aos primeiros ao consideralos cínicos cegados pola súa propia cobiza que só lles permite ver a parte da realidade que lles produce beneficios inmediatos. Uns e outros xeran grupos políticos que pretenden aplicar estas ideas nai de fondo, confluíndo case sempre á hora da práctica en idénticos erros. Nese conflito, na vixilancia de uns aos outros, na creación de instrumentos legais que controlen os deslices dos dous debería estar a mellor democracia posible. O malo é cando na lea lexítima das dúas tendencia se xoga sucio, se esquece a finalidade última e os fins xustifican os medios, sempre estes contaminando a aqueles, co que todos, desenganados e frustrados, lamentamos o difícil e custoso que é unha boa xestión do interese común. Discútese se o concepto de esquerdas e dereitas segue a ter sentido. Antes insistían máis os de dereitas en manter que tal diferenciación era un anacronismo, pero hoxe tamén ideólogos e políticos provenientes da esquerda se inclinan por non ver clara a diferenciación. Parece admitido que en política é ben certo o dito de que se pode ir dereito con liñas tortas e cada quen acepta métodos ou estratexias do contrario salvados na xustificación de que ao final todos pretendemos idéntico fin. Por que ha ser entón máis eficaz a esquerda que a dereita para lograr riqueza, progreso e igualdade de dereitos? Quen di que subir impostos é de dereitas ou de esquerdas? En que se basea a liña divisoria entre unha política fiscal de dereitas e unha de esquerdas? Por que os defensores do aborto han ser de esquerdas e os defensores da vida dos nasciturus de dereitas? E velaí nos teñen nesta confusión contrastada pola experiencia da actuación dos grupos gobernantes neste país nos últimos anos. Os dous corruptos. Os dous con aplicacións de políticas económicas similares (non idénticas). Os dous cedendo a presións confesadas e ocultas. Os dous sumidos nun descrédito alarmante que lles fan desangrarse a chorros na perda de votos. 
Mentres, agarrándose a soños simples pero eternos e universais, un grupo de ilustrados desherdados tratan de ilusionar aos cansos e defraudados. Certo que ofrecen máis incógnitas que certezas (para certezas xa tivemos os trinta e cinco anos dos dous partidos que gobernaron, sobre todo a certeza de que estamos retrocedendo en dereitos e igualdade), máis desexo que plans concretos. Pero non esquezamos que todo dereito conquistado comezou sendo un soño e que non saberemos se hai dereitas ou esquerdas, pero é innegable que existe arriba e abaixo. O dilema está servido: realismo baixo o control dos de arriba ou soños inseguros alimentados polos de abaixo, sabendo, claro, que arriba e abaixo son realidades dinámicas e non maniqueas.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

lunes, 24 de noviembre de 2014

TARDE PIACHES, MARIANO

ACÚSASE ao ministro Margallo de falar en exceso do aburrido e manido problema do secesionismo catalán, aducindo que non é precisamente o encargado de exteriores o máis indicado para pronunciarse sobre o asunto. O certo é que a iniciativa estivo sempre do lado catalanista, pois o Goberno central adoptou unha posición defensiva, monocorde e legalista que a nada bo conduciu. Parece que agora intentan dende a Moncloa iniciar un plan de explicación e sedución para que o despece non vaia a maiores. Se xa antes Margallo interviña, supoño que agora non o fará menos. Polo momento xa lle escoitei dicir que nin a OTAN nin Europa aceptarían xamais a unha Cataluña esgazada do resto do Estado.
Mala estratexia dende a miña humilde visión. O ministro de Exteriores debería xogar un papel moi importante para clarificar a confusos e situar na realidade aos posibles ilusos que confunden a secesión co paraíso terreal. Moito antes de agora, se algunha iniciativa tomase o Goberno central, xa deberían ter ben traballado no exterior un plan de axuda. Pero a boa xestión en exteriores realízase non exterior, non en Onda Cero. E, se desexan que alguén os tome en serio, non debe ser o señor Margallo quen faga declaracións aquí, senón convencer polo baixo a Merkel e a Knud Bartels para que eles si ben alto e dende fóra declaren con rotundidade a braña na que se espetarían os independentistas no caso de que, por estes métodos, sigan gurrando con largarse porque non nos queren. A misión de Exteriores sería arrincarlles declaracións con xugo a pesos pesados da política internacional, lograr que digan algo que puidese dar que pensar aos ilusionados e entusiastas secesionistas que todo o fían ao glorioso día da declaración dun estado propio. Esa, paréceme, sería a liña a seguir por Exteriores. E estráñame que non dedicasen máis empeño a esta misión, máxime cando considero que, dos ministros actuais, é o señor García-Margallo dos poucos que demostrou intelixencia e capacidade. Claro que neste embrollo ben tecido polas elites catalanistas hai xa moitos anos que dende o Goberno central non dan unha a dereitas nin a esquerdas. Só se preocuparon de lles cantar ao oído e ceder por comenencia ata que, sorprendidos polo descaro do neno malcriado, non lles queda outra que mandar os fiscais para que o cale. Tarde piaches, Mariano. Pero non só Mariano, tamén Felipe, José María e José Luís.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

