martes, 20 de diciembre de 2011

HÁSELLE ACORDAR A ALLADA

Se non fose porque a ambición e o afán de poder todo o superan, quen nos días próximos será flamante presidente debería tremer de auténtico pánico. O panorama que ten por diante non pode ser máis pesimista e desalentador. Por máis que se acolla á herdanza e ineptitude do seu antepasado, axiña comprobará a diferenza entre predicar mentres non hai que tomar decisións e agora que non lle quedará outra que tomalas. E con ser difícil a elección cando os intereses aos que se pretende atender son tantos e ás veces tan contrapostos, o peor paréceme con moito a relativa, por non dicir mínima, capacidade de manobra coa que conta no contexto actual. Que ilusión e esperanza pode animar a alguén ao que técnicos e organismos internacionais lle prognostican desgrazas sen límite para os próximos tres anos? Con que fe e determinación pode actuar un mandatario ao que parecen condenar os expertos e adiviños do futuro a un fracaso cantado en crecemento económico e creación de emprego? Que papel lle corresponde ao novo presidente se xa Goldman Sachs condenou España á recesión nos próximos dous anos? O determinismo nas prediccións de estudos de gabinetes de bancos, institucións financeiras e doutores sobre a economía non permiten a máis mínima regaña pola que albiscar unha miga de luz. Con que convicción e fortaleza pode un presidente de España enfrontarse así ao futuro? Tal e como aparece o relato nos últimos tempos, todo nos leva a concluír que a única misión dun bo presidente nestes momentos sería moi simple: aprender ben os diagnósticos que proceden dos grupos de presión, mostrarse receptivos ás súas recomendacións e cumprir sen rechiar, ao pé da letra, as esixencias por eles ditadas. Coma se o único que funcionase no presente fosen os presidentes ventrílocuos e dóciles que cumprisen con fe cega as peticións destes sabios gobernadores na sombra. Medirase a partires de agora a eficacia dun presidente e do seu goberno pola ductilidade e maleabilidade que demostre para adaptarse ás esixencias dos poderes económicos. Se tal hipótese recibise confirmación, merece a pena a simulación democrática pola que eliximos a alguén co propósito de que actúe segundo un programa polos electores aceptado? Claro que non só existe este relato. Hai outro segundo o cal a culpa de que determinados organismos económicos actúen tal cal obedece unicamente á decisión dos políticos que así llo esixen. En defensa dos sabios económicos e contradicindo o relato máis estendido e crible por parte da maioría, os auténticos culpables de que chegaramos ata aquí é sobre todo dos políticos que coas súas leis e presións ignorantes obrigan a bancos centrais e poderes financeiros a ter que se defender con estas armas que a ninguén gustan. Se así fose, tampouco as perspectivas para o noso presidente xirarían arredor da ledicia. Que poder lle toca no contexto europeo ao presidente de España? Cal é o peso diante dos grandes países como Alemaña e Francia? Habería de medirse tamén a súa eficacia e solvencia na habilidade que demostrase para se pregar e adoptar sempre as medidas que lles gustasen a franceses e alemáns? Ata onde pode chegar o poder de autonomía, tal e como está estruturada Eupopa, dun presidente de España? Sen levar ao límite ambas suposicións, certo é que a capacidade do presidente, sexa maior o determinismo económico ou a dependencia de políticos de países máis poderosos, o indiscutible salta á vista: a capacidade de manobra de Rajoy é do grosor dun papel de fumar. Será esta a maior sorpresa coa que tropezará en canto dea os primeiros pasos no asunto de gobernar: comprobar que, por escéptico e realista que se considerase, a realidade é moito máis dura do esperado e a súa capacidade de decisión resulta moi escasa. El que ansiaba unha maioría absoluta para demostrar a súa seriedade e sentido común, el que leva anos avogando por gobernar e deixarse de ocorrencias, el que tanto petou no marro de que dunha vez hai que se dedicar a gobernar e preocuparse do que de verdade lle interesa á xente, comprobará en propia carne o pouco que pode decidir, o escaso poder co que conta para modificar a realidade. Por iso, moito antes do que pensa, temo que ao igual que o seu antecesor mostra na súa linguaxe verbal e xestual o insoportable peso da falta de poder, a el non lle tardará o día no que se lle acordará a allada e experimentará idéntica condena. Oxalá me equivoque.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.