domingo, 23 de junio de 2013

FÁGANSE AS REFORMAS XA!

Leo con pausa as recomendacións do FMI e, no que dou alcanzado, entendo que imos ben, pero moi lentos. Como o mesmo documento di: para xerar emprego hai que ir máis aló. Mostrar máis coraxe, reformar a fondo, sen medo. Levamos cinco anos con remedos de reforma, pero nunca en profundidade, nunca coa determinación que o momento esixe. Realmente, non sei a que esperamos para atacar o problema de raíz. Como queremos que nolo expliquen? Que máis necesitamos para entender que con medias tintas no se sae do pozo? Atendamos ás recomendacións dos expertos, de quen ben nos quere e ataquemos dunha vez por todas o problema. Para dicilo en prata: reformemos o mercado laboral dunha puta vez e calemos co conto. Sei que estarán tan fartos coma min de escoitar que hai que flexibilizar. Levamos así décadas. Flexibilicémolo! Deixémonos de sindicatos e de xulgados, convenios e contratos. Flexibilicemos como se debe. Que os empresarios elixan na praza pública ao mellor preparado, ao máis guapo, ao máis necesitado, ao máis submiso, ao que mellor cara de escravo presente, ao que saiba máis idiomas, a quen lle dea a gana e que lle ofreza o salario que boamente considere, durante o tempo que lle conveña, e que o despida cando lle pete. Así de claro. Para que andarnos polas ramas? Flexibilicemos con sentido común e como se pode, sabido é que a arte da política ultimamente consiste en «faise o que se pode». Que se presenten mozos e mozas con ¡grao en economía, ADE, dereito, con idiomas e cursos de especialización aos departamentos de recursos humanos e que, unha vez admitidos, os obriguen a pasear por Europa e Asia a tempo completo, que os espreman con horarios extremos e salarios miserables durante uns anos e que os chimpen á rúa cando xa cheguen outros máis novos, máis necesitados, dispostos a pagar tamén do seu peto as viaxes para negociar de madrugada en Corea e regresar directos do aeroporto á nave onde se produce de maneira competitiva. Que elixan os empresarios entre historiadores, filólogos, filósofos e biólogos en paro, ansiosos todos por un primeiro emprego, para atender teléfono, facer fotocopias, realizar tarefas de limpeza, manexar o computador e levar café ao despacho de dirección. E aos que non teñen unha capacitación mínima, que os utilicen para abanicar no verán e para dar fregas no inverno, poderíase aforrar moita enerxía con este método. Flexibilicemos dunha vez por todas e acabemos con este sistema insoportable: baixemos os salarios. Acabemos con esa esixencia retrógrada e ríxida dun salario mínimo. O que se poida, amigo, o que se poida. Este mes, trescentos, o próximo dous, algún nada... non queda outra se queremos ser competitivos. Que é iso de andar con contratos temporais, indefinidos, a tempo parcial? Eliminémolos de raíz. Para que contrato? Tes necesidade, queres traballar esta mañá, dúas horas, unha noite? Vén. Traballa. Vaite. Só tes que aceptar as condicións da reforma profunda, as regras únicas e comprobadas de creación de emprego. Avogados laboralistas, xuíces que interveñan nos despidos, acordos entre traballadores e empresarios, convenios colectivos? En que século vives, amigo? Todo iso só son restos dun sistema anquilosado, lento e causa da destrución de emprego. Acabemos xa e sen mala conciencia coa razón de tanto sufrimento: establezamos un sistema libre, sen ataduras, sen rixideces que permita ser competitivos de verdade, porque iso si creará emprego. Chámalles a atención que un representante dos empresarios se queixe de que se concedan catro días de permiso pola morte de familiar achegado? En que mundo viven? Nin catro, nin tres, ni dous. Se queres ir ao enterro de teu pai, vas, pero ao regreso tes outro no teu sitio que o fai mellor, sabe chinés e seu pai conta cunha saúde de ferro. Non queremos emprego? Hai que ser competitivos. Como se consegue iso? Así: flexibilizando, reducindo salarios, arrincando dunha tallada todo impedimento para o crecemento e a produtividade. Hai que ir máis aló. Chegou a hora de ser ambiciosos e non contentarse con reformas tímidas. Fágase un pacto polo emprego atrevido, audaz, espectacular: suicídense os sindicatos, elimínese todo contrato, desaparezan os tribunais nas relacións laborais, que reinen as leis sabias do interese e do mercado e verás como axiña creamos emprego, como os ricos se enriquecen como leite no lume –aínda máis!-, e como o que teña fame traballa pola comida coma en tempos pasados. E seremos competitivos. E dunha vez por todas deixaremos de escoitar a ladaíña que máis nos perfora os oídos nos últimos anos: cómpren reformas estruturais en profundidade. Fagámolas dunha vez e rematemos con esta mala época na que a rixidez laboral non permite o despido e os salarios dos traballadores son tan escandalosamente elevados que imposibilitan toda competitividade. En fin, que estamos dando pasos no bo sentido, pero cunha lentitude tan exasperante que nos poden castigar (si, máis); se queremos ser guiados e participar nas faragullas do emprego, a ver se nos reformamos con determinación e definitivamente.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.