sábado, 31 de diciembre de 2011

PREVISIÓNS PARA O 2012

Corro un risco, xa o sei. Pero non creo que os meus erros sexan moito máis estrepitosos caos de expertos e luminarias que se encargan cada dous por tres de nos ir adiantando os puntos que medrará o paro, o distantes que nos situaremos do obxectivo de reducción do déficit, “o crecemento negativo” da economía, é dicir, a recesión, o pouco competitiva que continuará sendo a nosa economía e a longa lista de duras perspectivas que se nos presentan para o 12, o 13 e os que se lles ocorra ir engadindo. Pois con idéntica serenidade e fundamento, aí lles van as miñas previsións para o 2012, só para o doce, máis aló xa non son quen de ver. (Claro que o meu dominio queda máis no ámbito de a cotío e particular, non dou universalizado nin alcanzado visións de tanta extensión e fondura) Adiántolles, aínda que é probable que non lles solucione demasiado, que no próximo ano non me farei ilusións de que por fin aprenderei inglés. Todos os estudos e análises que levo realizado durante as últimas décadas conducen a que afirme, sen alarmismos pero con determinación, que non será este o ano do salto ao dominio de lingua tan importante. Unha promesa eliminada, unha ansiedade menos. Tampouco, estou en condicións de afirmalo con rotundidade, será neste ano no que os meus avances en natación me permitan pensar en competir aínda que só sexa nunha proba local de xubilados. Non. Continuarei pelexando na piscina coma Ulises nas procelosas augas das súas aventuras, con tanta ou máis valentía que o heroe de Homero, pero coa previsión realista de que ao meu estilo de natación (moi propio dos que nacemos non lonxe do Tambre, pero en Arzúa) non lle acaen as competicións. Descartada a miña intención de emular a Marck Spitz (Thorpe xa se me fai doutra galaxia), outra ansiedade menos. Tamén estou en condicións de certificar, e vexan que xa vou con tres adiantos de relevancia, que no próximo ano non vou gañar o Premio Planeta. Como te atreves, dirán algúns, a ser tan categórico? Pois xa ven, así de claro llelo deixo dito: o Premio Planeta do 2012 non será para un servidor, quen lles escribe encantado. Outra ansiedade menos. E se non os aburrise, prométolles que podería seguir prognosticando, con posibilidade mínima de erro, ata as uvas do ano que vén. Pero como de previsións persoais xa os supoño cansos, vexan como tamén me atrevo en campos algo máis complexos. Rajoy non será quen de gobernar no 2012 con sentido común, como Díos manda e tendo en conta “lo que le interesa a la gente”. Asegúrollo con tanta claridade como que non competirei nos xogos de Londres nos 100 metros braza. Home, pensarán, con sentido común pode gobernar. Non señor. Non gobernará con sentido común, porque o sentido común dos españois é malo de coñecer, e posto que non se dá coñecido, como alguén se pode atrever a gobernar no nome del? Nada digamos como Deus manda. Que eséxeta lle indicará o mandato de Deus a Rajoy? Con que teólogos consultará para dar entendido o que Deus quere? Non sabe acaso, meu pobre, que as mentes máis preclaras levan séculos picando na mina inacabable dos escritos sagrados e aínda hoxe é o día que non se sabe o que Deus quería de verdade? Pensa que vai el, por brillante que fose nas oposicións, saltar por riba de expertos católicos, protestastes, teutóns, americanos, xudeus e sabios de toda condición, apropiarse do estilo de goberno que Deus na súa sabedoría desexa? E xa no digamos o que a xente quere... Que xente, sr. Presidente, que xente? A xente normal, dirá vostede co seu aguzado sentido común. Pero , cal é a xente normal? A que lle aplaude en Génova, a que hai detrás dos oligarcas cos que se entrevista, a que vota a determinados representantes de distintas institucións? De tantos millóns que o votaron, sr Rajoy, seguro que xa o sabe, pero recórdollo, case cada un pretende algo diferente do outro, cada un ten os seus intereses, e, por desgraza, cando atende ao interese de un, choca co do da beira. Por iso, permítame, estou en condicións de asegurarlle que non atenderá ao que a xente quere, nin gobernará con sentido común nin, moito menos, como Deus manda, porque non o sabe nin deus. Iso si, a ver se polo menos gobernase algo. Por suposto que tamén nesta liña podería seguir prognosticando para o ano próximo sen perigo de excesivos fracasos, pero tampouco convén abusar. Para que saiban dos miñas artes adiviñas, xa van tendo datos suficientes. Non quero rematar, sen embargo, sen antes adiantarlles unha auténtica perla das previsións. Con moi alto índice de certeza, estou en condicións de afirmar que, se no próximo ano o PSOE lle encarga o proxecto da súa renovación a Carme Chacón, é tan probable que esta se produza coma que eu compita nadando nos 100 metros libres en Londres ou Mariano Rajoy goberne como Deus manda. Máis nada. Créanme: deséxolles o mellor para o 2012.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.