sábado, 14 de diciembre de 2013

COMER

Conta miña nai que, sendo aínda un cativiño, despois de que un veciño observase as manobras e porfías coas que intentaba meterme algo na boca sen conseguilo, sentenciou rotundo: este neno non é de comer. Non é que se cumprise con exactitude a súa profecía, pero si é certo que hai nenos que establecen coa comida unha relación endiañada que desespera e acaba cos nervios dos pais máis repousados. Porque a comida, como di Jean-Michel Cohen, é parte da relación cos teus pais, é diversión, broma, pracer, ou dolor e sufrimento. A comida é un vínculo. Claro que o vínculo establécese cando hai que comer. Cando non hai, ningún neno presenta rexeite, nin chantaxe, nin nada semellante a esa frase tan socorrida de moitas nais que chegan á consulta do pediatra ou do psicólogo co desespero de : o neno non me come nada. É curioso o paradoxo que se dá na sociedade. Por un lado pais que andan á última e cústalles levar comida á casa e por outra pais desesperados, coas neveiras rebordadas, porque xa no saben que lle ofrecer ao seu fillo para que coma algo. Para os primeiros están activados os mecanismos de caridade e axuda que non se poden desprezar baixo o pretexto de que o que cómpre é xustiza e non caridade. Xa o creo que é infinitamente preferible un sistema de funcionamento social xusto, no que o sistema de traballo e reparto social permita a cada quen organizarse con independencia, que verse obrigados a recorrer aos bancos de alimentos ou a cáritas. Pero utilizar tal maximalismo ao único que nos conduce é ao absurdo. Certo que hai grupos privilexiados e favorecidos polo sistema que aproveitan este tipo de actividades para tranquilizar a súa conciencia e medrar en bondade disimulando a súa hipocrisía. Pero iso non impide os parabéns para miles de cidadáns que se entregan con xenerosidade e bondade para aplacar necesidades de máxima urxencia. Non é a aspiración, por suposto, vivir nun país onde funcionen moi ben os bancos de alimentos. Non é obxectivo a perseguir que se perpetúen e adquiran normalidade este tipo de axudas. Pero convén non caer no absolutismo de acabar desprezando labores encomiables que se están a reproducir por todo o país, onde nais de familia, xubilados, relixiosos, voluntarios mozos e outras moitas persoas dedican parte do seu tempo ou da súa economía a mirar polos máis débiles, sobre todo os nenos que non teñen que comer. Para os que padecían o problema contrario, repugnancia a pesar da abundancia, a única receita que se pode prescribir é a de crear un vínculo de pracer, xogo e ledicia arredor da comida. Entrar no círculo de converter as comidas en batallas de ansiedade, irritación e temor só conducen a un círculo vicioso no que o vínculo que se crea é dunha rebeldía mala de controlar. Metidos en tales complicacións, os nenos só aprenden malas artes: manipular, chantaxear, demostrar o seu malestar e converter a hora da comida nun sufrimento insoportable para a familia. Aprender a resolver con serenidade e paciencia estes conflitos aconsella a supervisión dun psicólogo, que, se é experto na materia, non precisará de moitas sesións para cambiar a dinámica de actuación. Sempre que os pais colaboren, claro, que os hai empeñados en perpetuar a guerra da hora de comer coma se non sentisen verdadeira necesidade de aproveitar o de divertido e agradable que pode resultar comer a familia unida. O malo é que aínda existe outra relación coa comida: a da tortura. Para min era completamente descoñecida ata hai pouco. Pero agora experimento en propia carne o duro que pode ser rematar un solombo saboroso, o pouco que aprecias que se abra a tempada da centola, a nula atracción que che aporta que uns amigos te inviten a facer unha saída para comer uns percebes únicos, a repugnancia de moitos pratos polos que antes sentabas a mesa con ilusión. Hai días que me esforzo para repasar comidas que moito me gustaban e ir detrás delas, pero resulta inútil. Comer por obriga, por pura necesidade, polo convencemento de que corres perigo se non te esforzas, pode chegar a ser un verdadeira tortura. Porque aquí xa non se trata de ter alimentos ou do vínculo que establezas con quen os comas: é que o corpo rexeita todo e nin por capricho desexas os máis selecto dos manxares. Despois de que aquel veciño lle dixera a miña nai que eu non era de comer, persistín nas miñas trece de pechar a boca. Meu pai, por intentalo, levábame diante dos escaparates das pastelerías e animábame con paciencia: aquel ten moi boa pinta, e de ti probaba un... Nada. Non había maneira de me seducir para entrar. Agora que pasaron tantos anos, véxome na tenda de produtos selectos e nada son capaz de escoller. Nunca imaxinei que pasaría de ser un neno de non comer a ter que comer torturándome. Pero xa ben, moitos están rodeados de lambetadas e non comen e outros, con fame, agardan a que seus pais, se cadra avergonzados, consigan comida no banco de alimentos.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.