martes, 27 de diciembre de 2011

NENO CANTOR

CADA VEZ que volvo a Betanzos recupero anacos da infancia. Pero como a memoria recorda segundo imos cambiando, aprendendo ou volvéndonos vellos, en cada visita o acordo encarreirase polos circuítos que lle peta. Certo que os puntos de apoio para que ferva o recordo son os mesmos: a rúa do Rollo, o antigo Campo do Galo, a Praza do Campo, a escola García Hermanos, a Porta da Vila, a Fonte de Unta, os soportais, a Ponte Vella... Pero aínda facendo idéntico recorrido, a peza que se restaura acaba sendo única e distinta. A desta última vez acabou proxectando no miña pantalla de cine íntimo o retrato do neno cantor.
Sería polo ano sesenta do século pasado cando o músico Nemesio García Carril botou uns meses de cura axudante na igrexa de Santiago de Betanzos. O que logo compoñería a música de Los gozos y las sombras quixo darlle unha certa prestancia musical a unhas primeiras comuñóns e intentou probar voces entre os nenos que andabamos enredados nas sotanas dos cregos. Se cadra foi porque non había moito onde elixir, pero o certo é que a min converteume no solista da grande función daquela liturxia. Ensaiado e preparado por el actuei coma un Joselito de igrexa con grande éxito de crítica ( García Carril non ía tirar pedras contra o seu elixido) e público , que daquela era moito máis variado e abundante ca hoxe. Despois de tan soada actuación, os cregos do lugar deron en explotar a figura do neno cantor como atracción relixiosa e alá me teñen de igrexa en igrexa catando a San Roque, a Santa María do Azogue, á Virxe dos Remedios, en Tiobre, Paderne, as Angustias, Santo Domingo e en canta festa e celebración importante había na redonda. Acordo agosto como mes negro, actuaba en tantas sesións e tan seguidas, que a Bisbal quixera ver no meu pelello. Así foi como dediquei dous anos a este minijob sen soldo, detrás dun organista non demasiado imposto nin no canto nin na harmonía, que me obrigaba a coller sempre os cánticos nuns tons esaxeradamente altos ata que acabei por ir estragando a voz. E, tal e coma o Joselito de verdade, coa adolescencia quedei impedido e acabado, no só porque a min xa me fartaba o papel de neno atracción, senón, tamén, porque mudaran os tempos e con eles as miñas escasas virtudes vocais. Non lamentei nada pasar ao anonimato e perder a popularidade gañada a forza de me empregar a fondo con pezas de música e letra sacra máis que discutibles. Naquel momento xa comezaba a mirar para as nenas e notei que esa popularidade restaba mérito aos seus ollos. Agora, co paso dos anos, pisando outra vez enriba das mesmas pedras, non sinto nin vergonza nin orgullo, so vexo a un neno miudiño perforando coa súa voz aguda a solemnidade dos días grandes nas preciosas igrexas de Betanzos. O neno cantor e quen llelo conta deséxanlles unha boa noite.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.