domingo, 16 de septiembre de 2012

DEVÓLVEME O ROSARIO DE MIÑA NAI

Que a estas alturas da longa marcha perfectamente programada por Ciu e compañía cara a independencia de Cataluña, os medios, analistas e políticos se sorprendan da última manifestación en Barcelona, paréceme incrible. E que, a maiores, se empeñen en rebuscadas xustificacións, eufemismos, enganos e argucias malabares varias para restarlle importancia ó evidente, raia na inxenuidade ou nun cinismo interesado. Que a poboación catalá está preparada para dar o gran salto á independencia non me ofrece a menor dúbida. Nunca as condicións foron tan óptimas e, de non ser polos graves e urxentes retos que fan tremer a Europa, cun impulso minúsculo da Unión, sobrábanlle os anos dunha década para vivir completamente liberada da explotación coa que, segundo o victimismo perfectamente introducido entre a os seus habitantes, a trata España. O profesor José Luís Álvarez escribiu no hai moito un artigo titulado “La lucha final de la burguesía catalana” no que explica con argumentos ben fundamentados a perfecta estratexia seguida dende a transición pola burguesía e oligarquía catalás para convencer ás clases traballadoras, antes non afectas ás teses nacionalistas de Ciu, de que a independencia favorece o progreso e vivir sen crise, mentres que seguir en España é estar condenados á explotación e ás penalidades. Ambigüidade coa que lenta, irregular pero de maneira irreversible foi penetrando na poboación coa habilidade política dunha táctica extraordinaria. O exemplo de choiva fina que penetrou de maneira imperceptible inxectando o veleno da ideoloxía máis reaccionaria do catalanismo burgués témolo en moitos dos nosos emigrantes galegos establecidos en Cataluña. Traballando como burros, explotados, marxinados en barrios miserables, recibindo as migallas de calquera sociedade desigual e clasista, chegan a crer con fe inquebrantable en dous principios incuestionables: os cataláns son máis laboriosos ca o resto dos españois (por suposto ca eles galegos que traballaron de sol a sol para vivir nas peores condicións) e que, por riba de vaga, os resto de España vive a costa do gran esforzo que Cataluña realiza. Por iso, convencidos de tales dogmas, están orgullosos de que os seus fillos falen catalán e non lles ensinan galego, veñen de vacacións a Galicia falando Español e desprezando a miseria na que nos mantemos, polo dito: por pouco laboriosos. Como defende o profesor Álvarez, as causas desta deriva que coloca ao independentismo burgués á beira do gran salto final, foron fundamentalmente dúas: a pasividade dos partidos españois e o esforzo na política cultural catalá. A pasividade dos partidos nacionais non ofrece discusión. De Felipe González, pasando por Aznar e acabando en Zapatero, todos caeron no engado da ambigüidade calculada e ben tramada das chantaxes catalanistas. A trampa é ben coñecida para quen coñeza ou padecese algo da dinámica de ruptura familiar. O amante que trama en silencio marchar co amado ou amada elixida, por métodos arteiros, convence ao enganado de que é por el ou ela que se está tirando nos brazos nos que devece por se tirar. O colmo do cinismo e da ofensa. Quen non o padecese veuno no cine ou puido lelo en algunha mala novela: a túa actitude é a que me botou nos seus brazos. Pois esa e non outra foi a política dende Pujol a Mas: eu teño un plan a longo prazo de marchar, pero antes, a base de atormentarte e ameazarte con que es ti o que non me queres, procurarei axenciarme para quedarme con todo o que foron gananciais: o piso, o coche, as accións se as houbera e o chalé da praia. En canto todo estea perfectamente no meu poder, farto de loitar para que me queiras, canso de esforzarme pola gobernabilidade da relación, deixareite por túzaro, desleal, celoso, irritable, mesmo por maltrato, e porque nin o abrigo de pel regalado no último aniversario me queres devolver. Quen pode convivir con alguén así? Non me ofreces outra saída, cúlpante. Con gran dor, debo abandonarte, non me queres, conclúen xustificándose. E mentres, os partidos nacionais, especialmente o Psoe, de maneira calamitosa Zapatero, caeron na máis estúpida das manobras de retención: ceder en todo crendo así que abandonarían a idea de separase. Pobriños. Cando entenderán que se alguén desexa irse, acaba marchando, a non ser, claro, que se lle poña difícil ou imposible a vida, que é o que nunca entende quen se sente débil e mendiga cariño? Coa política cultural, outro tanto. Poden os hospitais padecer carencias, os dependentes, os marxinados. A televisión pública debe continuar co seu labor lento pero imparable de ir transmitindo estas verdades de fe. E coa educación xa quedou dito, grande mérito alcanzaron: conseguen que un paisano de Mazaricos ame máis o catalán que o galego. Non hai máis que dicir. Que acontece, pois, agora, chegados a este punto no que parece que os tempos son chegados para dar o impulso final? Pois moi fácil. Primeiro aceptar o evidente: os votantes cataláns están en disposición de aceptar un referendo para ser independentes con grandes posibilidades de ganalo. Segundo: ninguén se pode asustar de que isto sexa así. Podemos analizar por que e como se chegou, pero ninguén vai impedir que uns cidadáns convencidos, por máis que sexa polos intereses dunha burguesía e oligarquía reducida que mira polos seus intereses, desexen apoiar ás elites que os convenceron de que vivirán mellor separándose de España. E terceiro: ou se negocia con claridade un plan federal no que se axusten as responsabilidades e solidariedades fiscais e que garanta plenamente a lealdade estatal ou se preparan os próximos gobernos, mentres Europa se estraga por completo ou logra unha miga de calma, para deixar que marchen. Porque a Europa, non nos enganemos, que un país coma Cataluña se independice, non lles creará grandes problemas. O que si sería conveniente, dado o que se aveciña, é que o goberno ao que lle toque a separación de bens, que non se acolla á canción de María Dolores Pradera: “Devuélveme el rosario de mi madre y quédate con todo lo demás”. Non, non, que devolvan o rosario e todo o demais.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.