sábado, 30 de marzo de 2013

AS MATEMÁTICAS DE DEUS


VIOLENCIA PROFUNDAMENTE ANTIDEMOCRÁTICA


                        
  Nunca estiven tan de acordo con Rajoy, ese gobernante experto en prometer que nos gobernaría como Deus manda e agora é o dono do silencio: nada é tan profundamente antidemocrático como a violencia. E nada pode augurar peor futuro. Certo. Por máis que reflexiono, nada me parece tan violento, perigoso e antidemocrático como deixar sen os seus aforros a xubilados que gardaron durante a súa vida a base de privacións para non pasar miseria na súa vellez; nada me inquieta tanto como ver a millóns de mozos refuxiados na casa dos pais ou os avós, sen traballo, sen esperanza, á espera de que escampe tal e como os gobernantes nos prometen un día si e outro tamén a cambio de que colaboremos mansamente; non atopo violencia moito peor, agás pegarlle un tiro, que irlle suprimindo os medicamentos e os coidados aos vellos que non se poden valer; calquera que non se cegue adredepode observar que pouca violencia resulta tan exasperante como ver a cantidade inacabable de lambóns, mentiráns, aproveitados, defraudadores, ladróns, malversadores e desapiadados gobernantes que se aproveitan dos cartos públicos para os seus escandalosos estilos de vida. 
   Coincido plenamente con Rajoy e os seus palmeiros, eses que se escandalizan día e noite preocupados pola que se pode armar se algúns exaltados insultan a un deputado e o seu  fillo se enteira de que moitos desafiuzados están sen casa e de tanta desesperación non saben a onde acudir, en que a violencia é moi mala conselleira, sábese onde comeza e nunca onde acaba. Claro que si. Deben andar con ollo e con tino os causantes desta violencia institucionalizada, os que se encargaron de mandar ao paro ao 26% da poboación, os que enredaron cos cartos dos traballadores honrados nun casino emocionante e divertido no que amoreaban pilas de cartos, os ganadores permanentes, os que nunca perden, os que lles obrigan a pagar cos culpas aos débiles e indefensos. É moi perigosa a violencia. Esa que argalla trampas e letras miúdas para enganar aos ignorantes, a que consegue revirar as leis de tal maneira que nunca prexudican ao poderoso, a que permite e favorece a desigualdade insultante cara a que imos sen importarlles o máis mínimo mentres atopen saída para as súas riquezas e caprichos. Completamente e profundamente antidemocrática, Sr. Rajoy. Nada podería selo máis. Xa sei que a vostede o que lle preocupa é o grupo de desafiuzados reunidos para se protexer, eses que se tiran á rúa e berran por non agredir, petan no chan por non morder. Esa é a violencia que excita aos gobernantes, a que lles pon os pelos de punta, a que axiña convén desactivar mediante as estratexias máis ruíns: que se a turba é incontrolable, que se a policía debe intervir de inmediato, a democracia dálles tal poder, que se están provocando para que alguén perda os nervios e se arme unha gorda... Non serei eu quen defenda o desorde e a anarquía. Pero non nos veñan con enganos infantís. Os verdadeiros violentos, os insufriblemente abusóns, os descarados aproveitados e responsables desta situación non son hipotecados que despois de quedar sen traballo deixan de pagar dúas mensualidades ao banco; os violentos perigosos non son anciáns de 80 anos desesperados por perder os aforros dunha vida; os antidemocráticos  e aos que a policía debe vixiar de cerca non é aos funcionarios que se rebelan contra a diminucións das súas condicións de traballo na sanidade ou non ensino
      A ver se deixamos de enganar e tomarlle o pelo á xente. Os violentos de verdade, aos que debemos temer, os que poden causar unha auténtica desfeita social, son os que usan a intelixencia para articular letras pequenas coas que enganar a sacrificados e honrados cidadáns;  os que retorcen os sistema xudicial para que os falsificadores e ladróns saian por norma sen pena; os que utilizan o poder baixo a trampa de que van para servir e sérvense del de maneira groseira; os que foxen cos cartos a paraísos fiscais eludindo contribuír co ben común; os que manexan e forzan as leis para que sempre lles favorezan; os que menten descaradamente e enganan e terxiversan a realidade para que a maioría crea vivir en liberdade cando en realidade queren manexala coma a rabaños de cordeiros; os que utilizan a educacións para instaurar a reprodución dunha elite que continúe con este estado de cousas, sen posibilidade de mobilidade social, de transformación. Esta é a violencia profundamente democrática que está levando a Europa a un camiño sen saída. E se nalgún momento un deputado pasa por un mal trago, se o seu fillo se enteira abruptamente que son moitas as familias que quedan sen teito e que millóns de persoas non poden traballar e viven na desesperación, sen desexarllo, que non dramaticen,  non é esta  violencia comparable nin de lonxe á que se está exercendo contra eles, os desesperados. 


