sábado, 14 de diciembre de 2013

ADIANTARSE A QUE TODO ESTEA MÁIS PODRE


EXPLICAN durante estes días catedráticos, políticos e analistas sobre a necesidade, vantaxes e inconvenientes de reformar a Constitución. Poderíase dicir que a maioría concorda en que si cómpre reformar para que se refunde un novo pacto, votado e aceptado pola meirande parte dos cidadáns. Pero ao tempo, non ven posible acordo e incluso sospeitan que se podería crear máis desencontro que concordia porque non están claros os asuntos a reformar e non se ve a máis mínima vontade entre os partidos para lograr eses pactos. Para que, pregúntanse algúns, intentar unha reforma constitucional sobre o peche do problema territorial cando se sabe que os principais implicados non van a quedar nunca satisfeitos ou adoptarán medidas tan desleais coma as que ata agora viñeron utilizando? Para que, cuestiónanse outros, se os partidos maioritarios están completamente pechados a unha reforma electoral que os prexudique? Por que, se ao fin, din os máis radicais, nin o tema da república nin o do cambio de modelo económico poderá entrar nesas negociacións? E así, entre tanta dúbida, o que sobrevive é a idea de que se fará cando non haxa máis remedio, por pura necesidade.
Sen negar as dificultades, eu non son partidario de agardar ao excepcional para que se leve a cabo a reforma. Que non haxa vontade non impide concluír que, se realmente parece necesario abordala, non haxa que poñer os medios. E isto non é posible se non se comeza a intentalo. Esa é a misión dos políticos: partindo da distancia, do desencontro e das diferencias, atopar métodos de se ir achegando a conciliacións e concertos que beneficien á maioría. Soa a derrotismo e falta de fe política argumentar que, como non se ve vontade de acordo, mellor non facer nada. Se por tal espírito nos deixaramos levar, nunca nada se avanzaría nin negociaría. Os conflitos e os distintos intereses son os ingredientes cos que ten que lourear a cada minuto o político que de verdade o é. Non sei a que agardan para, en vez de se lamentar de que non imos ser capaces, o que este propón é unha barbaridade, o que o outro proporía é unha entelequia, iniciar encontros lixeiros, probas de achegamento, intentos e suxestións sobre maneiras de como enfocar o problema. Porque a proposta de agardar a que exista máis necesidade e todo estea máis podre non me parece que prognostique mellores acordos reformadores.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.