domingo, 29 de abril de 2012

BOSSI, O PADRIÑO


ANDABA QUEN LLES ESCRIBE nos últimos días murcho e apagado, talvez comesto polo desespero que nos invade despois de catro anos nos que a mellor noticia é que, de momento, non somos Grecia. E como algo teño oído dos beneficios de darlle máis alimento ao pesimismo para combater os estados de ánimos, utilicei a medicina. Si, ás veces o que mellor senta para a tristeza é unha tristeza maior. Por eso recorrín ao réquiem de Mozart, despois ao de Fauré, repetín pezas de Chopin ata medio quedar durmindo e busquei na memoria episodios tristes para aínda entristecerme máis. Pero, en vista de que o efecto de rebote non se presentaba, optei por dedicarme á dureza da vida a ver se así reaccionaba. Despois de varios intentos sen éxito, por ensaio e erro, enredando e sen moita intención, atopei unha entrevista co líder da Liga Norte, Umberto Bossi. Posuíume o vicio e rastreei por YouTube canto discurso e declaración atopei do político separatista da Padania e poden crerme ou non, pero o desespero foi desaparecendo e ata cheguei a pensar que eramos afortunados por vivir nun país no que, de momento, aínda ningún político se atrevía a manifestarse co descaro e estilo que caracterizan ao italiano.
Para comezar, moito lamentei que Coppola non o tivese elixido para algunha das súas películas de El Padrino. Nin Brando nin Al Pacino nin farrapo de gaita: Bossi era o actor chamado para representar a calquera dos protagonistas. Esa voz. Esa mirada. Ese discurso monótono... Se algún día Coppola tivese a necesidade de realizar unha cuarta parte -supoño que iso sería se os viñedos o levasen outra vez á ruína-, que non o dubide: con contratar a Bossi o éxito será superior ao das realizacións anteriores. Ningún actor, utilice o método que queira, pode superar esa garganta, ese respirar agónico, esa constancia e seguridade na monocorde voz rachada que amedrenta. Por suposto que non era a miña intención informarme con obxectividade das súas falcatruadas de desvío de fondos do partido para a familia, nin das do seu expresidente Berlusconi, agora disque demostrado que paga á mafia para que o protexa. Entender a política italiana dende Galicia é empeño por riba das miñas capacidades. Só pretendía observar a conduta dun líder separatista da zona máis rica de Italia, cargando sempre contra a Roma ladroa, modelo de personaxe máis achegado á interpretación cinematográfica de determinados papeis que de actuación política. Pero o certo é que produciu o efecto desexado. Comprobando o bo padriño que faría Bossi combatín o desespero. O que non dei entendido é como miles de persoas poden soportar ao aire libre un mitin deste individuo.


Publicado en El Correo Gallego

sábado, 28 de abril de 2012

SOBRE A SOIDADE

De acordo, dicíase o persoal polo baixo, estamos endebedados, tremen os piares da economía, Montoro exhibe tódalas bromas das que é capaz para nos cravar un presuposto de bágoas, pero en fútbol non hai quen nos tusa. Que treman equipos de Londres e Múnich, os de Barcelona e Madrid trituraranos. Enfrontaranse probablemente, pensábase antes do fracaso, os dous españois na cidade alemá para demostrarlle a Europa que, polo menos en fútbol, pesamos, hai que contar con nós. Pois nin na champions. Se os de Londres demostraron que tamén Messi se cansa, os alemáns gobernaron con máis intelixencia e resistencia sobre un Madrid opulento dirixido por un insolente que fai crer que sabe máis do que sabe. Porque pobres seremos, pero gastando en fútbol somos dos primeiriños. Que cumpra coas súas obrigas diante da facenda xa é outro cantar, pero reunir aos futbolistas máis caros nas cidades máis importantes do país empobrecido parece lei intocable. Antes rillar na sanidade e na educación que no fútbol. Iso que non falte. É o alimento da resignación, non sei se tamén do optimismo. O certo é que, despois da frustración diaria coa que a situación económica nos vén anicando durante os últimos anos, a causada polo fútbol durante esta semana colabora para que moitos se sintan con menos optimismo, menos acompañados, porque, xusto é admitilo, para moitos este espectáculo é unha compañía, non sei de que calidade, pero compañía ao fin. Así pois haberá quen se sinta en maior soidade. Aínda que para soidade de peso, a do goberno. Todos os grupos parlamentarios atacan ao executivo por se ver na necesidade de aprobar os presupostos co apoio único e suficiente dos seus votos. Dende o grupo maioritario da oposición, pasando polos nacionalistas ata as esquerdas variadas, todos insisten na soidade do gobernante. Coma se estar xuntos fose decisión dunha parte soa. Certo que o goberno debe esforzarse por limar as súas propostas para achegarse a posicións que lle permitan apoios, pero non só é responsabilidade súa. Os opositores tamén han de moverse para encontrarse. Os encontros non se producen porque un ande todo o camiño, senón se dous andan a metade para atoparse no medio. Se non viviramos nunha situación excepcional, ata parecería lóxico que cada partido se agarrase con rabia ás súas propostas, pero no momento actual antóllaseme un despropósito a insistencia en erros continuados. E postos a continuar por este calvario de erros, ata entendo que o goberno se agarre á lexitimade da súa maioría absoluta para desprezar a política rastreira dos opositores. Comecemos polo Psoe ata onte padecendo as dentadas de gobernar. Como pode explicar á nación que en tempo de pasar do goberno á oposición lle roube o discurso ao PP? Non se acorda de cando tachaba de insolidario, desleal, case de andar ás preas, aquela tendencia a non apoiar nada, absolutamente nada, do que eles propoñían? O discurso que antes das elección predicaba o PP a cotío é idéntico ao que agora repite o Pose, punto por punto. Que máis ten que suceder, que gravidade debería alcanzar a situación para que estes dous partidos aceptasen que é momento de pactar uns mínimos que fagan posible a difícil conciliación entre resignación e o optimismo no país? Aceptar que a esencia da democracia radica na defensa das diferenzas e das propostas alternativas non impide desexar en tempos excepcionais a colaboración, concentración de esforzos e unidade para recuperar esperanza no sacrificio. Ata cando padeceremos este enfrontamento inoperante entre os dos partidos maioritarios? Postas as cousas así, non me estraña a soidade do goberno. Que as esquerdas varias non ían aceptar diálogo coas propostas dos PP non merece comentario. É obvio. Quedáballe, coma sempre, o refuxio en Ciu e no Pnv para non aparecer como o gobernante solitario. Os dous partidos máis pícaros da democracia, expertos na contradición de colaborar na estabilidade de España a cambio de financiar corredores para fuxir dela. O Pnv nin se molesta en dar explicacións. Manexou ao Psoe e ao PP a conveniencia sen importarlle nin o máis mínimo o que se pensase non resto do Estado. Ciu, máis cínica, vendeu a súa colaboración constante cos partidos gobernantes como un aliado fiel e sensato, cando á vista está o seu interese auténtico: sacar tallada. Aplaudo que por unha vez, con independencia do rexeite que poida sentir polos presupostos aprobados, un partido se agarre á coherencia que prefire a soidade antes de ceder á chantaxe de Ciu envolta en favorecer ao goberno do Estado. Si, o goberno quedou na máis absoluta soidade, pero non só el é o responsable. Tal e como se presenta o panorama, ou todos varían o paso, cambian de discurso e se dá mostras de querer ceder, ou entendo que quen poida se refuxie na maioría e trate de tirar por onde crea, poida ou lle deixen. Porque Europa, mesmo no fútbol, está moi difícil. Alguén debería entender que se nos matamos pola liga pequena podemos quedar fóra da final da Champions. E isto, sábeno ben os que se entregan ao fútbol coma a unha relixión, produce moita 
soidade.


Publicado en Diario de Pontevedra

domingo, 22 de abril de 2012

NON ME LLE RETIRE A PASTILLA




O MATRIMONIO volve á consulta de segundas despois dunha primeira na que se queixaran da intranquilidade, mal durmir, pésimo humor e decaemento xeral do varón. Xa superan os sesenta anos, sentan expectantes diante do psiquiatra. Como se atopa desde a última visita, Manuel, notou algunha melloría?, pregunta o médico ao paciente. Non hai queixa, a peor non fun, responde o home. Non lle faga caso, corrixe veloz a esposa: está moito mellor, descoñecido, parece outro. Acórdase de cando viñermos hai un mes que lle dixera o trosma e abobado que andaba pola casa, o seco e estragado que estaba, alma en pena parecía? Acordo, señora. Pois nada que ver. É outro home: come coma había tempo que non o vía comer, dorme dun tirón coma un neno, certo que ronca, pero xa estou afeita e por esas paso ben, e fala, doutor, fala, que non sabe vostede o que iso vale. Despois de varias preguntas e anotacións do médico, comprobando que todo evolucionaba favorablemente, decidiu prescribir continuidade no tratamento cunha pequena modificación: Imos ver, Manuel, aínda que todo vai mellorando segundo o que desexamos e ao ritmo esperado, voulle cambiar unhas pastillas por outras que teño a seguridade de que lle acaerán aínda mellor. Firmou a receita e tratou de despedilos.
O home xa se erguía, pero a muller permaneceu sentada, aganchou ao home polo brazo, fíxoo sentar de novo e aclarouse: mire doutor, eu de pastillas non lle sei nada, pero a poder ser non me llas retire. O psiquiatra escoitábaa atento. Mire, como llo podería explicar, tomou un pequeno respiro para lanzar o parlamento. Eu solle unha muller decente, pero non lle son desas que din que fan uso do matrimonio por cumprir. Non señor. A decencia non ten que ver co resto, e vostede é un home e xa me entende. Quero dicir: aquí o meu home, para que contar unha cousa por outra, sempre foi moi bo, mentiría se me puxese a queixarme del: non é gastador, nada deu que dicir ao mundo, nunca me mallou, nin andou con outras mulleres, nin bebeu fóra do corrente, xa digo, nin a primeira queixa. Pero, iso si, e non é vergonza ningunha admitilo, non é o primeiro en pecar diso nin ha de ser o último, era, como dicilo, de disparo rápido, entende, e non? E iso non lle é nada bo, para unha muller dende logo que non. Sabe vostede o que é estar con fame, pero fame negra e que che retiren o prato de diante? Pois así lle era ata que deu en tomar estas pastillas. Cousa do demo. Desde que as toma, milagre que vostede saberá explicar, a unha nunca lle retiran o prato de diante e come a fartar e chega á sobremesa e máis fame que houbera. Non sei se me explico. Como digo, decente coma a primeira, pero para quen saiba apreciar o que merece a pena, iso non ten prezo. En poucas palabras e con isto chego a onde quería chegar e a pedirlle o que lle quería pedir: se puidera ser, doutor, as pastillas non me llas retire.

NON VOLVERÁ A OCORRER

A resposta infantil diante dunha falta cometida pode resumirse en tres estilos. O primeiro e máis frecuente corresponde ao da negación. Eu non fun. A resistencia a admitir o feito por evidente que este sexa. Negacións diante do constatado con tanta teimosía e persistencia que mesmo quen o está presenciando comeza dubidar. Equivocaríame cando o vin copiando, insultado ou pegando ao compañeiro, preguntámonos con frecuencia a pesar de ter probas inequívocas. Porque o infractor mantense seguro, firme, imperturbable na súa negativa: eu non fun. E non resulta doado sacalo de aí. O máximo que se pode conseguir del, se o interrogador é hábil, é que desprace a culpa fóra: eu estaba alí e rin, pero o que insultou e humillou foi outro. E dese círculo non saen. Negar e desprazar a culpa acaba nun círculo impenetrable que aburre o máis perspicaz e tenaz dos investigadores. Algúns políticos agora caladiños coma petos deron mostras desta conduta infantil no comezo da crise e así nos foi. Pensaron, coma nenos que negan a realidade, que con tapar a evidencia os feitos acabarían por morrer e que con achacar os males á situación internacional, a responsabilidade quedaba diluída. Eu no fun, a culpa que recae sobre os demais é resposta infantil moi utilizada por nenos inmaturos e con non demasiadas luces. Acaban sempre por ter que admitir a súa túzara negativa e avergoñados por tardar tanto en recoñecelo. Non é a máis beneficiosa das respostas diante dunha falta cometida. Outros, máis cínicos e con máis experiencia na arte de cometer falcatruadas, menten cun descaro frío que paraliza, desconcerta e engana a quen os ve. Cambian a versión as veces que faga falta, implican a quen lles conveña no seu discurso de engano, varían de estratexia no medio do interrogatorio segundo sexa mellor para os seus intereses e despistan cunha facilidade asombrosa a base de repetir sen descanso mentira tras mentira ata cansar e aburrir. Non deixan, por suposto, de desprazar a responsabilidade sobre os demais nin tampouco escapan da negación se lles convén, pero o seu discurso, máis elaborado e malicioso, persegue retardar as consecuencias ‘sine die’ ou ata cando as circunstancias lles sexan menos penosas ou incluso beneficiosas. Para iso lanzan sondas de proba, analizan a reacción diante de cada estratexia, ameazan, zigzaguean, canean e surfean sobre os feitos como magníficos domadores de ondas. Xa saben, traspasado ao mundo da política de adultos (adultos?) vén sendo iso de: ti baixas o salario aos funcionarios e aos pensionistas, eu xamais farei tan despropósito; a min non me queda outro remedio que actuar así por causa do que ti antes fixeches; non vai pagar igual Botín ca calquera outro cidadán na seguridade social; nunca subiremos impostos; a sanidade e a educación son intocables; colaborar no pago das menciñas é algo que, ademais de se levar a cabo en tódolos países do contorno, serve para evitar o pago por servizo médico; aquí todos temos que arrimar o ombro; amnistiar aos que enganan ao fisco é unha medida beneficiosa para todos; nós somos os que nos ocupamos de que os bancos acepten o pago por dación e os únicos que nos atrevemos a baixar os soldos dos seus executivos (600.000 euros/ano); isto non terá efecto inmediato, pero co tempo hase de ver o froito; os mercados seguen sen confiar, a bolsa regresa a posicións do ano 2009, pero iso continúa sendo un efecto do desprestixio ao que nos levou Zapatero; e, por nos deter na actualidade, Arxentina despide a unha firma potente española, pero iso non obedece á escasa capacidade diplomática do goberno actual, senón aos efectos alongados do executivo anterior e a que os arxentinos son moi burros e moi malos (o que estariamos escoitando sobre a debilidade, ineptitude e incapacidade para a defensa de España se isto ocorrese co goberno anterior...). En fin, estes nenos din os que lles cadre con tal de seguir mareando a perdiz e non admitir nada en contra. Ganan tempo e supoñen, posto que nunca choveu que non escampase, que a melloría algún día chegará, o caso será continuar en condicións de sacar tallada para cando o cambio de onda se produza. Por último, hai o neno ben intencionado, o débil de carácter, que acepta a súa culpa por pouco que lle aperten as caravillas. Si, fun eu, admiten dando mágoa. Non o quería facer. Perdón. Non o volvo facer nunca máis. Prométoo. Pero xa sabemos en que soen dar os resultados destas promesas: boa intención pero escasa vontade, a maioría non tardan nada en volver ás andadas e caer non mesmo erro. Iso si, se os volven cazar, outra vez se anican, piden perdón e insisten en que nunca máis volverá ocorrer. Xa ven, tres condutas infantís. Non sei cal das tres é máis prexudicial. O que non parece ofrecer dúbida é que a un gustaríalle que os seus gobernantes, dunha vez, deixasen de se comportar coma nenos e se convertesen en homes feitos e dereitos. E mulleres feitas e dereitas.

domingo, 15 de abril de 2012

MAMAR BÁGOAS E LEITE MORNO


SE con ollos de vello, de home canso, miramos a situación actual, sentimos a tentación de aceptar aquelas frías palabras de Shakespeare coas que anunciaba que os nenos de peito mamarán as bágoas dos ollos da súas nais. Se permitimos que os pensamentos se arremuíñen coma unha roda do oleiro, caeremos no desespero e na negrura da resignación. A noticia do suicidio dun xubilado grego ás portas do Parlamento en Atenas deu a volta ao mundo. Parece a exhibición máis tráxica das consecuencias deste andazo de penurias ás que nos conduciu o despropósito da cobiza, a corrupción, o producir por producir, gañar por gañar. Sen dúbida corren malos tempos, e a chantaxe insaciable á que nos vemos sometidos lévanos a un medo difuso que non permite albiscar ningunha alternativa á proposta de solución para as clases baixas e medias : ou recortas considerablemente o teu nivel de vida ou todo irá a peor; ou retrocedes en dereitos e aspiración de igualdade, aceptas claramente que deben medrar as desigualdades de xeito groseiro, ou os bebés que veñan (se veñen) mamarán bágoas dos ollos das súas nais. O ministro De Guindos lanzou sen complexos a ameza: se non lles gustan os axustes que nós propoñemos, esperen polos que lles aplicarán outros e saberán o que é bo.
Existe, sen embargo, un lóstrego de esperanza, un raiar o día contra o desespero e o medo que nos invade: a fortaleza que despiden e contaxian os mozos que se atreven nestes tempos a ter fillos. Mocidade decidida que non se deixa amedrentar polas ameazas, que confía nas súas forzas para enfrontarse ao futuro por triste que o pinten. E non por inxenuos nin irresponsables, senón, todo o contrario, por valentía meditada ausente de cálculos de curto alcance, por decisión apuntalada na enerxía que proporciona o desexo de vivir e dar vida. Están preparados, estudaron, coñecen o mundo, dominan linguas, viaxan, saben dos riscos, resisten a pesar de que experimentan cada día que non contan con eles en proporción a todo o que poderían aportar, pero confían en que o seu momento ha chegar. Son estes mozos os mellores opositores á resignación á que queren condenarnos, a evidencia de que dalgún xeito o rumbo virará e para mellor, ninguén aposta pola vida para logo renderse diante dela. É esta mocidade hoxe mal pagada, dando horas sen taxa e o mellor de si a empresas que na maioría dos casos non os valoran como se merecen, esta que se atreve a ter fillos a pesar de todo, a clara demostración de que, aínda que nalgún momento haxa que dar de mamar ao meniños bágoas de ollos de nai, chegará o momento no que tamén poderán mamar o leite máis morno e tenro, o que os encherá de folgos para vivir.

sábado, 14 de abril de 2012

E SE INVITAMOS ÁS MAFIAS?

Invitalas? Que digo? Por que non lles imploramos que veñan para se quedar, para instalarse entre nós e non marchar nunca máis. Todas. Expertos en apostas e casinos, tratantes de mulleres, pederastas, traficantes de armas e drogas, negociantes con órganos para transplantes, secuestradores, asasinos a soldo, ladróns de xente honrada, defraudadores noutros países, estragadores a conciencia do medio ambiente, en fin, toda canta ralea se lles ocorra. Por que de maneira clara e sen eufemismos non lles pedimos de xeonllos que dunha vez nos elixan como pais residencial, cómodo, con tan bo clima como con facilidades legais para poder levar a cabo as súas actividades que, á fin, son, parece, as únicas que producen auténtica riqueza capaz de dar algo de traballo, ese ben tan escaso? Non se rían. Non andan as autoridades de Madrid e Barcelona competindo en lle facer a pelota a unha empresa que disque está disposta a crear un montón de postos de traballo a cambio de que lles consintan unha cidade sen lei para montar casas de xogo e putería ao grande, sen complexos, sen hipocrisías? Pois deixémonos de miramentos e actuemos abertamente, chamándolles ás cousas polo seu nome. Así comezaba o día o inxenuo razoador: non serán as mafias as únicas en tratar de igual a igual aos mercados, as que contan con métodos e medios para os calmar? Neste momento tan negro, continuaba matinando, dúas evidencias parecen indiscutibles para as cabezas pensantes: viviamos por enriba das nosas posibilidades e non hai alternativa: recortamos si ou si. Recortamos en salario, en benestar, en sanidade, en educación, en pensións, en calidade de vida ou diante de nós o cavorco máis infernal. Estas son as dúas verdades incontestables do momento. Mire a onde queira, calquera, ata o que nunca saíu do seu barrio nin soubo en que consistía a bonanza disque por moitos gozada en tempos pretéritos, é dicir un pobre dos de sempre, repite coma se lle inxectasen unha droga repetitiva que si, que hai que aforrar máis, que había demasiado vicio e fartura, que tanta chea non podía chegar lonxe, que é hora de privacións rigorosas e axustar o cinto. Pero que cinto? Iso entra na comparación do tópico admitido de que son os funcionarios uns dos culpables directos e principais da desfeita que padecemos, coma se durante a orxía do ladrillo e o casino financeiro participasen do máis mínimo beneficio, sendo o certo que levan dez anos sen recibir unha miserable esmola de actualización do seu salario. Tanto ten: a verdade que non se debe discutir é que viviamos (e aínda vivimos, por iso hai moito de que se privar) por enriba das nosas posibilidades. Todos? Sen distinción? Sen aclarar quen? Parece que si. Aquí, do primeiro ao último, á hora das culpas, todos somos iguais, con idéntica responsabilidade. Tanto ten un executivo que di merecer oito millóns ao ano pola súa capacitación e valía para dirixir e crear riqueza coma un empregado de catorce mil. Á hora de vivir por enriba das súas posibilidades, probablemente o mileurista se exceda máis, moito máis, é case seguro que tomou dúas cervexas por enriba das que lle corresponden ao mes, e por iso o mundo padece esta crise e debe sufrir as consecuencias da súa poderosa e incongruente irresponsabilidade. Non buscabas igualdade? Tómaa! Como saír desta?, pregúntase o inxenuo razoador. Só hai unha porta. Unha soa? Unha. Única. Invariable: sacrificio, aforro, vivir de acordo coas posibilidades de cada quen. Quen vivía por enriba das súas posibilidades? Os asalariados, os pensionistas, os funcionarios, os cidadáns que, moi mal acostumados, pensaban que ir ao médico ía ser para sempre gratis, aqueles que buscaban unha escola tamén gratuíta coa itención de ir detrás da igualdade de oportunidades, as persoas normais e correntes que procuraban co seu traballo unha cidade e un país limpo, ordenado, seguro, libre, creativo. Eses deben axustar o cinto porque estaban comportándose de xeito moi pícaro e nugallán: enganaban aos bancos obrigándoos a concederlles uns créditos que nunca tiñan pensado pagar, votaban aos seus representantes políticos para que convertesen a corrupción nunha maneira de gobernar, confundían a lexisladores e maxistrados para que as leis os favorecesen de maneira descarada, amedrentaban aos propietarios das grandes multinacionais esixindo e conseguindo salarios desproporcionados, ameazaban desherdar aos fillos estudados se aceptaban un traballo por menos de 3.000 euros ao mes, embarcáronse en guerras e negocios escuros de tan enormes proporcións que no podían dar máis ca no que deron. Consecuencia? Padecer os recortes e axustes que sexan necesarios. Non queda outra. Non se podería, suxire o inxenuo con timidez, pedir aos potentados unha miga de colaboración, por exemplo unha razoable reforma fiscal? Cala, estúpido, retrucaranlle, queres que todo vaia peor aínda, que se acaben de enfadar e nos castiguen coa pobreza máis absoluta? Silencio e a pasar polas privacións que sexan precisas! Incluso sanidade e educación, tamén pensións?, atrévese a preguntar de novo cun fío de voz. Sen dúbida, pois non outra cousa vén sendo vivir por enriba das nosas posibilidades: usar educación, sanidade e pensións que non nos podemos permitir. Entón, dirá o inxenuo razoador, apúntome á idea primeira: que veñan as mafias, que se instalen e gocen de toda vantaxe, que movan o diñeiro agora ao morno e dean algo de vida, se cadra ata caen unhas faragullas de traballo, ese ben tan desexado... Estás seguro do que dis, inxenuo razoador? Realmente queres que este remedo de democracia, de xustiza, de igualdade de oportunidades quede esnaquizado na ostentación pornográfica do badoco estilo mafioso? Non será mellor vivir nas sombras, resignarse e aceptar que non hai alternativa, deixar que sigan premendo en nós? Atrapado na indefinición, no medo, atrancado na indecisión e na covardía, o inxenuo razoador cae na conta da maior tristeza do momento: canto máis preme a evidencia da inxustiza sobre un, máis obrigado se ve á resignación, a quedar sen pulo para a rebelión.

lunes, 9 de abril de 2012

ALFILERES DE COLORES


MIGUEL POVEDA GUSTA AÍNDA QUE NON GUSTEN OS TOUROS.

DE BOLINA, QUEIRUGA, DE BOLINA

Quen teme a Andrés Torres Queiruga? Que medo pode infundir quen dedicou a vida ao estudo para mellor facer cadrar a súa fe co pensamento secularizado e moderno? Que temen os vixiantes da ortodoxia católica dun intelectual que prestixiou a teoloxía ao situala no nivel de diálogo científico máis moderno e fondo? Si, en zonas fronteirizas, delicadas, discutibles. Pero é aí onde se dilucidan os asuntos transcendentais da fe e do saber. Que mal lles causa, que desconfían, que remoen nas súas atemorizadas análises os gardiáns da verdade? Lin atento a notificación da C. E.de Doctrina de la fe na que se reprende ao teólogo. Non procede que me deteña aquí nos puntos que se discuten dada a complexidade filosófica e teolóxica dos mesmos, pero en síntese poderiamos concluír que aos custodios da fe preocúpalles que o profesor Torres Queiruga , repensando dende as coordenadas da ciencia e filosofía actuais, non dea a visión que ao Maxisterio da Igrexa lle gusta sobre os seguintes aspectos: a intervención de Deus na historia, a Revelación como algo indeducible, o realismo milagroso da resurrección de Xesús e o poder da oración de petición. Parécelles aos paternalistas gardiáns do dogma que a maneira de pensar de Queiruga, a pesar de partir da boa intención de presentar a un Deus todo amor e de achegar o cristianismo aos homes e mulleres de hoxe , corre o risco de se deixar levar polo dominio das correntes interpretativas da cultura actual que poderían eliminar ou escurecer a novidade introducida pola Encarnación do Fillo de Deus. Por iso se ven na obriga de aclarar diante do Pobo de Deus cal é a postura correcta (única) sobre estes asuntos, ao tempo que se reprende, supoño que con caridade cristiá, ao ben intencionado pensador galego unha miga despistado por se escorar en exceso á beira das correntes do pensamento actual. Non quixera supor a estes preocupados represores, por suficientemente lidos e estudados, ignorantes de que o pensamento e a ciencia, os homes e mulleres de hoxe, sen excepción, a cada paso son menos amigos de necesitar para o funcionamento do cosmos nin para as relacións de progreso a intervención de un ser mecanicista, máxico, irascible, subornable e caprichoso que non respecta a autonomía do mundo nin a liberdade dos seres aos que di salvar. Sería falso agochar que os temas repensados por Queiruga dende a fe en diálogo coa cultura científica e filosófica actuais son de fronteira delicada. De aí o mérito da súa empresa intelectual. Claro que serán discutibles dentro dun sa pluralismo que toda institución debería alentar. Sempre me resultou sorprendente a posición pechada e en exceso vixiante da Igrexa respecto daqueles pensadores entregados e valentes intelectualmente, como é caso de Torres Queiruga, que son en realidade verdadeiros motores de resistencia da propia doutrina. Se non fose por mentes atentas e fieis que tratan de adecuar os cimentos da fe á transformación cultural do momento, non creo que o cristianismo puidese dar explicado moitas das súas verdades reveladas. A estes pensadores que guiados pola fe, polo convencemento de que nela se atopa a salvación, un regalo para mellor vivir, é aos que a Igrexa debe o non ter quedado illada e desconectada e que aínda se poida dialogar- non demasiado, polo que se ve- con ela. Agradecida debería mostrarse de que teólogos deste corte aberto e plural adaptasen como unha oferta razoable, intelixente e moderna a esencia da fe. Ata hipócrita se me antolla esta maneira paternalista de reprender a quen saben non tardarán en perdoar con bondade infinita para integrar moitas das súas interpretacións á corrente xa polo Maxisterio admitida en canto vexa que non lle queda outra. Pero talvez sexa nesta dialéctica de termar do pasado con determinación e vixiar as ideas novas a clave da conservadora resistencia da Igrexa. Tardar en aceptar como válido ata que que non queda outro remedio. Ceder só unha miga aos signos dos tempos, sobre seguro. Deixar que os esforzados e xenerosos se esnafren. Defender como inmutable o que logo poderá variar unha vez instalado e admitido polo Pobo de Deus. Manifestou o profesor Torres Queiruga sentirse asombrado por esta reprimenda. Non me estraña, profesor. Asombrado ha de estar quen se esforzou ao máximo por facer cadrar dentro da fe, non só en Xesús senón na propia Igrexa, os difíciles envites e encrucilladas aos que os enfronta o pensamento contemporáneo. Axustar con finura o problema da creación, da revelación, do mal, dos milagres e os da oración sen renunciar á fe e defendéndose con rigor intelectual, en igualdade de argumentos, coa filosofía do momento é tarefa que merecería todo o apoio e recompensa por parte da institución á que se defende. Pero xa ves, amigo profesor, ás veces son os da propia casa os que menos recoñecen o que un se entrega por ela. Non importa. No último libro que lle lin a Queiruga, facía referencia a que dende ben novo, sendo como é de Aguiño, sabía o que era navegar de bolina. Aproveitar os ventos, aínda que sexan dos malos, para cinguirse e avanzar positivamente a canda eles. Pois iso: a navegar de bolina. Haberá que tomar esta reprensión coma unha crítica máis á que se haberá que cinguir con boa arte mariñeira para aproveitar e avanzar. Os amoestadores confían en que o profesor Torres Queiruga siga clarificando o seu pensamento e o poña en plena consonancia coa tradición da fe autorizadamente ensinada polo Maxisterio da Igrexa. En confío en que siga estudando con idéntica fe, liberdade e valentía intelectual, porque queda moito que repensar. Os homes e mulleres de hoxe xa non cren de calquera xeito, necesitan mentes finas que expliquen e ofrezan unha alternativa razoable de como se pode aceptar a un Deus todo amor que non rechíe coa evolución e a autonomía do mundo, coa liberdade, a igualdade e os dereitos conquistados.

domingo, 1 de abril de 2012

A MULLER AUTÉNTICA




TEÑO A SEGURANZA de que o ministro Gallardón non precisa autorización e menos orde ningunha dun presidente de Pontevedra para converterse en protagonista principal deste Goberno, excepción feita, claro, dos ministros económicos. Aínda que puidera parecelo, porque o certo é que a Rajoy vénlle de perlas un personaxe ambicioso e brillante como o ministro de Xustiza, animado a facerse ver con asuntos que nos distraian " de lo que a la gente de verdad le preocupa" (lembran?). Comprobado que a pesar da maioría absoluta, do sentido común e de actuar como Deus manda (que debe ser, ao ditado dos mercados), os condenados mercados non confían en nós, o crédito non flúe por máis que todos insistamos en que a empresas e familias lles viría como á terra a auga, que non se poden rebaixar os impostos tal e como se prometera para inxectar alegría aos inversores, e advertidos de que a creación de emprego hai que pospoñela ad calendas graecas, resultaría crible que o presidente lle encargara ao hábil Gallardón que enredase unha miga con discusións que sempre excitan aos cidadáns. Pero eu penso que non, que non actúa ao mandado de ninguén, que é por vontade propia.
Estaba tan ansioso por actuar como ministro, que só nomealo estalou con varios lóstregos que prometían, pero ante a luz cegadora das competencias de Montoro e De Guindos, o pobre Gallardón estábase apagando. Incapaz de soportar tanta tebra, tirou de intelixencia e aí o temos embarcado nesta reflexión de filosofía natural á que nos arrastra coas súas brillantes manobras dialécticas: a autenticidade da muller. "La maternidad libre hace a las mujeres auténticamente mujeres". E como para argumentar non lle faltan estratexias, adobía o enunciado cunha frase previa de Azaña. Así se discute: cando pretendas acabar un argumento nun extremo, busca previamente unha cita de autoridade do extremo oposto, quen pretenda retrucar quedará inicialmente desconcertado. O caso é que, entre volta e reviravoltas, os parlamentarios enguedéllanse nunha discusión sobre se a muller é máis auténtica sendo nai ou sen selo. Por suposto que os homes quedamos fóra de tal filosófica pregunta, sabido é que sendo pais ou sen selo, case nunca somos auténticos. Pero debo recoñecer que a pregunta non carece de fondura. Liberdade, maternidade e ser muller auténtica poderían dar para unha tese tanto ou máis ca outras que teño visto. E a Gallardón mantéñeno nas primeiras dos informativos, o que lle serve para demostrar que non só é un chapón de oposicións á fiscalía, senón que domina a arte da argumentación e a dialéctica. O que dubido é que ao seu presidente, a pesar de que nos manteña distraídos, lle guste a discusión, el era, recordarano, acérrimo defensor de se dedicar sen perda de tempo a "lo que a la gente realmente le importa".