domingo, 26 de mayo de 2013

O BO CORTE DO TRAXE DE AZNAR

Por tres cousas como mínimo debería un home coma min sentir insá envexa de Aznar: polo seu forte e firmemente moldeado cabelo, polo bo corte do traxe e polo esculpido que ten o corpo. Só o envexo por dúas: polo pelo e polo corte do traxe; o de ter o corpo tan cultivado non me parece que lle acabe beneficiando, a certas idades mellor unha miga máis de graxa. Seguro que lles parecerán aspectos en exceso frívolos para as opinión encontradas e acendidas que o expresidente levantou, pero a min antóllanseme o realmente importante da súa comparecencia. Explícome. Se o que pretendía era defenderse ante o que se está a descubrir, tiña mil maneiras máis elegantes para facelo. O que pasa é que, por máis que os traxes sempre os leva perfectos e o peiteado inmaculado, Aznar nunca se caracterizou pola sutiliza nin a elegancia. Os seus modais quedan perfectamente retratados no seu sorriso cando pretende mostrar unha miga de ironía ou simpatía: parece un aceno entre histriónico e falso que mete medo. O seu estilo comunicativo achégase sempre aos extremos: ou acende aos que senten rabia contra o rival ou causa un rexeite brusco. Non é político que cative nin atraia especialmente por nada, simplemente se está con el por estar contra o inimigo común, porque iso si: conduce ben o odio cara o odiado, pero, de non ser así, non se traga. Sendo de tales maneiras o atlético político, compréndese que armase a que armou só para deixar patente que el é diferente, que está por riba do ben o do mal, do partido, mesmo do presidente do goberno. Un acto de deslealdade e prepotencia só entendibles en persoas que chegan a crer en si mesmos non polo que son, senón polo que aparentan ser, por actuar coma se... (coma se procedesen de clase superior, coma se fosen intelixentes en grao supremo, coma se con razón vivisen por riba do vulgo mediocre, coma se estivesen chamados a grandes fazañas, coma se gobernasen coma Deus) de xeito que nun momento dado confunden nunha identidade escabrosa aquelo que estaba baleiro co que se encheu de fachenda. E de tal maneira o baleiro e o finximento se acomodan nunha unidade de acción que, na maioría dos casos, causan temor e desconfianza sobre quen os observa, converténdose unicamente en soportables e aproveitables se alimentan con fines proxectivos os odios e complexos de cada observador. Por iso o paradoxo de que estes comunicadores por un lado tan nefastos canalicen tan ben o castigo e a vinganza contra alguén. De non ser así, resulta pouco entendible que político que se diga con sentido de Estado, amante dun partido e minimamente leal con quen el mesmo elixiu para continuador da súa obra, se despache con formas tan displicentes, agresivas e máis propias dun novo rico que regresa ao barrio ensinando reloxo, xoias no pulso e coche do trinque. Sabendo como calquera sabe o momento polo que atravesa o país, a dificultade suprema coa que ha loitar cada hora o actual presidente, non parece impropio do presidente de honor do mesmo partido meter o dedo no ollo a todo o que non sexa el? Caer no bombardeo interno ao estilo de Jiménez Losantos ou Pedro J. Ramírez paréceme anicarse en exceso xa por lavar a súa imaxe ou por pretender regresar – que o dubido- á primeira plana da actividade política. Por mala que sexa a oposición, existe. Que lle deixe ese traballo a quen lle corresponda. Non anda o país para enredos tan perigosos como dinamitar desde dentro do propio partido que o sustenta ao presidente do goberno. Unha frivolidade só propia dun ego atuado de fachenda compensatoria de inferioridade. Quen realmente goza de autoridade intelectual e moral non precisa cuspila contra os da casa para que se saiba que aínda hai diferenzas. Por iso, diante de artimaña tan pouco elegante, o que máis lle envexo ao discurso retorto do expresidente é a aparencia: o traxe e o peiteado. Para non caer nas súas patadas na canela, no xogo de contacto ao borde da expulsión, mellor quedarnos nos aspectos máis intranscendentes. Porque se dúas consideración atinadas fixo – que cómpre unha urxente e radical reforma fiscal para non deixar desaparecer as clases medias, outro cantar sería o como, e que o PSOE, de non conseguir un discurso nacional, corre o risco de esfiañarse en partidiños rexionais- o contexto no que o envolveu todo non deixa de obrigarnos a que máis nos fixemos no traxe, no nó da gravata e no peiteado ca noutras consideracións. Certo que moitos tamén envexarán o seu músculo curtido, a pel limpa de graxa e a súa táboa de chocolate que máis intuímos por fotos xa vistas que pola pose amosada na entrevista, pero a min iso xa me parece outro exceso na mesma liña do personaxe. Outro coma se fose un mozo, un deportista de elite, un home de ferro, un invencible guerreiro que por responsabilidade, conciencia e sentido do deber estar disposto a todo polo seu partido e polo seu país. Por favor... Se algo de todo isto o movese, demostraría unha elegancia, respecto e lealdade similares ao corte do traxe que loce. Cando, pola contra, un se despacha con tanta soberbia, distancia e carencia de empatía cara os correlixionarios, mellor quedarnos no traxe e esquecer a quen viste.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