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

domingo, 24 de marzo de 2013

LÁGRIMAS NEGRAS


ALEGRÍA E ESPERANZA


A EUFORIA que vive o mundo, non só o cristiá, coa elección do papa Francisco, obedece á necesidade que temos de levar á boca un anaco de ledicia e esperanza. Sen levar ao extremo a analoxía, poderíamos dicir que acontece algo similar ao que ocorrera na primeira elección de Obama. O mundo necesitaba tanto unha miga de ilusión, que depositou nel expectativas imposibles, como axiña se comprobou, por carisma e capacidades que mostre. Con Francisco pode ocorrer outro tanto. A desesperanza é tanta, que os propios medios, ávidos de boas novas, agárranse a calquera xesto como anuncio dunha transformación santa, que os fieis e espectadores do planeta asimilan con leve inxenuidade. Así, polas páxinas e pantallas do mundo corre a boa nova de que contamos cun papa humilde, intelixente, bondadoso, favorable aos pobres, que denuncia a inxustiza diante dos poderosos e que promete transformacións na vida da Igrexa con repercusión na mellora do mundo. Oxalá.
Non quixera guindar un xerro de auga fría sobre tanta alegría, pero vexo precipitación e certa papalatría na conversión en santidade de aspectos que, de non ser pola fame de esperanza, non deixarían de ser meros xestos populistas. Por suposto é preferible un papa que non abusa da pompa anacrónica e gusta da distancia curta e humilde, pero non abonda. Os titulares recollendo que Francisco opta por unha Igrexa pobre e para o pobres carecen de valor mentres non se aclaren as contas do banco do Vaticano e se trasladen ás distintas conferencias episcopais ordes de transparencia e honradez diametralmente opostas ás que practican as mafias. Os bicos ó eivado quédanse curtos mentres non se ataque o problema da rixidez diante dos métodos anticonceptivos naqueles países nos que a sida se propaga coma lume en follaxe seca, non se flexibilice a mirada diante dos avances científicos e non se actúe con firmeza contra os abusos sexuais. As boas palabras reclamando que o poder é servizo non serán máis que palabras mentres os que abusan del continúen intimando coa xerarquía. O propósito de diálogo con outras relixións non pasará de voluntarismo se a liña de apostolado non se desprende do complexo de superioridade de única e verdadeira fe. E as referencias a María quedarán baleiras se as mulleres non adquiren a forza que os tempos esixen. En fin, esperanza e alegría si, pero cos pés na terra.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

