lunes, 13 de mayo de 2013

FALAR, CANTAR, LER


A INFORMACIÓN dos últimos anos parece coma se estivese cargada de pezoña. Chéganos por calquera dos condutos cargada de metralla estresante e dolorosa. Esboura diante de nós cunha potencia fétida que nos amarga e deprime. Atordados se cadra por tan mala e persistente desventura, esquecemos que cada día seguimos vivindo e intentando gozar. Porque non todo é futuro, nin previsións pesimistas. O presente esixe fortaleza para xestionar as desgrazas e o sufrimento como un todo; a vida vén con todo: ledicia e sufrimento. Cando sabemos superar o sufrimento alcanzamos un nivel de gratitude e satisfacción que nos converte en máis ledos, en efémeros seres felices, nunca se pode ser permanentemente feliz. Saber saír adiante é das mellores leccións de ledicia. Quen non goza con nada, vólvese desgraciado.
Os nenos veñen cargados –non só, seino– de inocencia e natural curiosidade, de despreocupación e placidez. Correspóndenos aos adultos transmitirlles útiles para aprender a manexarse ben na vida, sobre todo coas emocións, coa maneira de nos enfrontar ás dificultades. Nunca tantos xoguetes estiveron á súa disposición. Pero alédame comprobar que os expertos seguen a coincidir na necesidade esencial: o xogo arredor da palabra, do canto e da lectura. Sen excluír os beneficios das novas tecnoloxías, non deberiamos esquecer que para mellor aprender a vivir ledos nada se descubriu que axudase tanto. O mellor enredo para unha evolución segura e leda segue a ser a palabra do adulto envolvendo ao neno. As palabras que arrolan, as que serven para peterrear, as que avivan a mente, as que fan rir, as que desconcertan, as que sorprenden. Acompañándoas, as palabras cantadas. Cantarlles aos nenos, cantar con eles, lograr que canten, unir grupos polo fío da voz e da melodía é dos mellores estímulos para quen está formando o seu carácter. E por último, ler. Lerlles, escoitar como len, ler a un tempo, deixalos ler ao seu aire é dos maiores regalos que lles podemos dar. Porque con todo canto levamos inventado, coa marabilla que supón enredar cos enxeñosos trebellos que estimulan áreas que non debemos desprezar, falar, cantar e ler seguen sendo os mellores xogues. A mellor aprendizaxe para que saiban que a vida hai que vivila na serenena ledicia de cada momento, porque non nos queda tempo, non podemos permitirnos perdelo en lamentacións ou medos estériles.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.