BELVÍS, COLLEITA DO 63


NA festividade de San Rosendo de 1953, o cardeal Quiroga colocou a primeira pedra. O edificio encheuse con 541 alumnos no curso 57-58, e o xoves 11 de setembro de 1958, día de San Pedro de Mezonzo, o Caudillo e a súa egrexia esposa, din as crónicas, inauguraron oficialmente o Seminario Menor de La Asunción. O acto estivo rodeado de aclamacións por parte da multitude congregada. As autoridades, contemplada a virxe obra do artista Asorey, escoitaron na capela o motete Bienvenida a la Sagrada Casa e pasaron ao salón de actos. Quiroga Palacios agradeceu a localización do colexio entre a Virxe do Portal e Santa María a Real do Sar, deu gracias a cantos coas súas axudas levantaran o edificio e declarou a súa finalidade: formar sacerdotes como predicadores da doutrina e distribuidores das gracias do Salvador.
O domingo 2 de xuño de 1963, con 10 anos e acompañado de meus pais, visito o colexio que me había de acoller o resto da nenez. Era a véspera da morte do Xoán XXIII, o papa que presidira a primeira sesión do Concilio Vaticano II. Realizado o cursiño preparatorio en xullo, en setembro ingreso en humanidades. Eramos máis de 100 rapaces en 1.º chegados de toda a diocese. A vida dentro estaba ben marcada: disciplina, silencio, oración, estudo, deporte, reflexión, compañeirismo, teatro, canto, veladas, días de visita, exercicios espirituais, duchas no soto, filas, exame de conciencia e outra vez silencio. Cando no ano 1965 se clausurou o Vaticano II, moitos xa abandonaran o internado. Era o preludio do que acontecería: pasar de estar cheo a case baleiro. O país estaba cambiando. O rural foi deixando de ser o viveiro onde captar tanto estudante. Belvís tivo que adaptarse: nunca máis acugulado de nenos analizando se a chamada da vocación petara nas súas almas. A maioría abandonamos aula, capela, patio de xogo, prédicas, meditación, ensaios e xeiras de estudo, pero co seu selo. Porque, agás aos escasos externos, privilexiados encargados do contrabando e das misivas amorosas, que non se vían tan directamente labrados, por pouco que permaneceses, Belvís marcaba. Por iso unha xeración de galegos (profesores, policías, artistas, sindicalistas, adestradores de fútbol, políticos, escritores, xornalistas, médicos, empresarios, mágoa que moitos menos técnicos e científicos) deben moito a aqueles anos. Hoxe reunímonos os da colleita do 63. Ha ter mérito.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

martes, 21 de mayo de 2013

ABORTO

"La creación de un nuevo ser humano es un milagro maravilloso, pero la elección del momento oportuno para producir milagros en el vientre de una mujer debe realizarla esa mujer, no el ministro u obispo de turno. Por eso casi todos los países desarrollados han adoptado leyes de plazos como la española actual. No hay razón alguna para variarla".


Jesús Mosterín.


lunes, 20 de mayo de 2013

A LIÑA DE DEFENSA DE BLESA


SERÁ tan burriño o equipo de avogados de Miguel Blesa como para non dar coa liña de defensa ante este pequeno arranque da xustiza contra un verdadeiro responsable? Escribo coa emoción quente de ler a noticia, non porque teña sede de ver banqueiros na cadea, que algo si, senón porque me colleu por sorpresa. Non sabía nada do xuíz Elpidio José Silva e o que menos podía sospeitar era que unha tarde gris de maio se atrevería a meter na cadea a o expresidente de Bankia. Certo que é prisión provisional e que os 2,5 millóns de fianza non ha ter dificultade en reunilos –parece ser que era o seu salario anual–, pero dá unha miga de ánimo ver que algún dos que si estiveron de festa están obrigados a lourear coa xustiza. E menos mal que o xuíz Elpidio caeu na conta de lle retirar o pasaporte, non coma outros. Pero vaimos ao caso: serán tan ineptos os seus defensores coma para non dar coa liña que o ha deixar libre e honorable tal e como segue a ser o seu compañeiro Sáenz non hai moito brandamente remunerado pola dedicación a favor da riqueza e reparto equitativo da mesma no país?
È probable que cando lean isto o Sr. Blesa xa estea na súa casa. Pero por se houbese algún atraso, aí vai a miña suxestión, se lle funciona ao presidente do goberno diante das medidas máis calamitosas e con peores consecuencias, malo será que non lle funcione a el. Ao parecer, por mal análise e faltando á lei na compra dun banco americano –erro non desculpable en profesional de tan alta especialización e merecido salario–, o Sr. Blesa fixo perder a Bankia 500 millóns. Pois ben, a defensa argumentará: Señoría, será certo o que os informes periciais ditaminan, non nega o meu cliente que se puido producir perda similar á mencionada, pero é consciente a sala do que Bankia perdería de non actuar así, o desastre que suporía para os accionistas, aforradores e empregados se o meu cliente non realizase a operación pola que se pretende condenar? Propoño unha revisión sen prexuízos ideolóxicos. Non é que causase perda ao banco. Simplemente, con actuación tan arriscada, evitou unha perda tres ou catro veces superior. Polo dito, Señoría, non só non errou, senón que merecería o recoñecemento pola súa profesionalidade. Solicito, e conclúo, a absolución inmediata de tódolos cargos. E o xuíz Elpidio quedaría coa boca aberta dunha cuarta. Hai argumentos irrebatibles.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