AGORA A CULPA É DOS QUE AFORRARON

O discurso explicativo xa non sabe que rumbo coller. Se estiveron atentos á catarata de argumentos disparados desde o poder para nos convencer e culpar aos que moi pouca responsabilidade temos na desfeita que padecemos, a gran culpa de tódolos pecados polos que debemos penar xiraba arredor de gastar máis de que podiamos. Todos viviamos por riba das nosas posibilidades, ledos, eufóricos, consumidores e gastadores sen freo, inmersos nunha orxía da que non saímos ata entender que ninguén rexe tanto tempo de esmorga e carallada. París non era unha festa, Europa, o mundo era unha festa de tolos, de dilapidadores inconscientes, de gastadores frenéticos. E así pasou o que pasou, e por iso, reprendidos por unha conciencia luterana ríxida e inflexible, habíamos de cargar coa culpa do déficit, sufrindo coma mártires, ata devolver o mal gastado. Quen non ten cabeza ha pagar caro a súa falta de sentido. Os cidadáns das democracias do sur de Europa actuaron coma unhas cabras tolas, sen siso nin previsión, irresponsables, e agora, controlados por mentes frías e cos pés na terra, deberán penar coma nazarenos ata conseguir a redención por tanto mal feito. Este era o discurso explicativo ata non hai moito. Polo que vemos nos últimos días, parece que non só os que malgastaron causaron o derrube. Como aquí non se salva ninguén da queima, agás os que realmente son culpables, agora parece ser que tamén hai que castigar ao aforrador. Tamén eles foron malos e deben pagar. Por que? Pois por aforrar e gardar os seus aforros nos bancos. As persoas que se sacrificaron e se privaron, foron gardando uns euros para unha enfermidade, para a vellez, para lles deixar aos fillos, para manter un mínimo seguro polo que poida ocorrer; os cidadáns honrados que grazas a restricións, quitarse de certos luxos e mostrar verdadeira capacidade de axuste nas súa vida privada conseguiron reunir uns miles de euros para unha necesidade, son tamén culpables e deben contribuír á salvación dos que nunca pagan por nada. Por se non chegaba con culparnos a todos de vivir por riba das nosas posibilidades – hai que ver con que facilidade algúns deciden as posibilidades dos demais- agora cúlpannos por ser aforradores. Os aforradores están que bufan e non me estraña. Entendo que vivir en democracia non é asaltar concellos, romper reunións de representantes elixidos en votación, asaltar edificios públicos ou insultar aos gobernantes. Pero comprendo perfectamente o nivel de desesperación ao que pode chegar calquera persoa afectada por esta persistente agresión dos banqueiros ao resto da sociedade. Que non espallen culpas, por favor, que non nos veñan con historias baratas. Nos centros de decisión da súas elites de cabezas pensantes e bonos soantes estiveron as ideas de abrir a billa do crédito sen ton nin son, a canadas, para calquera, porque naquel momento lles conviña e conseguiron pingües beneficios. E alí tamén se decidiu empaquetar produtos traidores que non eran de aforro senón de trampa pezoñenta pola que se incautaban dos aforros de calquera, non cómpre ser un incauto para caer no engado tan ben urdido a través das redes bancarias. Entrampados por gastar ou por aforrar, agora non se salva ninguén de penar e sufrir. Así os hipotecados deben esfarelar os dentes ante o desafiuzamento e quedar a intemperie, e os aforradores morder a lingua e beliscarse para non deixarse levar polo desexo de coller unha marra e romper as cristaleiras de oficinas bancarias ao se lles quedar cos aforros dunha vida. Vivir en democracia non consiste en dar renda aos impulsos primitivos e tomar a xustiza pola man. Nunha sociedade gobernada polo dereito non cabe deixarse levar pola ira e a carraxe. Pero unha democracia que queira ser tal non pode permitir que uns bandoleiros de gravata vermella ou a flores, uns paxaros que din tratar de salvarnos e mirar polo interese xeral, se rían descaradamente facendo pagar por todo aos que precisamente menos responsabilidade tiveron. Privarse de calefacción, de viaxes, de larpeiradas, de comodidades para lograr aforrar 60000 euros para a vellez e non adoptar condutas desesperadas vendo que chos limpan de diante do nariz uns banqueiros aos que disque debemos salvar, esixe unha contención e tempero moi achegados á santidade. Se fose ao revés, habería que ver se apelaban tanto ao sentido da prudencia, da calma e da paz social



