domingo, 2 de octubre de 2011

O ADOLESCENTE QUE XURA




OS seus catorce anos repartiunos equitativamente: sete no inferno con pais e sete no inferno sen eles. Dos sete primeiros nin quere exercitar a memoria, da segunda quenda parece que se acorda algo máis, pero non conta case nada. A vida levouno ao silencio. Puidera dar noutra reacción, que outros elíxena, pero a súa consiste na pasividade, en agacharse, non mirar, non dicir, aceptar friamente que se pode resistir sen afecto, sen tenrura, sen un triste mimo.
Viste sempre, tanto ten que vaia frío coma calor, unha gabardina semellante á que usa Houellebecq, refúxiase dentro dela deixando só ao descuberto o rostro e as mans. Rostro que baixa para que non o mires, mans que tamén buscan abrigo entaladas entre as pernas e a cadeira na que senta coma se fose un moble máis. Pouco quere contar. Para que, pensará, se sempre é igual. Coñece todas as preguntas, escoitou a todos os educadores e psicólogos, coidadores, psiquiatras, mediadores, funcionarios. Repetiu unha chea de veces -porque lla foron arrincando- o pouco que sabe da súa historia para chegar sempre ao mesmo punto: unha casa de acollida, unhas monxas, unha familia bondadosa ou malvada, uns curas entregados, un piso para convivir con outros mocetes coma el, perdidos, abandonados, agardando o punto de encontro cun pai do que non se sabe nada, ou, porque se sabe todo, se desfigura ata o estremo de que ninguén podería recoñecelo. Non minte. Oculta, cala, elabora, idealiza en tres frases secas o que lle parece debería ser, algo ten oído, e non é: na próxima visita meu pai vaime levar con el e imos pescar; con meu pai lévome ben; meu pai hame comprar un móbil; con meu pai falo a hora completa no punto de encontro...
Non son mentiras, a el vénlle ben poder contar algo así. As outras historias xa está farto de narralas. Non hai nada novo. Non, non lle gusta estudar, nin ler, nin saír á rúa, nin xogar coa pelota, nin andar na bicicleta, nin falar moito cos compañeiros. Cala. Intenta pasar desapercibido. Enreda coa máquina electrónica, co mando da tv, senta no sofá, na cama, dorme, dorme ata que se cansa, nada agarda. Pero nalgún lugar estarías peor, habería algún día que te enfadaches, berraríanche, felicitaríante por algún motivo, nunca ris?, pregúntolle. Si, algunha vez era peor, algunha persoa só sabía recriminar e berrar, houbo días que os tivo que pasar illado no seu cuarto, sen saír, castigado por non estudar e sobre todo por xurar. Por xurar? Si, dicir en alto e á cara o peor. Que é o peor? Me cago en... no máis alto. E por que tes que xurar, que mérito che ten? Non sei. Sería unha vez que perdiches o control, suavicei. Non, moitas veces, xuro moito.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.