CULTIVAR O IDIOMA CON AMPLITUDE

Non se lle podía conceder ao novo presidente da RAG uns días de paz e acougo mentres se afacía ao cargo? Non habería modo de que entre o BNG e cantos defenden o galego, aínda que non exactamente ao xeito dos nacionalistas, non se producisen choques que a quen prexudican é ao idioma? Resultaron tan graves as declaracións do vello profesor como para se sentir ofendidos os dirixentes do BNG ata o punto de saltar con agresividade sobre a súa persoa? Tratarei de explicar a miña posición sen panos quentes, como xa teño escrito noutras ocasións, pois así a veño defendendo dende hai máis de trinta anos que escribo nesta lingua. Sería inxusto, ademais de demostrar ignorancia, restarlle mérito ao interese que o BNG puxo e pon na defensa da lingua. É unha evidencia: o seu compromiso é indubidable e a súa resistencia merece aplauso. Non me parece que mereza máis argumentación, calquera que siga os seus programas, actuacións, práctica diaria e manifestacións debe admitir a súa firme aposta por recuperar, revitalizar e normalizar o galego. De igual maneira, non creo que a estas alturas da súa vida o intelectual Alonso Montero necesite que eu defenda toda unha vida de entrega á lingua e literatura galegas. Miles de páxinas, leccións, conferencias e centos de discípulos poden acreditar por todo o territorio a capacidade de compromiso, sabedoría e sedución do baqueteado profesor. Estamos, entón, diante dun partido e do presidente dunha institución que velan por un mesmo interese e cun mesmo obxectivo. Onde se produce o desencontro? Na rixidez. No dogmatismo. Na intransixencia. Na visión escolástica de que fóra da miña igrexa, da miña maneira de entender os camiños e atallos para chegar ao fin, non hai salvación. Talvez a isto se quixo referir o presidente da RAG galega nesas declaracións que tanto noxo causaron en dirixentes nacionalistas. E se así era, se coa comparación da nai que por moito querer ao fillo acaba por premelo facendo del un neno débil e pouco amante do que lle pretendían inculcar, non andaba ao meu ver moi errado Alonso Montero. Hai amores que matan. Normas que paralizan. Compromisos que corren o risco de se transformar en obsesións nada atractivas. Todo o que abafa produce rexeitamento, non dá azos, non permite medrar libremente. Puidera ser que algúns partidos e asociacións defensoras do galego, de tanto querelo, o situasen diante dos indiferentes nunha posición de obriga e imperativo que, lonxe de seducir, os arredasen do fin que se persegue. É innegable que algunhas posicións, non precisamente neutras ou indiferentes – belixerantes contra o galego hainos, vaia se os hai-, utilizan este argumento para segar todo despunte da lingua, e sabido é que, de non ser esta, calquera outra escusa tamén lles valería para opoñerse á súa normalización. Pero paréceme caer nunha trampa perigosa darlles pé con métodos tan achegados á intransixencia. A proba, se o BNG fixese autocrítica nos anos de goberno en coalición veríaa, quedou ben reflectida nas elección últimas: o celo depositado na defensa da lingua, e supoño que non se levaría ao máximo das súas pretensións pois algo os reprimirían os socialistas, causou máis desafecto que outra cousa. Si, a oposición meteu veleno na ferida, pero resultou efectivo á hora de arredar a moitos votantes dese estilo de presentar a lingua. É probable que o flamante presidente da RAG non debera ter tanta présa en presentar esta posible incongruencia nacionalista de maneira tan directa. Non digo que non sobrase referencia tan explícita a un grupo claramente a favor do que a súa institución debe defender. Tempo e maneiras máis suaves tería para dar pé a un diálogo sereno e leal con quen por celo mal entendido pode nalgunha maneira prexudicar máis que favorecer á lingua. Pero sobran e resultan indicadores claros de que a crítica tocou en óso as declaracións agresivas e desproporcionadas de Vence e García Negro. Se algunha proba necesitabamos de que ás veces aos dirixentes do BNG se lles vai a man por dogmáticos, aquí temos as máis recente. Hai maneiras de se defender se un se sente inxustamente tratado sen caer en ataques tan simplistas: bocazas e españolista non son argumentos. Quen así salta só sementa dúbidas sobre se será certo, por máis que o neguen, o que moitos inimigos do galego manteñen: que se cren os donos do idioma, que o queren impoñer á forza, que só o entenden como estratexia nacionalista e que, sendo así, por imposición, antes que falalo por capricho dun partido, non o falan. Eu sei que non é así, pero deberían ter tino de non dar sospeitas para pensalo. Se o galego quere vida, só a atopará arredor de palabras como unidade e amor. Hai que cultivar o idioma con amplitude, vitalidade e non con normas, deixou dito Fernández del Riego. Entre xenreira, división, imposición e fanatismo cumpriranse as peores previsións daquel informe dramático sobre a lingua galega que o profesor Alonso Montero escribira para combatelo e aínda hoxe, superados os oitenta anos, segue loitando para que o dramatismo se poida cubrir cun pano de esperanza.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

