sábado, 7 de diciembre de 2013

NON TODO É PENSAR

Como soemos movernos por movementos pendulares en case tódalas actividades da vida, na da psicoloxía e neuroloxía non podía ser menos. O que agora impera é o poder do pensamento sobre a acción e a bioloxía. Se nos deixaramos levar polas propagadas ideas de moitos libros de autoaxuda que se dedican a amplificar de maneira simplista algún detalle dunha confirmación científica, non habería dúbida de que a frase que mellor resumiría o momento actual é: somos o que pensamos. Pero non son só estes vendedores de fume van nesta liña, eles beben de científicos que dan pé a sacar algunhas destas conclusións que tanto se levan: o importante está na cabeza, no optimismo, en como enfrontes a dor, no animoso e na enerxía positiva que lle metas á vida. Xa. Un exemplo destes científicos animadores de cultura tan instaurada é o doutor Bruce Lipton, ningún charlatán fala barato como demostran os seus títulos e paso por universidades tan importantes coma as de Wisconsin e Stanford. O seu punto de partida arrinca en que non somos grazas á xenética, senón que en realidade o ADN está controlado polo medio externo celular. É dicir, que está controlado por sinais que veñen desde fóra da célula, incluíndo mensaxes enerxéticos dos noso propios pensamentos, tanto positivos como negativos. Como consecuencia, a nosa maneira de vivir e de percibir o mundo cambia a nosa bioloxía. Así se atreve a dicir que nin o 10% do cancro é herdado, senón que é o estilo de vida o que determina a xenética. Isto equivale a dicir que o mundo non é como é, senón como o vemos, que somos vítimas das nosas crenzas. De tal maneira que se reprogramamos as nosas crenzas podemos alcanzar obxectivos como a tranquilidade, a felicidade ou a paz. Acóllese para defender esta tese ao efecto placebo, que nos cura cando tomamos unha pastilla que non contén nada? De igual maneira, di, existe o efecto nocebo, se algo pensas que che fará mal, acabará facéndocho. Como conclusión: a química que provoca a alegría e o amor fai que as nosas células medren, e a química que provoca o medo fai que as células morran. Os pensamentos positivos son un imperativo para unha vida biolóxica feliz e saudable. Por contra, as hormonas do estrés coordinan as funcións dos órganos corporais e inhiben os procesos de crecemento, suprimen por completo a actuación do sistema inmunolóxico. Non carecen de fundamento algunhas das ideas do doutor Lipton nin é o único que as defende. Pero levalas ao extremo anula a unicidade do ser que remiten á dualidade que filosoficamente ben de antigo entre corpo e alma. Basta coñecer a cantidade de enfermidades que gardan unha relación directa con patróns herdados, as desgrazas que lles ocorren aos máis optimistas e animosos, a enfermidades que lles atacan a traizón aos que máis se axustan aos consellos de prevención, que é sempre a mellor cura para todo mal. Pero coma contrapunto ao exposto, repasei o famoso libro do neurólogo portugués António Damasio, “En busca de Spinoza”, para que vexan como el presenta a hipótese sobre os sentimentos agarrada a unha interacción máis realista. Defende que os sentimentos están constituídos en grande parte pola percepción dun determinado estado corporal ou que a percepción dun estado do corpo forma a esencia dun sentimento. O contido esencial do sentimento é a cartografía dun estado corporal determinado. En esencia, un sentimento é unha idea do corpo e, de maneira máis concreta, unha idea dun determinado aspecto do corpo, o seu interior. E isto ben motivado, entre outras razóns biolóxicas, pola composición do sangue en relación con algunhas moléculas químicas das que depende a nosa vida, e cuxa concentración está representada , momento a momento, en rexións específicas do cerebro. Así experimentamos fatiga ou malestar, apetitos ou antollos. Experimentar un determinado sentimento ou sensación é percibir que o corpo está dunha determinada maneira. Para Damasio, polo tanto, un sentimento é un determinado estado do corpo xunto con un determinado modo de pensar e de pensamentos con determinados temas. Paréceme moito máis equilibrada esta hipótese. A interacción é permanente dentro do noso corpo. Certo que se poden modificar maneiras de pensar e que se aprenden maneiras de nos protexer que non nos permiten medrar. Certo que o optimismo e as habilidades en manexar os pensamentos irracionais condicionan a nosa conduta. Pero esquecer que que procesos químicos e moleculares se instalan no noso cerebro obrigándonos a experimentar determinados sentimentos ou sensacións sería crear unha dualidade imposible sobre un corpo que é bioloxía e que non actúa unicamente polo medio externo nin polo poder dos nosos pensamentos. Eu estou seguro que os meus depósitos de ferro baleiros non os vou encher por moita enerxía positiva coa que me inxecte cada mañá e sei que non me baixaron por ser pesimista ou pola miña maneira de percibir o mundo. O estrés pode baixar o sistema inmunolóxico, certo, pero non só por estrés se produce o mal e aínda que así fose habería que determinar a dependencia biolóxica nas condutas estresantes.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.