GRANDES COMUNICADORES

Houbo tempos remotos nos que un informador que se prezase no se prestaba a realizar publicidade para ningunha empresa nin para ninguén, a non ser que se tratase dunha obra social ou de caridade. Diso xa hai moito. Agora será raro que un presentador, non digamos deportista ou persoa algo coñecida – o que parece máis aceptable-, non complemente os seus ingresos axudando a vender automóbiles, seguros de vida, traxes, teléfonos, pasta para os dentes ou sardiñas en lata. Será o signo dos tempos: débese aproveitar o momento, nada chega, canto máis tes, máis necesitas... Cada quen é libre, por suposto, e non se trata de exercer de xulgadores meticulosos, mais existe unha liña que non entendo ben como é que se pode traspasar sen que vendedores e informadores non se decaten do pouco estética que resulta tanta mesturanza. 
Pensen no comunicador ou comunicadora que máis lles satisfaga, nese programa de radio da mañá ou da tarde, dirixido por un afamado comunicador, pagado coma executivo do Ibex 35, que sen lle tremer a voz, nin tan sequera modulala para indicar que se produce un cambio na mensaxe, pasa de dirixir unha conversa sobre a actualidade a vender as bondades dunha determinada gasolina. Sen salto nin aviso previo, sen mediación, silencio nin nada que o diferencie, con tanta naturalidade que dá por entendido que a súa voz e prestixio serven o mesmo para a defensa da obxectividade e neutralidade que para publicitar a quen mellor lle pague. Así, con naturalidade. Pasan de informadores e intérpretes obxectivos da realidade, de críticos feros en moitos casos, de inquisidores nalgúns, pasan, digo, sen o máis mínimo reparo, a convencernos das enormes vantaxes de apuntarnos a un gabinete de avogados, a un seguro médico ou a que enchamos o depósito de gasolina co da refinería que  el publicita. Non soa estraño?
Caerían no detalle que non me estou a referir a xornalistas explotados, pobres, moitos deles amarrados a unha mesa aburrida coma oficinistas sen decisión, ou que deben prestar a súa voz a un tempo para dar as noticias locais e gravar cuñas publicitarias, despois de carreira con con alto nivel de esixencia para entrar e vocacións moitas veces alimentadas dende a adolescencia. Non, aos que me refiro son estrelas da comunicación, voces da radio e da televisión que adquiren un nome e prestixio, ás veces pola súa valía, outras non tanto, capaces de negociar cifras de escándalo coas cadeas que os contratan case coa fachenda de deportistas de elite. Directores de programas en tramos horarios de maior audiencia que basean as súas esixencias económicas precisamente no poder de convocatoria da súa voz, crítica, intelixencia, agudeza ou simpatía para reter aos oíntes e así atraer publicidade para o medio. Non lles debería abondar con iso?
Parece que non. Como xa indiquei, a parte aínda se permiten gravar spots publicitarios para grandes almacéns, bancos, supermercados ou quen lles pague, nas linguas que faga falla. E, xa no límite da elegancia, préstanse sen miga de vergonza – a razón instrumental serve para xustificar todo o que nos apetece, sobre todo se vai no noso favor- a coser entrevistas con políticos, científicos ou artistas varios co touciño da publicidade que eles mesmos promocionan, confundindo ao oínte coa tentación de que crea que a fiabilidade e validez da información e da publicidade van en idéntico lote, co mesmo personaxe, en idéntico ton de voz, dicción e simpatía. Unha mesturanza que pode resultar efectiva para o anunciante, pero que entendo debera causar urticaria no comunicador que se presta a tal amoado. 
No colmo da agresividade publicitaria escoitei nunha radio non hai moito unha clínica de fertilidade que vendía a categoría dos seus tratamentos asegurando que á muller que non quedase preñada devolvíalle os cartos, coma se dun deterxente para lavadora se tratase. Menos mal que o descarado anuncio respondía á gravación dunha axencia que se vería obrigada a contratar voces anónimas de locutores e locutoras con necesidade des sobrevivir. Mais cando regresou ao micrófono a famosa comunicadora que dirixe o programa da tarde desa cadea de emisoras, acordoume o tempo que necesitaremos para que desaparezan as cuñas e sexa ela coa súa voz a que nos venda as bondades desa clínica. Porque está claro que se comeza dando voz a grandes bancos, empresas de gas, eléctricas e refinerías, coma se ao ser tan importantes os anunciantes non se rebaixase o anunciador, pero verán como en calquera momento, e non por necesidade económica precisamente, senón porque é signo dos tempos, eses grandes comunicadores, repartidores do ben e do mal, salvadores case nalgún caso, formadores de opinión, non lles doen prendas por prestar imaxe e voz para dar publicidade a calquera empresa de dubidosa intención ou claramente estafadora. É un simple paréntese. Logo continúa a información, o serio, a obxectividade 

