miércoles, 9 de enero de 2013

VIÑERON


OS Reis sempre foron algo caprichosos comigo. Ou a min parecíamo. E non porque eu non lles tivese lei, que lla tiven mentres foi razoable, senón porque dera en matinar que cando atendían pola miña zona, ben por cansazo, ben por puro despiste, estaban tan aloulados que non sabían onde nin a quen deixar os regalos que correspondían. Un ano por estas datas, a medida que se ía achegando a noite máis me convencía de que desta non ía ter regalo ningún Por que esa escura previsión? Non o sei, se cadra por unha primeira predisposición que fai que algúns temamos o peor aínda sen motivo, se cadra porque algúns nenos na escola andaban a dicir cousas dos Reis que non me cadraban. O caso é que fun para a cama coa absoluta certeza de que pola mañá ergueríame sen regalo ningún. Non. Non tardei en durmir como podería pensarse. Pillei o sono de contado e de maneira profunda.
Espertei á hora de todos os días pero sen a curiosidade activa que se supuña debería manifestar un neno na mañá de Reis. Talvez como protección diante do desengano, agocheime e quixen esquecer que era o día sinalado. A miña ansiedade paralizábame. Tanto control silencioso debín demostrar que quen o perdeu foi miña nai que veu ao meu cuarto para comprobar se me pasaba algo. Ti estás ben? Si, respondín dende debaixo das sabas, confundindo o frío co medo. E non sabes que hoxe é o día de Reis? Calei. Ese silencio debeu sorprendela aínda máis porque se sentou na cama e, retirándome a saba, colleume a cara coas mans para que lle mirase aos ollos. Sendo o día dos Reis, meu neno, como é que non saltas da cama? Non deberías mirar se che deixaron algo pola casa? Debeume invadir un lóstrego de esperanza e ela, pouco dada a panos quentes, continuou: Veña, érguete agora mesmo e repasa toda a casa a ver se che deixaron algo, pero xa! Entre a orde e as ganas de que torcese a miña sorte inventada erguinme coma unha chispa e mirei en cada curruncho. Como a casa era pequecha non tardou en aparecer o regalo, enorme, xigante, inesperado: envolvida nun papel vermello brillante, apoiada contra o sofá da pequena sala de estar, coma un milagre chegado de Oriente, despois de arrincar a pedazos polos nervios o papel vermello, apareceu a bicicleta. Cando a toquei, xireime e vin a meus pais que me observaban cun sorriso enorme: Que, viñeron ou non os Reis?, dixo meu pai. Viñeron, fun neno a dicir.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.