domingo, 22 de abril de 2012

NON ME LLE RETIRE A PASTILLA




O MATRIMONIO volve á consulta de segundas despois dunha primeira na que se queixaran da intranquilidade, mal durmir, pésimo humor e decaemento xeral do varón. Xa superan os sesenta anos, sentan expectantes diante do psiquiatra. Como se atopa desde a última visita, Manuel, notou algunha melloría?, pregunta o médico ao paciente. Non hai queixa, a peor non fun, responde o home. Non lle faga caso, corrixe veloz a esposa: está moito mellor, descoñecido, parece outro. Acórdase de cando viñermos hai un mes que lle dixera o trosma e abobado que andaba pola casa, o seco e estragado que estaba, alma en pena parecía? Acordo, señora. Pois nada que ver. É outro home: come coma había tempo que non o vía comer, dorme dun tirón coma un neno, certo que ronca, pero xa estou afeita e por esas paso ben, e fala, doutor, fala, que non sabe vostede o que iso vale. Despois de varias preguntas e anotacións do médico, comprobando que todo evolucionaba favorablemente, decidiu prescribir continuidade no tratamento cunha pequena modificación: Imos ver, Manuel, aínda que todo vai mellorando segundo o que desexamos e ao ritmo esperado, voulle cambiar unhas pastillas por outras que teño a seguridade de que lle acaerán aínda mellor. Firmou a receita e tratou de despedilos.
O home xa se erguía, pero a muller permaneceu sentada, aganchou ao home polo brazo, fíxoo sentar de novo e aclarouse: mire doutor, eu de pastillas non lle sei nada, pero a poder ser non me llas retire. O psiquiatra escoitábaa atento. Mire, como llo podería explicar, tomou un pequeno respiro para lanzar o parlamento. Eu solle unha muller decente, pero non lle son desas que din que fan uso do matrimonio por cumprir. Non señor. A decencia non ten que ver co resto, e vostede é un home e xa me entende. Quero dicir: aquí o meu home, para que contar unha cousa por outra, sempre foi moi bo, mentiría se me puxese a queixarme del: non é gastador, nada deu que dicir ao mundo, nunca me mallou, nin andou con outras mulleres, nin bebeu fóra do corrente, xa digo, nin a primeira queixa. Pero, iso si, e non é vergonza ningunha admitilo, non é o primeiro en pecar diso nin ha de ser o último, era, como dicilo, de disparo rápido, entende, e non? E iso non lle é nada bo, para unha muller dende logo que non. Sabe vostede o que é estar con fame, pero fame negra e que che retiren o prato de diante? Pois así lle era ata que deu en tomar estas pastillas. Cousa do demo. Desde que as toma, milagre que vostede saberá explicar, a unha nunca lle retiran o prato de diante e come a fartar e chega á sobremesa e máis fame que houbera. Non sei se me explico. Como digo, decente coma a primeira, pero para quen saiba apreciar o que merece a pena, iso non ten prezo. En poucas palabras e con isto chego a onde quería chegar e a pedirlle o que lle quería pedir: se puidera ser, doutor, as pastillas non me llas retire.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.