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

sábado, 16 de marzo de 2013

OLE SWING




BOCADO A BOCADO


ESTANNOS comendo a bocados. Pouco a pouco, firmes, constantes na liña trazada. Non se amedrentan, non lles treme o pulso, non se cansan. A experiencia vailles demostrando que todo se soporta, que despois de catro ou cinco días coas queixas dos mesmos, os sufridores acatan, tragan, calan, aceptan, non lles queda outra. Só cómpre disfrazar as medidas cunhas pingas de escusas tramposas: por necesidade, pola sostenibilidade do sistema, por corresponsabilidade. Deben subirse as taxas para estudos, establecer un copago máis xusto e solidario. Así, ben explicado, coma se foramos bobos. Cando se pregunta: non hai outro lugar de onde sacar sen ser dos comedores escolares, das taxas para estudar música ou idiomas, os responsables teñen sempre resposta á man: de onde?, dígame, de onde imos sacar os cartos se non é das clases medias e baixas, dos que xa pagan relixiosamente os seus impostos, dos funcionarios aos que xa lles rebaixamos o seu poder adquisitivo, dos asalariados que resisten sen ir de momento á rúa?
As directrices non xiran nin un milímetro. Todo está ben calculado: reduzamos día a día en educación e sanidade, dependencia e servizos públicos; vaiamos esfarelando os baixos niveis alcanzados; convenzamos con feitos que de non ser deste xeito, será peor; amaguemos con desastres apocalípticos a quen non entre polo aro. E así, aplicando esta política de "aforro" algún día poderemos cantar a boa nova: medramos, creamos emprego. Mentres, sen piedade, van anicando ao despedido, desterrando ao mozo desesperado, marxinando ao vencido. Co engado de que tanto sacrificio é en aras dun futuro esplendoroso, estamos quedando sen presente e sen mocidade, os nenos pagan o comedor escolar a partires dunha renda familiar minúscula (outros levarán táper?), os enfermos repagan as medicinas e os vellos terán sorte se contan con fillos que os poidan coidar. Todo confluíndo en matar unha clase media que a este ritmo non tardará en desaparecer para deixar definidas dúas clases ben diferenciadas e distantes. Quen nos gobernan instrúennos coas vantaxes de política tan necesaria: se non actuamos así, non hai saída. Pero que saída teremos cando xa todo quede queimado e cheire a chamusco? Cal é esa saída? Estamos cimentando en firme, din. Cimentando que? Cómennos a bocados e debemos contentarnos, disque é polo noso futuro. Polo futuro de quen?

