lunes, 9 de septiembre de 2013

QUE QUEREN DICIR CANDO DIN QUE SAÍMOS DA CRISE?

Entoemos cánticos de ledicia e gozo: os encargados de traer boas noticias andan anunciando de maneira dosificada que nalgún ano vindeiro tocaremos fondo e comezará a recuperación. Ministros, comunicadores varios, medios ben relacionados, economistas que cheiran os ulidos máis mestos nas cociñas do poder, veñen preparándonos para que, sen que se nos faga a boca auga, deamos algún pequeno brinco de alegría pola boa nova proclamada: a fin da crise chegará, as reformas darán froito, os sacrificios compensarán, medraremos, crearase emprego. Imaxinen a cara de Rajoy, amo e señor do tempo e do silencio, se para uns meses antes das próximas eleccións, esquecidos de que se borraron todos os discos duros sobre mafias no financiamento do partido, os indicadores ao grande dan algún respiro e, décima arriba, décima abaixo, os números navegan con lixeiro vento a favor. Prepárense para a mensaxe xa ben tecida polos asesores da arte en muxir votos: conseguímolo no pasado e outra vez nós, a pesar do pozo no que nos meteran os contrincantes corruptos e ineptos, só hábiles para acabar con todo, estamos devolvendo o país á senda do crecemento económico, do optimismo e da confianza . España comeza a ir ben de novo, porque demostrado queda que só con nós vai ben. Non se lles ocorra cambiar de voto agora que enfiamos o camiño da recuperación. Permítannos outros catro anos máis para situar este país na cabeza dos de Europa, co prestixio que se merece, porque o conseguido foi grazas ao esforzo de todos, aos sacrificios que xa anunciamos que resultarían dolorosos, pero velaquí os primeiros froitos, e isto só é o comezo, porque se confían en nós, a recuperación consolidarse. Sóalles a música, non si? Pois isto e o que nos espera se unha miga de melloría se plasma nos números e na apertura de telexornais e portadas dos diarios se amplifica e repite como é debido a mensaxe. E nós, anxos benditos, igual o cremos. O certo, en cambio, irá por liña ben diferente. Para cando sexa que se cumpran esas noticias que nos comezan a quentar os oídos – poida que para o 2016, 2017 ou 2018, todo irá mudando en función de variables inextricables-, as bondades e recuperación anunciadas non poderán desapegarse dun retroceso innegable na calidade de vida. Darémonos cun canto nos dentes cando o paro non supere o 20%, conformarémonos con traballos de puro lixo, aceptaremos máis horas e peores condicións por moito menos salario, resignarémonos ao copago sanitario, estudar con garantía de futuro pertencerá cada vez máis a un determinado grupo con medios económicos, as diferenzas entre clases incrementaranse de maneira cada vez máis groseira, os servizos sociais para vellos, enfermos e dependentes de todo tipo tenderán á desaparición, a rendas de traballo continuarán pagando máis impostos que as de capital, o deterioro democrático continuará polo cavorco polo que xa esborrexeu e a resignación oculta e vergonzosa do conxunto social resumirase de maneira ben simple: bendigamos este mal, de non facelo, todo podería ir aínda moito peor. Trasladado ao mundo da mafia, vén sendo coma cando os matóns do capo do barrio se presentan no teu local esixindo un incremento da mordida que te deixa na miseria: págalo, poida que anegado en rabia e bágoas, pero pagas, porque do contrario sabes que á mañá seguinte non terás nin local nin pernas. Que nos anuncian, entón, cando nos prometen que máis cedo ca tarde sairemos da crise? Pois iso: que a meirande parte do beneficio do noso traballo irá para impostos, que os servizos públicos iranse correndo de maneira case imperceptible pero firme e constante cara unha privatización excluínte, que a esixencia e necesidade de xustiza mudará en actividades piadosas, que os servizos de atención aos desfavorecidos pareceranse máis a casas de beneficencia, que as diferenzas de clase faranse máis evidentes, que o poder se concentrará en menos mans, que as decisións democráticas teledirixiranse por control remoto e que, se non somos bobos de todo, demostraremos ter ben aprendida a lección que con sádica friaxe nos ensinaron nestes duros anos: ou pagamos o que se nos esixe, tal coma o propietario do seu bar fai cos matóns do barrio, ou xa sabemos o que nos queda: quedar sen bar e sen pernas. Así as gastan os poderes de verdade. Sen monadas. Pola brava. Isto e non outra cousa é o que se nos quere dicir cando nos din que estamos tocando fondo, que moi axiña, en canto se realicen unhas cantas reformas profundas máis e dean os froitos esperados as xa realizadas, sairemos da crise e todo volverá ao bo camiño.


PUBLICADO EN EL DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.