lunes, 13 de mayo de 2013

FALAR, CANTAR, LER


A INFORMACIÓN dos últimos anos parece coma se estivese cargada de pezoña. Chéganos por calquera dos condutos cargada de metralla estresante e dolorosa. Esboura diante de nós cunha potencia fétida que nos amarga e deprime. Atordados se cadra por tan mala e persistente desventura, esquecemos que cada día seguimos vivindo e intentando gozar. Porque non todo é futuro, nin previsións pesimistas. O presente esixe fortaleza para xestionar as desgrazas e o sufrimento como un todo; a vida vén con todo: ledicia e sufrimento. Cando sabemos superar o sufrimento alcanzamos un nivel de gratitude e satisfacción que nos converte en máis ledos, en efémeros seres felices, nunca se pode ser permanentemente feliz. Saber saír adiante é das mellores leccións de ledicia. Quen non goza con nada, vólvese desgraciado.
Os nenos veñen cargados –non só, seino– de inocencia e natural curiosidade, de despreocupación e placidez. Correspóndenos aos adultos transmitirlles útiles para aprender a manexarse ben na vida, sobre todo coas emocións, coa maneira de nos enfrontar ás dificultades. Nunca tantos xoguetes estiveron á súa disposición. Pero alédame comprobar que os expertos seguen a coincidir na necesidade esencial: o xogo arredor da palabra, do canto e da lectura. Sen excluír os beneficios das novas tecnoloxías, non deberiamos esquecer que para mellor aprender a vivir ledos nada se descubriu que axudase tanto. O mellor enredo para unha evolución segura e leda segue a ser a palabra do adulto envolvendo ao neno. As palabras que arrolan, as que serven para peterrear, as que avivan a mente, as que fan rir, as que desconcertan, as que sorprenden. Acompañándoas, as palabras cantadas. Cantarlles aos nenos, cantar con eles, lograr que canten, unir grupos polo fío da voz e da melodía é dos mellores estímulos para quen está formando o seu carácter. E por último, ler. Lerlles, escoitar como len, ler a un tempo, deixalos ler ao seu aire é dos maiores regalos que lles podemos dar. Porque con todo canto levamos inventado, coa marabilla que supón enredar cos enxeñosos trebellos que estimulan áreas que non debemos desprezar, falar, cantar e ler seguen sendo os mellores xogues. A mellor aprendizaxe para que saiban que a vida hai que vivila na serenena ledicia de cada momento, porque non nos queda tempo, non podemos permitirnos perdelo en lamentacións ou medos estériles.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