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

BÁRCENAS NON LLE SERVE AO VATICANO


A pesar de que a Providencia xa se encarga dos paxariños do ceo e dos lirios do campo, a Igrexa católica hai tempo que sabe conxugar á perfección o recendo do incenso co ulido dos cartos. Que a súa preocupación sexan os pobres e os desherdados deste mundo non lle impide ter roce coa riqueza e con todo canto con ela se relaciona. Como o ulido dos cartos parece que cadra ben co cheiro a xofre que despide o demo, as contradicións, incluso se quen xestionan eses asuntos son os representantes de Deus na terra, estalan diante dos ollos de crentes e non crentes de maneira escandalosa. E como o escándalo é dos pecados que menos lle gustaban a Xesús , a Igrexa, institución asentada nas súas ensinanzas, teña por Papa a quen teña, mentres non se atreva coa valentía dos mártires e dos santos a limpar as arcas onde agocha o diñeiro, ten un problema tan inmenso como grave que lle resta gran parte da súa credibilidade e que é causa de escándalo. Certo que Igrexa sabe escandalizar con máis pecados, a tardanza e debilidade na intervención diante dos casos de pederastia é un bo exemplo, pero ningún de tanta capacidade destrutiva coma o das súas finanzas. Para situar o problema nun contexto de sobra coñecido, imaxinemos a Bárcenas de tesoureiro das finanzas do Vaticano. Que efecto nos produciría saber que os cartos dos fieis crentes, que con toda a súa boa vontade entregan para a solidariedade entre os menos favorecidos do mundo, os que pasan fame e sede, os enfermos, os que carecen de xustiza, sofren e choran, pasan polas mans dun administrador de conciencia tan laxa que vai distraendo unha fortuna en Suíza? Pois, asústense, polo pouco coñecido, Bárcenas no Vaticano non pasaría de recadeiro, de mozo ao que se lle permite realizar algún ingreso nalgún banco menor, pero sen alcanzar xamais categoría decisoria nin poder como para saber absolutamente nada dos pasos que seguen os cartos benditos . Un acólito sen peso nin contactos. Que enxeñería dos infernos coce e amasa as finanzas vaticanas? Como é posible que a Igrexa de Pedro, a do sermón da montaña, compita na xestións dos seus cartos coa escuridade, pezoña e estratexias da enxeñería financeira máis ruín e podre do sistema capitalista? Aceptado está que é unha institución gobernada por homes, coas súas ambicións, carencias, malicias e debilidades. Mateo, un dos elixidos por Xesús, era recadador de impostos. Sabémolo. Pero a transparencia que se lle pide a un partido político, o control co que a xustiza dunha pobre democracia somete lixeiramente a un simple Bárcenas, non sería de xustiza que, como mínimo, se esixise no Vaticano? Non nos escandalizaremos dos bens amasados ao longo da historia, da riqueza inmensa captada por métodos máis que dubidosos, das cantidades inxentes de bens que xestionan. O que nos escandaliza é o misterio financeiro dos cartos sagrados. As intrigas e trampas que arredor del se xera. Non pode a Igrexa realizar o esforzo pedagóxico de demostrar ao mundo que é posible separar os cartos de Deus dos cartos do demo? Mantén ela tamén a resignación de aceptar que os cartos sempre olen ben medren baixo o esterco que medren? Séntese tan débil como para se vender ao instrutores dos «Bárcenas» que no mundo secular escandalizan aos cidadáns demócratas? Carecen da mínima fe e esperanza como para non intentar unha contabilidade transparente e exemplar capaz de demostrar ao mundo que existen maneiras de xestionar distintas ás das mafias? Confían tan pouco na oración e nas súas pregarias como para non modificar esa rutina de banqueiros de Deus suicidados, enlodados nas peores operacións, asociándose aos negocios máis vergoñentos? A Igrexa é mestra en manter a tradición e atraer pola liturxia aos medios do mundo. Símbolos e xestos causan efectos visibles sobre a sociedade. Se non é quen de lograr unha transparencia e decencia nas súas contas, máis lle valería atarse unha pedra de muíño e tirarse ao mar, porque está sendo causa de grave escándalo. Nada peor lle pode pasar á institución de Xesús de Nazaret: que os crentes e non crentes sospeiten que un «Bárcenas» non contaría co grao suficiente de «habilidade financeira» como para levar as súas contas.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

domingo, 10 de marzo de 2013

QUE FAMILIA!


ENTRE as fórmulas que máis se espallaron nos últimos anos para convencer á poboación de que non queda outra que seguir o camiño marcado, está unha aceptada (todos fomos igualmente responsables das decisións económicas) e outra moi socorrida pola súa capacidade pedagóxica: a familia. Xa saben, cando un político se ve acurralado, non sabe como seguir convencendo das bondades do déficit ou dos recortes, acode ao remedio máis didáctico e entendible: isto é, din, coma cando nunha familia hai escaseza e non queda máis que axustar o cinto, reducir gastos, suprimir o innecesario e afacerse ao que hai. E así dan por explicado o sacrificio. Acolléndome á simpleza do exemplo, eu propoño outra historia familiar.
Había non hai moito tempo unha familia formada por pai, nai e varios fillos. O pai, arriscado, ambicioso, dirixía sen lle tremer o pulso as decisións da casa: en que se investía, como, cando, canto. E disque lle ía moi ben. Tanto que prosperaba coma nunca e así se lle notaba nos seus signos externos de riqueza. Os fillos e a nai, traballando duro por mil euros ao mes no que el ordenaba, pagaban impostos para dispor de educación, médicos e mesmo algúns pequenos caprichos. Este pai patrón, eufórico, negociaba con operacións non de todo claras, pero como cedía nas migallas xa citadas e ata lles prestaba algún carto, tanto a muller coma os fillos conformábanse. Pero quen realmente amasaba cartos e presumía era el. Tiña fincas, mansións, coches de luxo, vicios variados, pasaba dun hotel de luxo a outro, invitaba sen taxa en restaurantes exclusivos a poderosos aos que corrompía e ata chegou a mercar iate, helicóptero e latifundios. Dicíase tamén que, ás agachadas, tiña repartidas contas por distintos paraísos fiscais a nome del, das súas amadas e de socios estraños. O caso é que, de súpeto, todo caeu coma un morico de pedras mal asentadas. E chegados aquí, este pai patrón, moi cabreado porque a muller e os fillos gastaron por riba das súas posibilidades e non devolvían os cartos prestados, decide: traballo fóra, fillos sen escola, muller a fregar escaleiras, médicos suprimidos, restrición máxima. Iso si: el continúa con idéntico estilo de vida manexando os cartos por outras lares, esixíndolles á muller e aos fillos que aforren. Pero moito, pois el non soltará un céntimo nin dará traballo ata non ganar como ganaba. Que familia!

