domingo, 10 de marzo de 2013

CREO FIRMEMENTE NO PAPA EMÉRITO

Mellor dito: creo firmemente nas razóns que o xa Papa emérito deu para xustificar a súa dimisión. Medida difícil de conciliar desde a lóxica interna da teoloxía, pero valente, coherente e para nada agochada en motivos de conspiración se a observabamos cunha mirada puramente humana. Difícil de conciliar segundo os propios mecanismos de razoamento da igrexa católica porque non se ve claro como han convivir dous representantes de Deus na terra por máis que o emérito xa prometese silencio e obediencia cega ao que elixan proximamente. Abdicar de ser a voz de Pedro entre os fieis non non debera ser asunto trivial. Hai misións que, segundo o dogma dita, non poden collerse e deixarse coma quen cambia de solideo. Pero deixando estes aspectos teóricos a un lado, con expertos conta a igrexa que o explicarán con finura escolástica, o que me chama a atención é a tendencia coa que nos movemos constantemente na liña da conspiración. Por suposto que o meu coñecemento das interioridades do Vaticano, excepto un par de veces que o visitei como turista, é nulo, pero por pura aplicación do sentido común hai explicacións que non cadran. Ao se coñecer no mundo a noticia, de inmediato saltaron vixiantes dos corredores vaticanos para nos crear a sospeita de que en realidade o Papa Ratzinger non dimitía por cansazo e impedimento da vellez, senón porque descubrira o niño de víboras que se agochaba no corazón do pequeno estado desde onde se goberna aos católicos. Cartos, sexo, poder, intrigas... Os elementos que sempre encaixan en novelas, películas e informacións amarelas apareceron de súpeto como dinamita que esbourou diante dos ollos do ancián Papa. E como a realidade era tan escandalosa, había tanta podremia coma na peor das institucións humanas que se coñezan, e como, dicíase, non daba co método para atallar pederastia, enxeñerías financeiras escuras, navalladas por medrar e outros pecados menores, o bo de Ratzinger optou por guindar a toalla e pasarlle o traballo de limpeza a outro. En que cabeza cabe tal argumento? Pero se Ratzinger coñece o Vaticano mellor ca ninguén. Pero se el dirixiu a Congregación de maior peso teolóxico e con firmes directrices durante un montón de anos. Se foi el un dos cardeais con máis control dentro do enramado da curia romana; se, coma ninguén moveuse, controlou, promocionou e paralizou ideas, persoas e proxectos ao máis alto nivel. Que descubriu Ratzinger ao ser Papa que xa non soubera? Con que sorpresa se atopou el, precisamente el, mentor e asesor íntimo do anterior Papa, ao acceder á solemne potestade da tiara? Na miña opinión, nada puido sorprendelo; nada lle tivo que romper a inocencia; ninguén lle descubriu nada que el non soubera. Logo, non cadra que a razón da súa arriscada e delicada decisión obedeza á putrefacción que puidese despedir o Vaticano. Se me falasen dalgún cardeal que chega a Papa procedente da súa diocese de África, de América, de Varsovia como foi o caso, e queda anulado ao penetrar nas intimidades desa vella, fina e complexa maquinaria diplomática, podería aceptalo. Pero que Joseph A. Ratzinger, teólogo clarividente, curtido en tódalas batallas que o Vaticano poida coñecer, dominando a Congregación para a Doutrina da Fe con man de seda para que non se coase nin unha agulla de progreso pola boca do dromedario do dogma, cocido a lume lento en tódalas manobras da casa, recibise un choque insoportable por descubrir unha corrupción que non se esperaba ao acceder ao trono de Pedro non me parece en absoluto defendible. Nin susto, nin falta de maña para tratar con eses malos tragos, nin desbordado pola podremia. Por iso eu creo firmemente que a razón primeira e fundamental non é outra ca que el manifestou ao mundo. Pódense criticar os temas nos que a igrexa leva enrocada demasiado tempo e non quere dar un paso. Todos sabemos a firmeza coa que non se apean da súa visión do aborto e do sexo, por poñer dous exemplos evidentes nos que Ratzinger mantivo man de ferro. Por suposto que haberá motivos para crer que foi un Papa que non permitiu avanzar en absoluto ás bases cristiás que procuran achegar a mensaxe máis ao evanxeo e ás comunidades primeiras. Pero si me parece que non se debe dubidar de dúas evidencias neste Papa xa emérito. Unha é a súa sólida formación intelectual. Ler ou escoitar os seus discursos sobre todo diante de intelectuais demostran ás claras o que é unha formación filosófica superior. As súas manifestacións nunca perderon a fondura dun excelente profesor que coñece o pensamento occidental sen fisuras, que propón discusións ben fiadas e que non apela gratuitamente á fe infantil ou sen poder crítico. E a outra virtude humana que me sorprendeu e me pareceu dunha valentía e altura que non é frecuente entre os mandatarios do mundo foi a humildade coa que recoñeceu que a vida se lle ía, que está nos últimos pasos da peregrinación e que non conta con forza física para seguir dirixindo unha nave sometida a tantos e tan feros embates. Unha decisión tan humana e humilde en personalidade de tanto poder que converte en máis crible a bondade da fe.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.