PACIENCIA NON, GRATITUDE

Rajoy e o seu goberno están pecando de timoratos. Necesitan desinhibirse. Botarlle peito, que se diría en plan máis coloquial, e chamarlle ás cousas polo seu nome. Que é iso de solicitar que teñamos paciencia dando unha miga de pena? Paciencia pídese cando un se ve desbordado, sen saída, perdido, agardando a buscarlle solución a un problema. Non é o seu caso. El sempre coñeceu o diagnóstico, os culpables, os erros e os seus donos, as solucións e os camiños de saída. Estáos aplicando con rigor e determinación. Non lle treme o pulso. Non se cansa. Non desmaia e asegura que ninguén lle fará cambiar o rumbo porque imos polo camiño adecuado. Por que pedir paciencia? Por se alguén aínda non se decatou, todo canto está a ocorrer no último ano e medio de goberno glorioso é unha limpeza e cimentación do que será a creación de riqueza e emprego. Este varrido que pode parecer groseiro e atordado non é tal. Trátase simplemente dunhas reformas en profundidade, dunha transformación rotunda das nosas estruturas produtivas que darán como resultado unha España rica, próspera, con emprego para todos, igualitaria e ben servida socialmente. Que algúns por curtos de miras ou mala intención interesada non queiran velo non significa que o futuro non sexa esperanzador. Dolor? Si. Sufrimento? Si. Pero por algo que merece a pena. Non sofre acaso o doente cando lle extirpan un cálculo que o mataba? Igual pasa coa situación económica actual. Estamos diante dun sufrimento con recompensa, dunha dor gratificante. Por que, entón, amedrentarse e pedir paciencia mesturada de perdón coma se a culpa os roese? Escoito argumentos de contrincantes políticos do goberno poñendo enriba da mesa cifras e letras que desmenten a súa alegría esperanzada. Números da enquisa de poboación activa, desánimo que se reflicte nas respostas ás preguntas do CIS, pesimismo instalado na maioría das capas sociais, nas institucións, ata na maneira de camiñar pola rúa. Datos e e feitos poden engrosar a lista dos desastres causados por esta política de inxusta carga das penas. Experiencias de miseria que poñen en carne viva a sensibilidade dos máis duros de pelello. Pero farían mal, argumentan os relatores do goberno, se por escasa perspectiva se quedasen nestes fríos e pouco informadores datos. A verdade que se agocha por debaixo de todo isto é tan recorrente como incuestionable: todo podería ser moito peor se non se adoptasen as medidas empregadas. Así de rotundos e claros e incontestables son os argumentos deste goberno. Medrou o paro: sorte, podería ter medrado moito máis; aumentan as desigualdades: dea cun croio nos dentes, non imaxina onde estaría a estas alturas se non se actuase coa contundencia coa que se actuou; pérdese calidade de vida: dea grazas a Deus, vostede non sabe o que é carecer do indispensable; os traballadores retroceden a condicións de moitos anos atrás: prefire non traballar en nada? E así pode encadear unha restra de dúbidas e cuestións que todas atoparán unha resposta infalible: se non fose por nós, polas actuacións destes meses, pola determinación e claridade coa que nos movemos, todo sería infinitamente peor. Por que, entón, pregúntome de novo, tan anicados e tan medosos solicitan paciencia como respiro? Dunha vez por todas, Rajoy e o seu equipo, tanto no goberno coma nas asesorías, deberían rachar a camisa e a peito aberto, sen plasma, sen protección, diante de cantos xornalistas queiran, contestar destemidos a preguntas sen taxa nin filtro, anunciar con plenitude e confianza o que nos falta: que lles esteamos agradecidos, que nos deixemos de chorimicar, de lamentos e prantos, e dunha vez, coma sociedade responsable e culta, democrática e serena aplaudamos e gabemos as dúas caras do fundamento do seu optimismo: por un lado non empeorar como teriamos empeorado de non gobernarnos el e os seus, e, polo outro, estar cimentando cunha solidez e fortalezas nunca coñecidas o futuro dunha nación que non tardará en ser a envexa do planeta. Diante dunha situación de evidencias tan favorables, non acabo de entender a timidez do presidente e, menos, a ingratitude dun pobo tan pouco aleuto para saber recoñecer a quen tanto ben lle dá. Chegou a hora de deixarse de panos quentes e monadas. O presidente que se deixe de falsas humildades e presuma do que lle corresponde e os españois a lamentarse en Cuba acompañando a ese cómico que disque se vai exiliar aló. O país non aguanta máis dramatismos estériles. Imos ben. Estamos sementando para recoller unha colleita coma a dos sete anos de vacas gordas de José na Biblia. Agradezámolo abertamente e abandonemos protestas, conflitos, escraches, manifestacións e escritos que non saen da pestilente poza da crítica destrutiva. Non nos conformemos con ser un país paciente. Transformémonos nun país agradecido, que recoñece aos seus sacrificados e eficaces gobernantes. Pensen, se non o ven claro, nas desgrazas que nos poderían ter acontecido e, por fortuna, nos libraron, eles, precisamente eles, de todas elas. É de ben nacidos ser agradecidos. Sobran máis explicacións.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

lunes, 6 de mayo de 2013

GRAZAS POR TODO, SR. SÁENZ


DIN os que entenden do funcionamento deste mundo económico, da creación de riqueza e aforro, da creación de emprego e do reparto posible, que o Sr. Sáenz, Conselleiro Delegado do Banco Santander ata a súa dimisión, foi un brillante, honorable e eficiente executivo de banca. Non só polos 19 anos ao servizo do primeiro banco do país, senón polos anteriores de dedicación e saneamento de Banca Catalana e Banesto. Por todo isto, a folla de servizos do alto executivo bancario, din, é impecable, o que non impide que estivese condenado por una denuncia falsa, indultado polo goberno de Zapatero (un dos últimos servizos que lle prestou á nación) e agora, pola confirmación de 19 de abril do Tribunal Supremo da condena, anulado o indulto, á espera do que decidise sobre a súa honorabilidade o Banco de España, aínda que polos criterios da Autoridade Bancaria Europea talvez puidese continuar dirixindo a nave do banco se el quixese.
Estudado o seu currículo e vistos os seus méritos, escoitados algúns comentaristas que andan á última do que realmente importa para os beneficios económicos do país, non me queda máis que darlle as grazas a tan brillante banqueiro. Desde miña ignorancia de efémero auxiliar bancario en idades xuvenís, non me queda outra que admitir e acatar que é grazas a estes grandes fenómenos das finanzas que o país non está peor. Está mal, xa sabemos, pero imaxinan o que sería de nós se non traballase pola riqueza de todos unha figura así? Que sería de España se non contase cun executivo de tal capacidade xestión? Segundo a opinión dos que saben de como funciona o mercado, de non contar con persoas capaces de asumir tanta responsabilidade superariamos os 7 ou 8 millóns de parados, a industria produciría con métodos do século XIX, as infraestruturas serían semellantes ás de despois da guerra do 36 e ningún sector económico tería mellorado. Aínda que obsesionados polo beneficio groseiro, son estes os que posibilitan o progreso dunha nación. Por iso aproveito para lle dar as grazas. E lamento non ter un gramo de poder dentro da súa empresa para propoñer unha indemnización máis acorde co ben que nos procurou. Antóllaseme que os cerca de 100 millóns de euros que vai recibir de xubilación non pagan os seus servizos. O dito: grazas sobre todo por nos facer entender como o pornográfico beneficio privado sen freo repercute no ben do país.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

AS BÁGOAS DE RATO

Desde que souben que o Concello de Viveiro lle retirou o título de fillo adoptivo a Rodrigo Rato, non deixo de pensar no moito que debe estar padecendo o exvicepresidente do goberno na época de Aznar. Imaxínoo cada mañá agarrado aos cabelos, cuberto de bágoas, saloucando e desfacéndose de pranto diante de tan dolorosa perda. Supoño ao atarefado e triunfador executivo, agora mirando polos intereses dunha importante empresa privada, lamentando os seus erros e repasando a súa vida política e laboral para entender dunha vez cal foi o pecado polo que agora debe penar: perder o título de fillo adoptivo de Viveiro, nin máis nin menos. Que fixen mal, preguntarase o artífice da mellora de Bankia; onde cometín fallo tan grave coma para me ver privado de tan alto honor, realizará autocrítica o exmandatario do FMI; que puido causar tal desafecto nos rexedores dese Concello, indagará con rigor científico intentado buscar unha explicación coherente a tanta desgraza o home de empresa por tradición familiar. Supoño que non lle será doado tirar conclusións que o tranquilicen, por iso as bágoas deben facer poza na humilde morada que habite (digo humilde porque en comparanza con algúns altos executivos que coñecería na súa breve estadía en Washington pode sentirse coma unha carracha pobre, vexan aquí exemplo claro do relativismo imperante) causando incluso inundacións nas vivendas contiguas. Porque isto de ir perdendo títulos só é recibir o primeiro lapote, a continuación caen de tódolos lados sen saber como. Comeza Viveiro retirando o de fillo adoptivo e a saber a de Concellos por España adiante que estarán maquinando en privalo das chaves de ouro da cidade, da medalla máis prezada da vila, do título máis sobranceiro do pobo máis agochado. Imaxinen a de cuartos que terá dedicados o expolítico para gardar tanta e tanta ferralla coa que o irían agasallado nos seus anos de gloria. Comprendo que iso ten que ser unha pesada cruz: de que me privarán na próxima semana, de onde deixarei de ser fillo predilecto, obrigaranme a devolver a banda de honor da irmandade de Andalucía ou Estremadura ou Castilla León ou Cataluña, que con tanta festa e louvanzas me regalaran? Miren por onde, sen comelo nin bebelo, un ministro como el foi de tanto éxito e que sentou as bases do que logo sería a economía de fogos de artificio, sufrindo agora as consecuencias dunha xenreira e malicia nas autoridades ás que se lles dá por privar de honores a quen tanto fixo por merecelos. Visto así, ata dá pena. Claro que, mirado por desde outra perspectiva, poida que as bágoas do Sr. Rato sexan de pura risa, falando mal e para nos entender, que se escaralle do pouco que lle molesta este tipo de medidas e da superioridade moral que proporciona ver a hipocrisía e baixeza do poder débil, do inferior, do que non é economía potente. É probable que con cada retirada destes honores, se é que dedica un segundo a pensalo, lle veña ao acordo a submisión e compracencia excesiva daqueles que se abaixaron para que lle aceptase o recoñecemento. Véxoo punteando esa perilla que xa non sei se agora gasta e rindo polo baixo mentres recorda as veces que os concelleiros e alcalde chamaron á secretaria para que lles aceptase o honor. Recordará como os mesmos ou similares políticos que daquela lle rían os chistes malos e lle escoitaban as solucións máxicas para os problemas da economía mundial, son agora os que se afanan por lle retirar un título que consideran non merece. Como é a vida, pensará o experto economista, antes tan admirado, agora tan odiado, o que o confirmará na seguranza de que vai na boa liña, de que actuou con criterio e que os únicos que saben cara onde van son os que actúan coma el. Nada mellor para reafirmar nas súas conviccións aos amos do mundo que ver aos servís de antano agora rectificando rancorosos. As bágoas dos que moven os fíos da economía, se lle saísen, estou seguro que nunca serían de pena nin por recoñecemento de erros cometidos. Se algunha esborrexese pola súas meixelas só respondería a esa risa distante e imperturbable dos vencedores que ata os fai chorar; esa que os empoleira aínda máis para continuar pola senda que tan ben levan explorado. E así, mentres os perdedores dan paus de cego retirando títulos de fillo adoptivo e medallas de honor, os vencedores, seguros, mirando despectivos para medidas tan inofensivas, seguen impertérritos repetindo idénticas condutas. Aquelas que os converteron nos mellores ministros da democracia, en rexedores de organismos internacionais, en salvadores de caixas afundidas que aínda se afundiron máis. Eles continúan en pé, firmes, saben que van polo camiño correcto. Non tardarán en mudar os tempos e outra vez os concelleiros e alcaldes do país buscarán o teléfono da súa secretaria para pregarlles que acepten ser fillos adoptivos de calquera cidade. Por iso as bágoas son de risa e esperanza, nunca de pena. Para penas, os perdedores.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

miércoles, 1 de mayo de 2013

UNHA RADIO MOI ABURRIDA


O GOBERNO de España parece empeñado en desprestixiar a radio e televisión públicas. Os últimos datos coñecidos demostran, sen lugar a interpretacións de alivio, que RNE baixou a súa audiencia dunha maneira alarmante. Os feitos son evidentes. Co calamitoso goberno de Zapatero, tan criticado como castigado por tantos defectos, os medios públicos, admitámolo, vivían unha situación indiscutiblemente máis favorable. Os programas de RNE medraban con cada enquisa, o entretemento e a categoría dos mesmos onde ía dar ao par dos de hoxe, e a pluralidade informativa tamén era superior. Pode o Sr. Echenique quedar sen voz repetindo que non teñen listas negras en TVE nin perseguen por motivos ideolóxicos, pero a realidade diaria non concorda.
Non ignoro que é case consubstancial con cada cambio de goberno a mudanza de directores, produtores e presentadores dos medios públicos. Parece coma se levasen nos xenes a obsesión polo control da información, coma se con cada telediario se xogasen as eleccións. Uns dun modo máis sibilino, outros de maneira máis groseira, intentan todos controlar, dirixir e mesmo censurar aquela información que consideran prexudicial para os seus intereses. O caso máis recente de veto témolo diante: parece ser que suspenden a emisión dunha entrevista na 2 coa portavoz da PAH Ada Colau. Se así consideran desactivar o desespero e cabreo dos afectados, mal van. Pero o defecto non é exclusivo da dereita. Goberno e oposición acúsanse mutuamente de prácticas similares. O que ocorre coa dereita é que, ademais da gravidade por manipular a información, tenden a baixar o nivel de entretemento e calidade dos programas dun xeito evidente. Parece un defecto propio dos tempos da oposición: canto máis atacan de incultos ao contrario, canto máis se rin do analfabetismo cultural e do badoco estilo do rival na época das promesas, máis caen na programación baleira e insubstancial á hora da execución. O goteo miúdo co que se pretende transformar a tendencia informativa por selección dos invitados, dos expertos elixidos para pontificar e dos locutores contratados acaba por aburrir seriamente ao oínte. E nada hai peor que aburrir. A xente prefire mil veces antes a un botarate disparatado e incrible se é divertido, que a un manipulador forzado aburrindo ás cabras. E iso é sobre todo no que se transformou RNE: nunha radio moi aburrida.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