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

CREO FIRMEMENTE NO PAPA EMÉRITO

Mellor dito: creo firmemente nas razóns que o xa Papa emérito deu para xustificar a súa dimisión. Medida difícil de conciliar desde a lóxica interna da teoloxía, pero valente, coherente e para nada agochada en motivos de conspiración se a observabamos cunha mirada puramente humana. Difícil de conciliar segundo os propios mecanismos de razoamento da igrexa católica porque non se ve claro como han convivir dous representantes de Deus na terra por máis que o emérito xa prometese silencio e obediencia cega ao que elixan proximamente. Abdicar de ser a voz de Pedro entre os fieis non non debera ser asunto trivial. Hai misións que, segundo o dogma dita, non poden collerse e deixarse coma quen cambia de solideo. Pero deixando estes aspectos teóricos a un lado, con expertos conta a igrexa que o explicarán con finura escolástica, o que me chama a atención é a tendencia coa que nos movemos constantemente na liña da conspiración. Por suposto que o meu coñecemento das interioridades do Vaticano, excepto un par de veces que o visitei como turista, é nulo, pero por pura aplicación do sentido común hai explicacións que non cadran. Ao se coñecer no mundo a noticia, de inmediato saltaron vixiantes dos corredores vaticanos para nos crear a sospeita de que en realidade o Papa Ratzinger non dimitía por cansazo e impedimento da vellez, senón porque descubrira o niño de víboras que se agochaba no corazón do pequeno estado desde onde se goberna aos católicos. Cartos, sexo, poder, intrigas... Os elementos que sempre encaixan en novelas, películas e informacións amarelas apareceron de súpeto como dinamita que esbourou diante dos ollos do ancián Papa. E como a realidade era tan escandalosa, había tanta podremia coma na peor das institucións humanas que se coñezan, e como, dicíase, non daba co método para atallar pederastia, enxeñerías financeiras escuras, navalladas por medrar e outros pecados menores, o bo de Ratzinger optou por guindar a toalla e pasarlle o traballo de limpeza a outro. En que cabeza cabe tal argumento? Pero se Ratzinger coñece o Vaticano mellor ca ninguén. Pero se el dirixiu a Congregación de maior peso teolóxico e con firmes directrices durante un montón de anos. Se foi el un dos cardeais con máis control dentro do enramado da curia romana; se, coma ninguén moveuse, controlou, promocionou e paralizou ideas, persoas e proxectos ao máis alto nivel. Que descubriu Ratzinger ao ser Papa que xa non soubera? Con que sorpresa se atopou el, precisamente el, mentor e asesor íntimo do anterior Papa, ao acceder á solemne potestade da tiara? Na miña opinión, nada puido sorprendelo; nada lle tivo que romper a inocencia; ninguén lle descubriu nada que el non soubera. Logo, non cadra que a razón da súa arriscada e delicada decisión obedeza á putrefacción que puidese despedir o Vaticano. Se me falasen dalgún cardeal que chega a Papa procedente da súa diocese de África, de América, de Varsovia como foi o caso, e queda anulado ao penetrar nas intimidades desa vella, fina e complexa maquinaria diplomática, podería aceptalo. Pero que Joseph A. Ratzinger, teólogo clarividente, curtido en tódalas batallas que o Vaticano poida coñecer, dominando a Congregación para a Doutrina da Fe con man de seda para que non se coase nin unha agulla de progreso pola boca do dromedario do dogma, cocido a lume lento en tódalas manobras da casa, recibise un choque insoportable por descubrir unha corrupción que non se esperaba ao acceder ao trono de Pedro non me parece en absoluto defendible. Nin susto, nin falta de maña para tratar con eses malos tragos, nin desbordado pola podremia. Por iso eu creo firmemente que a razón primeira e fundamental non é outra ca que el manifestou ao mundo. Pódense criticar os temas nos que a igrexa leva enrocada demasiado tempo e non quere dar un paso. Todos sabemos a firmeza coa que non se apean da súa visión do aborto e do sexo, por poñer dous exemplos evidentes nos que Ratzinger mantivo man de ferro. Por suposto que haberá motivos para crer que foi un Papa que non permitiu avanzar en absoluto ás bases cristiás que procuran achegar a mensaxe máis ao evanxeo e ás comunidades primeiras. Pero si me parece que non se debe dubidar de dúas evidencias neste Papa xa emérito. Unha é a súa sólida formación intelectual. Ler ou escoitar os seus discursos sobre todo diante de intelectuais demostran ás claras o que é unha formación filosófica superior. As súas manifestacións nunca perderon a fondura dun excelente profesor que coñece o pensamento occidental sen fisuras, que propón discusións ben fiadas e que non apela gratuitamente á fe infantil ou sen poder crítico. E a outra virtude humana que me sorprendeu e me pareceu dunha valentía e altura que non é frecuente entre os mandatarios do mundo foi a humildade coa que recoñeceu que a vida se lle ía, que está nos últimos pasos da peregrinación e que non conta con forza física para seguir dirixindo unha nave sometida a tantos e tan feros embates. Unha decisión tan humana e humilde en personalidade de tanto poder que converte en máis crible a bondade da fe.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

domingo, 3 de marzo de 2013

QUE O INDEMNICEN DUNHA VEZ


UNHA miga de sensatez. Agradeceríase que os comunicadores do PP se deixasen de simulacións, ficcións, desculpas, mentiras, enredos e trapalladas e peguen un corte de machado seco, ben dando, que fenda dunha vez por todas esta prolongada escenificación. Non estivo claro durante máis de vinte anos que o innomeable era esencial na organización do partido?; non é certo que todos os presidentes, secretarios xerais e altos cargos confiaron, dependeron, amañaron, negociaron, medraron, ganaron eleccións e ergueron o partido grazas á súa habilidade nas contas da organización de Génova?; non foi o actual presidente do goberno quen nos anunciou rodeado de toda a cúpula do partido que a este innomeable -daquela Sr. Bárcenas- xamais se lle demostraría nada polo que levalo á cadea, porque era un exemplo de legalidade e honradez?; non lle mostraron agradecemento e devoción todos cantos gobernaron nesa casa da dereita? Que regrese a cordura, por favor, que volvan ao rego e acepten a verdade incuestionable: o innomeable formou parte esencial na estrutura do partido que hoxe goberna e non queda outra que agradecerllo.
Que si, que el xa se soubo ir gratificando ao longo dos anos e a súa dedicación non chegou a ser tan exclusiva como para non lle quedar tempo para outras actividades. Sabemos cal era o seu entretemento preferido: amasar millóns grazas á súa innata capacidade para as finanzas. Ben. Pero iso é un don persoal, algo co que algúns nacen e non teñen por que lle dar explicación a ninguén. Non era esta a lei a seguir dos que buscan éxito nesta sociedade? Ben fixo en aproveitar os seus talentos ata aforrar unha boa pila en Suíza. Do traballo vén todo, díxome sempre meu pai. Vese que este home é moito máis traballador ca maioría. Pois o seu premio merece. Pero iso foi mérito propio. Agora o que cómpre é que o partido o recompense como é debido (e que non remate na cadea, por suposto, onde se viu que quen tantos servizos prestou acabe preso?). Así pois, regresando ao lugar do que nunca deberan saír, é hora de que os dirixentes do PP entendan que só lles queda un camiño: indemnizalo e liberalo. Que o indemnicen dunha vez, e ben, e a ver se o presidente se pode dedicar dunha vez a aquelo que tanto nos prometera: gobernar como Deus manda, dicirlles a verdade aos españois, ademais, claro, de ocuparse do que realmente lle preocupa á xente.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

MENOS MAL QUE NOS QUEDA COSPEDAL

Como pasan os meses e nada invita ao optimismo, o mellor é centrarse nas informacións realmente importantes, as que nos manteñen nun nivel de evasión difusa que nos permite soportar a realidade sen botar man de ideas bomba. Do máis salientable da semana elixo a elocuencia e valentía de Cospedal. Certo que hai noticias mil que me distraen e entreteñen sen medida, pero de todas – preferencias que só na infancia ou nos xenes teñen xustificación- nada me atrae tanto como as aparicións artificiosas, sosas, incribles e insultantes da dirixente do PP e presidenta de Castilla La Mancha, señora De Cospedal. E conste que nos últimos días tivo competencia sobrada. A máis salientable, sen dúbida, a da espectacular muller non fatal, irritada pola popularidade, xestora silenciosa en favor dos españois, condesa Corinna. Magnificamente fotografada, supoño que ben asesorada, experta en relacións, a entrañable amiga do noso monarca, ocupou páxinas de xornais variados, pois se ben algúns parecen estar centrados directamente no corazón, que medio non está hoxe debruzado sobre o corazón? Recoñezo que é un entretemento bárbaro ler as declaracións de mulleres con tanto peso mundial, pero a pesar de todo, máis me gusta Cospedal. Non quixera nomear ao que todos pensan, pero o asunto, se non fose por enervante e humillante para lanzar panfletos incendiarios chamando á rebelión xeral co fouciño na man, tamén se está convertendo en risa de gargallada. Refírome ao fenómeno das finanzas que sacha millóns a eito para mandar a Suíza e, farto de que os do partido non lle recoñezan os favores debidos, os denuncia por despido improcedente e segue, erre que erre, ata conseguir que Rajoy teña, queira ou non, que volver nalgún momento a nomealo. Pois nada, tampouco el consegue desbancan á mandataria do PP. Ela segue roubando a miña atención. Por se fose escasa a avalancha de motivos para a conversa trivial, hai outro asunto que moito me divirte e anima de cara ao futuro: saber en que quedará a relación da neta do ditador – se erguera a cabeza, meu Deus- arrimada agora a un chatarreiro, millonario, claro. É asunto para os tempos que corren de moito valor estratéxico. A redución do déficit ao 6,7, as perdas de Bankia, a opacidade do partido que goberna, as simpáticas arroutadas de Montoro, o imparable declive de Rubalcaba, a perda absoluta de rumbo do PSOE, o triunfo imparable do decadente nacionalismo catalán e todo canto lles veña á cabeza, nada que ver coa habilidade desta neta liberada descasándose en Santander, aparellándose co chatarreiro, todo ben condimentado cos euros suficientes, divertíndonos a todos e ríndose ela da paxara parda, chámalle boba e dádelle trigo. Un mar de risas. Pero aínda con estas, sen comparanza coa atracción que exerce sobre min a señora Cospedal. Non debería nin nomealo, pero durante a semana tamén tiven motivos sobrados para distraerme e non acordarme absolutamente de nada. Por máis que quixese, que non quixen, sabería das fazañas de Ronaldo en Barcelona aínda que fose cego, xordo e estulto por natureza. O grao de explicación, análise e repetición destas fazañas no fútbol non existe sobre ningunha outra realidade coñecida. Pois con todo, o que non me dá saído da cabeza é a presenza de Cospedal diante dos medios. A súa pose estudada. O seu estilista renovándose sen caer en estridencia. O seu maquillador atento a cada poro. A súa profesora de dicción animándoa coas inflexións, modulacións exactas, miradas explicativas, xestos matemáticos e calculados. Asómbrame a súa claridade e síntese. Quedo engaiolado na súa mensaxe exacta, obxectiva, sincera, transparente e comprometida. Todo un modelo a seguir. Nin Corinna, nin o innomeable, nin Ronaldo, nin tan siquera a amante e o chatarreiro, o realmente significativo e transcendente durante a semana é o poder de comunicación da señora Cospedal. Grazas a persoas así resistímonos ás ideas bomba, sabemos da súa inutilidade.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA