sábado, 25 de agosto de 2012

MÚSICA POR OBRIGA

A primeira vez que me sentín fortemente agredido por un exceso de estímulos audiovisuais foi, xa hai moitos anos, na cidade de San Diego. A cafetería ou como se chamase aquel local de moda estaba tapizado de seis ou sete inmensas televisións que non te deixaban concentrar en nada que non fose elas. Por máis que intentaba atender á conversa que mantiña cos acompañantes, de maneira violenta e groseira, ora unha pantalla, ora outra, cuspían lategazos que estalaban nos meus sentidos. Enormes xogadores negros de baloncesto parecían dispostos a esmagarte sen negociación posible con cada un dos seus mates; un boxeador cos ollos inchados recibía en perfecto primeiro plano golpe tras golpe, con saña, ata que, acurralalo no curruncho, parecía solicitar unha campá salvadora que o liberase de tanto tormento; homes de potencia estratosférica corrían despois de que un bate golpeaba a bola que nunca daba caido; mozas vestidas de serpes e voces irtas interpretaban pop insubstancial; grupos desaliñados marcaban ritmos trepidantes; a farsa da loita libre escenificaba chaves e mañas de maneira infantil; os xogadores de fútbol americano chocaban con estrépito coas súas armaduras protectoras; e aínda quedaba sitio para outra pantalla na que un grupo se aplicaba a un blues con auténtica entrega. Total, o espazo quedaba anulado polo brillo, o volume e o balbordo de tanta mestura de información. A maioría dos clientes, afeitos, mostraban unha adaptación e indiferenza totais. Só eu parecía atordado e descolocado por tal exhibición de estímulos. O que me sorprendera en California non tardou nada en chegar a España. De seguida comezaron os locais máis á moda a encher as paredes con televisións e música a esgalla, e agora colócanse nas terrazas, nas beirarrúas e en canto lugar se pode pendurar unha pantalla visual ou acústica. E chegou a tanto a proliferación desta tendencia que non é posible liberarnos dela, non digamos xa nos centros de reunión de copas e da noite, senón en locais nos que parecería completamente inadecuado, como por exemplo restaurantes onde o que se busca, ademais de comer ben, é unha conversa agradable con quen compartes a mesa. Certo que quedan aínda lugares elegantes e con gusto nos que o silencio e o trato permiten falar, pero na meirande parte das casas de comer habituais, estás condenado a verte castigado con dúas, tres ou catro televisións que te martirizan a fútbol, telexornais, “debates intelixentes” entre famosos efémeros que depenican a vida e milagres badocos do protagonista de quenda ou carreiras de coches a velocidades esaxeradas mentres ti tratas de levar co delicadeza a culler á boca. Recordo perfectamente un día que comín só o verán pasado nun restaurante de Ribadesella mentres os bólidos da F1 daban voltas coma posesos nunha enorme pantalla. Si, comía fabada con ameixas para ser fiel ao tópico, pero nunca tanto me duraron no prato nin as saboreei tan pouco. Os comensais estaban atentos con devoción mariana (da Virxe, non de quen puideran pensar os malpensados) á evolución do coche do seu paisano Alonso, e a cada décima de segundo que perdía ou gañaba nunha volta formábase un barullo impresionante. Eu quedaba coa culler na man diante da boca, apampado, tratando de encontrar a emoción a unha carreira de coches en televisión, algo que se me antolla aburrido por natureza, e alarmábame de ver a miña escasa sintonía, pero por máis que me concentraba, o espectáculo non me acababa de interesar o máis mínimo. Pero mentres dilucidaba tales fundamentais asuntos, as fabas e as ameixas perdían a calor e a gracia. E como a carreira me pareceu interminable por causa da chuvia e accidentes, de inicios e reinicios que nunca darei entendido, a comida acabou fría no prato xusto no momento no que os paisanos do piloto, defraudados, certificaron que perdía a carreira porque se lle chamuscaba unha cuberta da roda traseira. Pero se a oferta televisiva invade sen misericordia os nosos sentidos, que dicir da música ambiental? De compras, no ascensor, no vestíbulo do hotel, nas sala de espera do dentista, no ximnasio, no casa de peiteado, nos grandes almacéns, nos avións e nos autobuses, un non se pode librar dese nivel baixo de tortura que supón escoitar música enlatada a destempo. Seino, sei que hai lugares que ata demostran bo gusto co estilo de música elixida, que non todo é música baleira e reiterativa, que nalgúns casos nótase que a selección non está realizada por un ignorante ou insensible á harmonía musical. Pero é que a música non se pode despachar sen taxa, sen ton nin son, porque si. A música por obriga, a traizón, en calquera lugar e ocasión é unha maneira simple de quitarlle mérito, de desvirtuala e retirarlle toda a súa categoría. Nunha ocasión, despois de que durante toda unha noite un compañeiro desprezase as evidentes e reiteradas manifestacións de ser o elixido por parte dunha acompañante, eu pregunteille sorprendido se non lle gustaba aquela moza, ao que me respondeu de inmediato: ao bo cazador o que máis lle gusta é descubrir e correr detrás da peza. Pois iso: coa música ocorre outro tanto: xamais regalada, forzada, por obriga, sen desexala. Para saboreala e mastigala con auténtico deleite, non nos pode agredir sen permiso, penetrar na nosa intimidade a destempo ou deshora. Haberá de ser coidadosamente elixida, tratada e escoitada segundo o momento o esixa. Un sabe se o que lle presta é en soidade Chopin ou Schumann; se para compartir cos amigos irá mellor jazz ou soul; se para unha determinada celebración busca salsa, merengue ou chachachá. Con tanta música por obriga o único que se consegue é a banalización 
de moitas partituras sen que a súa calidade o merezan.


PUBLICADO  EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.