VÁZQUEZ E VÁZQUEZ

Os dous claros perdedores das últimas eleccións galegas foron Guillerme Vázquez e, aínda máis, Pachi Vázquez. Por aquelas mesmas datas escribino con claridade e repítoo: deberían dimitir polo ben dos seus partidos e polo de Galicia. Chegados á primavera, constato que hai Vázquez e Vázquez. Un, Guillerme, actuou cunha corrección política que non admite crítica; o outro, Pachi, continúa mareando na perdiz prexudicando – me parece que non sabe canto, se o sabe peor- ao seu partido e á política xeral. A actuación do exportavoz do BNG merece todo eloxio. Sen estridencias nin populismos, sen présa nin dramatismo, utilizou as canles democráticas do partido para trasladar o poder. Nun traspaso exemplar, axilizou os mecanismos democráticos do partido para que Vence se puxese ao fronte e el, sen rancor nin desaires, manténdose fiel aos seus ideais e principios, continúa loitando na base do partido ao tempo que regresa á súa actividade docente. O que debera ser normal, pero por desgraza resulta pouco frecuente entre os dirixentes políticos que nos rodean. Por isto me parece meritoria e digna de resaltar a resposta intelixente e honesta de Guillerme Vázquez, a tentación soe ser a contraria: amarrarse con desculpas ao poder alongando canto se pode a toma de decisión. Que é o que está facendo o outro Vázquez. A actitude política do dirixente do PSOE galego paréceme a dun tafur. Coñecida a súa escasa ou nula capacidade de conexión co electorado, comprobada a mínima aceptación entre os seus camaradas, probada a súa pésima xestión como opositor e como aspirante a presidente da Xunta, non me explico como ten corda para seguir enredando ao partido. A súa táctica para alongar os tempos de elección, a hábil xogada de se enfrontar a Madrid coma se fose máis democrático ca ninguén, a indecisión raposa de se ao fin será candidato ou non, antóllanseme puras e burdas manobras para non deixar expedito o posto. Que máis precisa saber este dirixente para entender que o seu tempo, se algunha vez o tivo, caducou hai meses? Cantos máis compañeiros, ademais de Caamaño e Orozco, deben manifestarse abertamente que sería moito máis saudable que non se presentase? A que espera para anunciar que el renuncia, que non liará máis a situación ofrecéndose para continuar polo camiño do desastre? Estase poñendo de moda, sobre todo entre a dereita furibunda, aniquilar toda institución: dos sindicatos á Coroa, dos partidos ao Tribunal Constitucional, agás a Igrexa católica, todas as institucións serven para mofa e descrédito virulento. Todos ladróns, imbéciles e ignorantes. Conviría atar a cabeza e os pés. Pedir rectificar, reestruturar ou criticar unha institución non significa pedir a súa aniquilación. Os partidos, que se saiba, son os únicos garantes dunha democracia imperfecta, pero menos mala que caer nun populismo ou sistemas de asemblea que conducen ao revolto no que só ganan os máis avisados. Que mellore a transparencia dos partidos e que non se convertan en máquinas ríxidas na que só prosperan os mediocres non significa derruílos por completo. Calquera goberno, máximo se o é por maioría absoluta, precisa dunha oposición tan crítica como leal, tan esixente como construtiva. Por iso constatar que o PSOE continúa dereito cara o cavorco non é boa noticia para o país. E por isto mesmo, que un dirixente como Pachi Vázquez continúe releando por esa posición á que parece terlle tanto apego como ineficacia demostrada no seu exercicio, non axuda nada na clarificación do partido opositor en Galicia e en España. Se o PSOE realmente pretende unha rexeneración, arrincar con outras maneiras, necesita sen escusa unha nova imaxe directiva, que Vázquez se dedique se así o desexa a seguir traballando na base do partido, e que todos esquezamos os anos nos que el estivo ao fronte. Anos de pedra sen dúbida por causa de moitos máis factores que a súa presenza na dirección, non convén personalizar ata tal punto os erros de decisión dunha organización, pero calquera que mire con ollos limpos a situación actual do partido entende que neste momento é condición sen a cal non que Pachi Vázquez se arrede e deixe sitio. E xa que non tivo a habilidade nin a valentía de facelo sen rebumbio nin escándalos como o fixo o outro Vázquez, Guillerme, polo menos, a última hora, que busque coraxe onde sexa para retirarse a tempo, mostrar unha miga de dignidade e posibilitar que o partido se organice, con primarias ou como sexa, pero co campo limpo, sen terróns nin buratos tan fondos coma os que nos últimos anos se empeñou en ir deixando por Galicia adiante. Que non se chamen a engano: o votante toma nota destas en aparencia miudezas. Axiña volverán a presentarse diante dos electores e no inconsciente todos saberán que hai Vázquez e Vázquez. E partidos que saben prescindir dos seus dirixentes con elegancia e outros que se encerellan con eles baixo simulacros de democratización.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA