martes, 13 de septiembre de 2011

NA VIDE




PASEABA á tardiña por camiños entre vides, cando me tiven que arredar para que coubese o coche. Aparcou ben pegado contra o muro e del saíron pai e nai, máis tarde, con cara de poucos amigos, un adolescente que non superaría os 15 anos. Enganchado ao automóbil tiñan un remolque, seguramente para transportar os apeiros de labranza. Pai e nai, dilixentes, despois de coller escasa ferramenta no remolque, quedaban entrando na finca da vide cando eu os perdín de vista. O rapaz, arrimado ao coche.
Non tardei máis dunha hora en regresar por idéntico lugar. Oín xa de lonxe a voz do pai que lle dicía algo á muller: "As brancas, non; só as tintas". A medida que a vista xa mo permitiu, observei con que dedicación e atención, os anteollos na punta do nariz, o pai collía un acio de tinta nas mas e revisaba o grao de madurez. Víase ben que non era moito o que quedaba por realizar, o traballo de poda e sulfato e tódalas atencións xa se realizaran, agora cumpría analizar con mimo se había algunha podre, o ben maduriñas que estaban, calcular con precisión, sen esquecer o tempo, claro, as datas para se entregar á vendima. Unha tarefa delicada, aprendida, experimentada que lle garantirá o éxito no viño que coma cada ano procurará mellorar. A muller estaba máis ao fondo da leira, non podía vela, pero escoitaba algunha que outra consulta que lle realizaba ao marido. Sen perder a concentración, acariñando os acios, o home respondía con serenidade, a gusto, víase que gozaba co resultado do traballo realizado, coas expectativas da vendima, coa esperanza de que nos últimos días unha sarabia ou unha xeada non tirase co esforzo por terra. Ao pasar xusto por diante deles, decateime que o rapaz non seguía tombado enriba do coche en idéntica postura a como o deixara, pero case. Acomodara algo mellor o cu sobre o capó, aguantando o sol, sen nada nas mans, cunha mirada fuxida expresión do lamento da súa triste tarde: ter que agardar tan sufrida e amargamente a que os pais rematasen tarefa tan pesada e inútil. Nestas, a nai veuse achegando para a beira do camiño: "Ti non te cansas de estar aí sen facer nada, oh?", preguntoulle ao fillo. O rapaz escolleu por resposta un xiro corporal: deulle as costas máis abertamente e tinguiu a mirada de aburrimento cunha chisca de odio. O pai seguía concentrado cun acio nas mans coma se aloumiñara un paxaro enfermo. A nai perdeu a paciencia: "Non me oes ou que?". "Que queres?", retrucou o rapaz encirrado. "Hai que ter boa paciencia contigo, meu neno. Non che sería mellor vir aprender algo con teu pai en vez de estar aí perdendo o tempo coma un pasmón?". "Si, home...", deu por resposta o fillo. A vide daba xenio vela.

1 comentario:

  1. La actitud de ese hijo es, por desgracia, la de muchos jóvenes y adultos: pasar por la vida desaprovechando oportunidades de aprender, desganados en un mudo en el que, sólo en apariencia, todo parece que que nos lo dan hecho.

    ResponderEliminar

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.