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

domingo, 16 de noviembre de 2014

MAS ZAPATEA A RAJOY

Andaba faltón nos tempos de opositor (político, non a rexistrador) o agora presidente Rajoy. Para conseguir o apoio maioritario dos votantes, ademais de prometer o que incumpriu, dedicouse a desprestixiar a Zapatero con fereza. En político que presume de sentido común, soaban estridentes os insultos case ad hominen cos que axudou a derribar a xa minada figura do expresidente. Inepto e ignorante non foron os únicos cualificativos que con saña lle dedicou ata facer correr unha verdade na que crer: el era (Zapatero), con moito, o peor presidente da democracia. Xa escribín noutra ocasión que ande con tino Rajoy, poden caerlle as soberbias e competir con el por idéntico título. Entre leoneses anda o xogo. 
O mérito máis achegado que temos do seu fracaso é a xestión da desfeita catalá. Disimule como queira e prediquen canto lles dea a voz desde Madrid con que todo foi unha chapuza ilegal e sen valor xurídico, o indiscutible está á vista de que non se empeñe en pechar os ollos: Mas, a Generalitat, as elites e o poder político asociado cos moitos cidadáns independentistas que se formaron, alentaron, encirraron, enganaron, avivaron e mimaron dende dentro e fóra de Cataluña, demostraron máis astucia, mellor retranca política e fervorosa fe capaz de pasarlle por diante do nariz ao Estado que saltan por riba das súas normas e leis sen que ninguén lles tusa. En Cataluña manda a Generalitat, os grupos civís mobilizadores da consulta, os independentistas e as elites económicas e culturais decididas a separarse do Estado. Dende logo non manda o presidente Rajoy, nin o TC, nin as Fiscalía, nin ningunha outra institución, non quero nin nomear garda civil, policía ou exército porque entón xa entrariamos no peor fin dos posibles desta mala película. 
A impresión que deu Rajoy durante a partida na que Mas desafiaba e el calaba era que gardaba algún as na manga, que deixaba que o político catalanista se enchese de fachenda, de bravatas e simplezas, para chafalo dun golpe seco. Para min que a maioría dos seus votantes confiaban en que con esa espera que parecía raposa apatía algo agochaba para frear dun golpe ben dado as súas provocacións. Pero non había nada. Só as ladaíñas repetidas día tras día de lei e orde: un responsable político debe cumprir a lei, confío en que a cumpra. Amarrado a ese salvavidas recorreu en última instancia á axuda do TC, pero non entendeu que o xogo do contrincante xa estaba fóra dese campo. Había meses, anos, que os políticos cataláns viñan experimentando pequenos ensaios coa insurrección comprobando que nada pasaba, que ninguén se atrevía, que calquera presidente, fose do PSOE ou do PP, enmudecía cando se parapetaban na vontade do pobo, na democracia, no dereito a decidir. Mentres Rajoy pensaba que estaba nun campo de herba, con árbitro e claros regulamentos, Mas e os seus xa había anos que ensaiaran con éxito que eles podían xogar outro partido, noutro campo, cuns fundamentos etéreos e falaces que, unha vez aceptados por un bo número de cidadáns, non habería maneira de parar. E aquí chegamos. Máis de dous millóns de cidadáns, ledos e eufóricos, levan en andas a un presidente que os ilusionou coa terra prometida da independencia, unha teleoloxía de potencia imparable á que xa ninguén dará calmado.
 Vendeuse erroneamente que a decisión unánime do TC suspendendo a consulta remataba co problema. Quérese vender agora que con este simulacro de consulta, no que “só” votaron dous millóns significa pouco ou nada á beira dos cerca de seis que poderían votar. Falso. O entusiasmo, a fe e o desexo de independencia que callou nun grupo de cidadáns é o suficientemente amplo e activo como para que os desafíos medren sen límite, máxime contando co alento dos dous partidos maioritarios nas institucións, insuflando propaganda e recursos a esgalla porque Ara és l’hora. A falta de reflexos de Rajoy e o seu goberno (así como a incompetencia de Zapatero, tamén a comenencia de González e Aznar) permitiron o paso penúltimo antes de que unhas eleccións plebiscitarias reciban a bendición dos votantes para que declaren a independencia. 
Rajoy saca peito diante dos seus seareiros afirmando que mentres el sexa presidente non se romperá a soberanía nacional. Pode ser certo. É moi probable que mentres el sexa presidente non se chegue a materializar o que está cantado, pero non será polos méritos da súa capacidade negociadora, nin polas súa xestión internacional (unha palabra de Merkel e estaría salvado), nin pola firmeza das súas decisións desmontando as falacias e falcatruadas dunha Generalitat en clara e manifesta insurrección, senón, simplemente, porque os votantes non queiran que volva a ser presidente. Porque, insisto, o debate entre se o peor foi Zapatero ou será el está aberto. Tanto que, antes das eleccións, puidese ser que lle gane ao socialista coa mesma claridade coa que Mas o zapateou. Ou non o escoitaron desafiando ás institucións democráticas en plan Gary Cooper: aquí o responsable (o chulo, quería dicir) son eu. E isto non porque desenfunde máis áxil ca ninguén, senón porque se sente ben protexido coma para seguir desafiando ata o éxito final.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

UN SENADO QUE NON NOS PODEMOS PERMITIR

AÍNDA a risco de caer pesado, non me cansarei de repetilo: contamos con institucións e cargos políticos por riba das nosas posibilidades. Considero a política coma unha actividade nobre e imprescindible para o ordenamento do ben común. Petamos contra nós ao xeneralizar sobre toda actividade e actor político. Dedicarse a lexislar e executar leis pensadas polos representantes de todos para mellor articular os intereses da maioría é tarefa elevada dentro da sociedade. Esas persoas merecen respecto e remuneración digna. Agora ben, como a perfección non é consubstancial ao mundo nin ás persoas, sensato parece establecer división de poderes, vixilancia estrita e controis renovados e dinámicos que non permitan que a podremia se apodere de políticos e institucións. Algo obvio, pero que cómpre recordar de vez en cando.
Que o noso sistema político chegou a unha contaminación sistémica con determinados poderes económicos por falta de división de poderes, por abandono nos controis e por abdicación de responsabilidades dos cidadáns, non ofrece dúbida. Por iso chegamos a esta catarata de descubrimentos fétidos en tódalas latitudes, protagonistas económicos e colores políticos. Como é habitual en todo organismo, a clase política entumecida non está polo labor de se purificar polas súas propias decisións. Terá que ser dende o exterior (xustiza, movementos cívicos, cambios na tendencia de voto) que lles obriguen a modificar hábitos en tantos anos cristalizados. De non ser así, a súa inercia levaraos a continuar aplicando as receitas coñecidas: esixir sacrificios á parte dos cidadáns máis débil e considerar non razoable esixirllo aos poderosos e aínda menos a eles mesmos. Que ao goberno non lle trema o pulso á hora de obrigar aos pensionistas a pagar parte das medicinas antes que suprimir institucións inútiles é todo un síntoma. Non se trata xa de saber se os senadores viaxan con fondos públicos por motivos privados. O que se debería é debater dunha vez por que mantemos un Senado inútil, refuxio de políticos acabados ou necesitados de protección aforada. Non é iso vivir por riba das nosas posibilidades? E non me retruquen con que a súa supresión sería o chocolate do loro, hai tanto chocolate repartido en organismos e cargos estériles que daría non para unha festa que non nos podemos permitir, senón para cubrir carencias que nunca deberíamos consentir.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

lunes, 10 de noviembre de 2014

A GRAVATA

ESA mañá ergueuse animoso. Madrugou, foi de boa gana á ducha e solicitou roupa elegante: non lle apetecía ir á consulta do neurólogo coma un pastrán; polas manifestacións non era que mostrase especial fe nos milagres que o especialista puidese lograr, pero no interior oculto algunha esperanza debía haber, ninguén se resiste a pensar que o seu mal é irreversible. A modo e tratando de non perder o humor fomos superando as distintas tarefas. Á hora do afeitado insistiume nunhas petadas para min invisibles que el foi quen de detectar pasando a man, o tacto atopa mellor estas zonas non ben rapadas. A roupa elixida por miña nai previamente non lle pareceu de todo axeitada, pediu cambiar a camisa e tamén decidiu que levaría americana. Había meses que non se mostraba tan activo e preocupado pola súa imaxe. Iso enlentecía o proceso de se vestir, en especial para miña nai todo nervios e á que xa lle parecía era máis que horas de ir saíndo, logo no hospital sempre poden aparecer complicacións, a primeira atopar aparcamento.
Pero como el decidira poñerse guapo e ata destilaba perlas de sorna das que xa non me acordaba, seguinlle o xogo. Posta a camisa, xa decidido, preguntoume se levaría gravata. Acepteille e comecei a sacar do armario os distintos modelos esquecidos. Despois de ver cinco ou seis optou por unha, debeulle de parecer que era a que mellor lle acaía. Xirouse para se ver no espello do armario, estirou a prenda diante da camisa, non quería errar na elección. Cambiou de parecer. Había outra con tons máis azuis que sentaba mellor. Realizado o cambio quedou coa gravata elixida nas mans. Pareceu dubidar. Preguntei: queres que che faga o nó? Home, díxome rindo, despois dos anos que o levo facendo... E colgou a gravata do colo, estirouna, puxo as mans en posición diante do nó da gorxa e xusto aí paralizouse. Uns segundos longos nos que as mans permaneceron amarradas á tira de tela azul ata que as deixou caer enriba das pernas: Manda carallo, esquecín facer o nó da gravata. E que? Comecei a facerllo para disimular a decepción. Dende ese momento perdeu toda animosidade. Cadrou que miña nai subiu ao cuarto para nos apurar, era moito horas, e como non se lle escapa unha, véndonos tan calados preguntou se pasaba algo. Eu calei. Meu pai tamén un bo anaco ata que soltou nun fío de voz : mira ti que home, xa nin o nó da grava sei facer.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

POLÍTICO RICO, POLÍTICO POBRE

Presumen varios destes gobernantes que nós mesmos eliximos – en que andaremos pensado cando o facemos!- que eles chegaron á política ben mantidos, comidos e bebidos. Pois que ledicia. Mira ti que ben. Quere iso dicir que no precisan do meu voto, que se dedican á política por amor á arte, ao ben común, por altruísmo, por fe no xénero humano. Que pouco consideramos somos, que mal calibramos o que por nós tanto se sacrifican, que mal andamos de agradecemento. Creo que unha nova materia educativa a implantar, por se non houbese dabondo, entre os estudantes primeiros, debería ser aquela que rezase: Libro dos agradecementos, co subtítulo de: materia interdisciplinar dedicada á competencia da gratitude ao respecto dos políticos que por nós tanto se sacrifican. Algo longo, pero moi aclaratorio.
 Exemplos para estudar polo miúdo non faltarían. Aínda que non sacado da realidade máis achegada, pola que sempre se deben comezar as aprendizaxes, o caso de Pujol sería un exemplo moi útil. Partindo das súas propias palabras (eu xa era rico cando entrei na política) poderiamos analizar cos cativos como un rico por herdanza é quen de se dedicar en corpo e alma (menos mal que non engadiu que por tal dedicación perdeu moitos cartos) á actividade política, no seu caso non xa tanto polo ben da cidadanía senón pola moito máis nobre actividade de facer nación. Algo superior. Mirar de que a educación e a sanidade, o emprego e a xustiza funcionen é ocupación menor para alguén con tan altas miras, case mesiánicas, encargado de construír un país. Iso si é misión e xenerosidade e entrega. O demais, papas fritas. Eu xa era rico antes de me dedicar á política. Unha frase para esculpir nas entrada de tódalas institucións catalás, para que se saiba, para que a ningún catalá con dereito a decidir se lle esqueza quen foi o pai da patria. Que os fillos sexan investigados por xuíces, por facenda e tribunais de contas é asunto menor, inapreciable. A esencia está no principio: eles xa eran ricos de nacemento, para nada precisaban da política no que a cartos se refire. Que algo anda por refuxios fiscais, que algúns millóns se enredaron en bolsas de deporte, que non cadran determinadas cifras... Pecados menores. A patria precisa un xergón firme por se algo se torce. Pero non indaguen sobre cartos, é de mal gusto, sobre todo entre persoas que xa chegaron á política enriquecidos. De investigar, investiguen aos que chegaron cunha man diante e outras detrás, pero aos que xa entraron comidos, por favor, que sigan en paz. 
Outro que disque chegou comido á función pública é o conselleiro de sanidade de Madrid. Non tería ningún inconveniente en marchar, ten a vida resolta. Pero aí segue. Nin así abandonan. Miren o espírito de entrega polos demais que os invade, os profundos desexos de realizar o ben, e como seguen exercendo a súa función con tanta dignidade como xenerosidade. Este señor suponse que continúa, sobre todo, polas súas dotes de comunicación. Ás veces a valía dun político non está tanto na xestión canto na súa capacidade de transmitir o ben que o fai. Debe ser este o caso do encargado da sanidade madrileña, porque do contrario non se explica que a tal hora aínda continúe na dirección. 
Pero non se crean que acaba aquí a nómina dos comidos e bebidos dedicados á política. O mesmo presidente do goberno encárgase de vez en cando de nos dicir que el ganaría moito máis dedicándose á súa profesión (a diferencia de Pujol ganada por oposición difícil e non por herdanza dubidosa, todo hai que dicilo), coma se con presentarse ás eleccións fose un favor que nos está facendo a todos. Por min pode deixar ese sacrificio cando queira. Se quere volver á súa praza de rexistrador, cando o desexe. Se, para diferenciarse de anteriores presidentes coñecidos só pola súa actividade política, coma se esta fose unha lepra, pretende elevarse á conta da súa ben remunerada profesión, facéndonos crer que é un sacrificado comunitario, mal actúa. Non é ese o camiño. 
A ver se nos aclaramos: a actividade política é nobre, imprescindible, beneficiosa de raíz. Que moitos políticos a emporquen non quere dicir que debamos por principio denigrala. Dedicarse a ela non esixe desculpa algunha. É máis: os políticos non deben ser mendigos, nin presumir de cilicio e vida de anacoretas. Só deben realizar os seu traballo con rigor, limpeza e someténdose aos controis aos que nos sometemos o resto dos cidadáns non privilexiados. Máis nada. Que coman ben ou mellor antes ou despois da súa dedicación política debe traernos sen coidado. Só desexo que non utilicen a política para negocios turbios, que non se concedan privilexios imposibles para o resto da cidadanía, que non se corrompan nin convertan a vida económica do país nunha fosa de esterco. Máis nada. Se teñen cartos, que paguen os impostos que lles toque. Se ganan unha remuneración digna por exercer como políticos, excelente. Pero que non anden, por favor, vendéndonos a burra de que, ben comidos e bebidos, se dedican á política, ao contrario ca outros, só polo interese do ben común. Esa maneira de se diferenciar, político rico, político pobre, é dunha pobreza repugnante.



PUBLICADO EN DIARO DE PONTEVEDRA

jueves, 6 de noviembre de 2014

COSTA BRAVA 4





COSTA BRAVA 3





COSTA BRAVA 2




PAÍS DE BOBOS

SON tantos os casos, tan frecuentes, que un xa perde a conta e non retén nin baixa a dificultade para saber quen é quen nisto da corrupción. Por iso, cando con motivo do último escándalo, escoitei o nome de Granados non fun capaz de asocialo a ningún rostro. Despois, coa catarata de informacións imposibles de ignorar, conseguín poñerlle cara a ese presunto estafador: coñecíao de saltar dunha cadea a outra vendo lóstregos de debates repetitivos, era aquel senador do PP que con tanta paixón e descaro discutía sobre todo e con todos, sempre cun sorriso de superioridade, seguro das súas simplezas, dono do seu argumento inamovible: os nosos (os do PP) non son ladróns coma todos os demais. Acostumaba a despachar sabedoría nesas cadeas especializadas en esfolar a todo canto soe a esquerda, ben acompañado de presentadores partidarios de encirrar máis que de moderar. Asociada cara e discurso co presunto delincuente pola actividade como conseguidor de comisións con empresas corruptoras a favor de políticos corruptos, non saio do meu pasmo.
Aceptemos que a tentación pesa, que probado un belisco do 3% non é doado deixar a comechón. Tapemos ollos e nariz, sexamos laxos. Agora ben, que un individuo de tal catadura se preste a saír un día si e outro tamén na TV alardeando da súa rectitude ética, da honradez do seu partido, do sacrificio e traballo co que soubo saír adiante na vida e da imposibilidade de que a el ninguén o corrompa, manda chover na Habana. Un auténtico cara de cemento, un fariseo sen miga de vergonza, un falabarato de descaro inaudito. Como alguén cunha actividade tan vergoñenta é capaz de declarar sen lle tremer a voz, coa vista fixa nos ollos do entrevistador ou na das cámaras, amigas ou inimigas (tamén na Tuerka tivo o descaro de despachar leccións de moral sen rubor), tan seguro e farsante? Porque con ser desprezables os latrocinios destes presuntos delincuentes de pacotilla, o peor xa case se me antolla a maneira de se rir de nós na cara: esa chulería propia de matóns, dos que contan con tantos contactos capaces de impermeabilizalos diante de calquera investigación; esa desenvoltura coa que menten, tomándonos a todos por imbéciles aos que se pode enganar sen demasiada preparación nin intelixencia nin maldade. E o peor é que o presidente do Goberno, por varias raposadas que repite sen gracia, vai na mesma liña: na de pensar que este é un país de bobos.


COSTA BRAVA 1



POR QUE SABEN QUE NON PODEMOS?

Non me estraña que os partidos escleróticos teman a Pablo Iglesias. Imaxinar a Rajoy ou Pedro Sánchez, non digamos a Cayo Lara, debatendo con el explica por que os atemoriza: liquidaríaos sen piedade. Porque é mellor orador, porque cre máis no que di, a pesar de que maiormente xogue con elementos utópicos, porque conecta co sentir maioritario de cidadáns alporizados, porque aparenta formado e honrado, porque demostra educación, porque sabe escoitar, porque está afeito a someterse a mil trampas, porque foi listo aceptando discutir cos máis rabiosos detractores, porque arrinca de verdades simples e incuestionables, porque é demoledor sen despeitearse e porque, en definitiva, é moito mellor comunicador – non sei se político- ca eles. Así pois, que os políticos o teman, que traten de desprestixialo, ignoralo ou mergullalo canto antes, non me sorprende. O que non acabo de entender é como analistas e politólogos, escribidores e formadores de opinión, agás contadas firmas e medios, coinciden en tratalo como un ignorante atrevido que levaría ao país ao desastre inmediato. Non serei eu crédulo nin afervoado defensor da súa causa así como así. Podo garantirlles que idéntico espírito crítico que me move cara os por el chamados da casta non se abranda diante da súa coleta. A modo de aperitivo, só resaltar que na magnífica entrevista realizada por Évole – con reflexos, directo, duro, sen caramelo- , Iglesias demostrou unha debilidade en cuestións económicas preocupante e por norma elude incluír entre os da casta aos partidos nacionalistas, defectos que, como non atalle axiña, o meterán nun xardín con difícil saída. Aínda así, demostrou o que de sobra espallou por canta cadea tivo a ben invitalo aos seus debates: valentía, elocuencia, serenidade, sinceridade, educación, nivel mínimo de formación. Características todas que os actuais políticos non soen amosar. Por iso digo que non entendo a feroz campaña desatada contra el por parte de analistas cando pouco é o que imos sabendo do seu programa e nada sobre a súa eficacia como xestor. Adiantarse de tal maneira como visionarios antóllaseme prexuízo máis que análise. 
Como é que todos os que nin por asomo previron a crise do 2008 nin saben agora prognosticar cando dela sairemos, a golpe de filtración van albiscando e cambiando de rumbo, poden descubrir a ciencia certa que Iglesias actuará coma un Maduro bolivariano inmaturo, un Evo  cocalero, un Correa ecuatoriano na España do 2015? Como, digo os analistas, non os políticos, xa sabemos que estes si teñen razóns para tremer , poden machacar a alguén que está construíndo o partido dende a base como non se construíra ningún ata agora? A que criticalo por asembleario por consultar ás bases (porque é democrático) e de ser casta por querer organizarse (por ser pragmático)? Por que ese empeño en repetir que non expón nin unha idea cando debate tras debate, diante de ninguén se arreda, demostra ser capaz coa súa dialéctica de poñer nerviosos e desarmar aos contrincantes? A santo de que ridiculizalo como líder se calquera admite que sen un bo líder non é posible ganar unhas eleccións? É ou non é bo líder? Comunica ben ou mal? Consulta ás bases e somete as súas ideas ao voto de 120.000 cidadáns ou resulta elixido a dedo por Aznar? Debate o seu incipiente programa en público ou agóchao? Somete a revisión os mecanismos de control do partido ou non? É populista, din uns, antisistema outros. Populista por conectar coa amargura de millóns de cidadáns que se senten tratados coma imbéciles, por resaltar que existen desigualdades pornográficas que dan noxo? Antisistema por dicir ás claras de lado de quen está? Como é que tanto analista chegou á certeza que non é posible transformar o xeito de facer política? Como se explica que tantos coñezan tan ben o futuro e anuncien catástrofes sen fin? Por que tanto empeño en matar de raíz o xermolo dunha forza que ilusiona e atrae á mocidade ao compromiso político? 
Claro que é un proxecto indefinido, fráxil, con lagoas evidentes. Claro que vive da euforia da iniciación, esa que dá pé a pensar que os limpos e xenerosos só medran no noso bando, a corrupción e a maldade habitan fóra; a que invita a sacralizar iso chamdo “la gente”; a que anima ao axuste de contas pola rabia acumulada; a que se alimenta dos soños mentres a necesidade da acción non obriga a mancharse coa ferruxe de cada decisión; a que insiste nas ideas simples con éxito, sen afondar nas complexas que tanto rompen a cabeza e as fantasías... Claro que é Podemos un partido con interrogantes, con defectos visibles, ao que o agardan caídas á volta da esquina. E que? Non teñen dereito a irse modelando, a moderarse no contacto coa realidade, a aprender andando, a ir perfilando un programa á vista de todos? Entendo que os rivais treman e utilicen tódalas armas para desactivar a quen os está deixando en evidencia. Entendo que esteamos atentos e críticos co nacemento deste novo partido, ninguén debe salvarse da vixilancia e escrutinio severo, para que a democracia funcione ha ser así. Pero que se intente tronzar de raíz e con argumentos falaces un proxecto de renovación cando por todas partes se suplica renovación, non me cadra. 

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA