martes, 23 de agosto de 2011

LECTURA ATRAVESADA DE MATEO

Por aquel tempo, os discípulos e os máis achegados ao Mestre decidiran congregar unha enorme multitude na montaña. Consideraban que chegara o momento de que todos escoitasen a boa nova que o Mestre ía levando de pobo en pobo. Para que o acontecemento resultase un éxito soado por toda Palestina, os preparativos planificáronse con tempo e detalle. A uns encargáronlle que dispuxesen de lugares cómodos para os oíntes; a outros que elevasen un púlpito adecuado e vistoso para que o Mestre puidese falar e ser oído e aclamado; varios dedicáronse a pedir permisos e negociar cos poderes e institucións da Igrexa local e do Estado estranxeiro, non conviña facer inimigos; algúns, os máis silenciosos pero eficaces, afanáronse por conseguir diñeiro, sen cartos non se pode organizar nada espectacular. Prácticos e realistas, os colaboradores do Mestre non tardaron en realizar contactos cos líderes relixiosos, representantes do poder que oprimía ao seu pobo, recadadores de impostos, fariseos, saduceos, potentados, nalgúns casos ladróns sen disimulo. Con todos obriga o pragmatismo a entenderse e negociar se o que se pretende é cubrir a base da montaña de nenos e adultos, vellos, ricos e pobres, pecadores e almas piadosas chegados de Galilea, Samaria e Xudea, desexosos de escoitar a sabedoría do Mestre. E así se foi avanzando no proxecto e fixouse a data para o gran sermón. O Mestre, retirado e meditabundo, alleo a tanta dedicación para os preparativos, machicaba entre oracións a súa mensaxe: Ditosos os que teñen espírito de pobres, porque deles é o Reino do Ceo. Ditosos os que choran, porque eles serán consolados. Ditosos... Varios dos seus discípulos máis avantaxados, instruídos en leis relixiosas e civís, expertos en diplomacia e relacións cos poderosos e principais, intrigados polas palabras que o Mestre tería pensado dedicar a tanto seguidor convocado despois dos moitos esforzos e cesións aos intereses de uns e outros, conseguiron que o Mestre lles adiantase as liñas do seu discurso. Expertos en asesorar, convencérono para que lles pasase un borrador do sermón que se escoitaría na montaña, pasóullelo, e, coma avaros contando cartos, os asesores dedicaron unha morea de horas examinando cada frase e palabra e puntos e comas do que se había de escoitar. Ditosos os non violentos, porque eles herdarán a terra. Ditosos os sedentos de xustiza, porque eles ficarán fartos. Ditosos os perseguidos pola xustiza, porque deles é o Reino do Ceo, leron e comezaron a tachar. Debemos ter tino con non ofender aos poderes financeiros, advertiu un inmediatamente, eles contribuíron en grande medida cunha importante axuda. Habería que matizar iso de “perseguidos pola xustiza”, matizou outro, non podemos confundir nin ser ambiguos, hai nestes tempos moito delincuente e provocador emboscado entre os que din buscar a xustiza. E así foron analizando unha detrás doutra as palabras coas que o Mestre debería alimentar ás almas bondadosas e limpas de corazón, ata que do borrador non quedou nin unha triste liña sen necesidade de variación, corrección seria, nalgúns casos incluso anulación. Como o gran día xa estaba cerca, os asesores presentáronlle as propostas de modificación ao Mestre. Leunas, mirounos e calou. Perspicaces, deduciron que non estaba de acordo e argumentaron acurralando nel. Cómpre firmeza e determinación, Mestre, dixéronlle: ou optamos polo realismo e se modificaba o discurso ou verémonos na necesidade de suspender o grande acontecemento. O Mestre, sereno, sen perder o sorriso, só lles dixo: Ditosos vós cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa: alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos Ceos. E retirouse ao deserto para seguir orando. Os asesores non se desanimaron. Axiña se reconfortaron entre si convencidos de que o Mestre non tiña os pés na terra, e non tardaron nada en atopar a un actor encargado de simular os seus xestos e a súa mensaxe. E así, tal e como planificaran, no día sinalado, a montaña acugulada de xente chegada dos lugares máis recónditos, o suplantador do Mestre leu unha mensaxe minuciosamente articulada , na que, aínda querendo dar a entender que os importantes son os pobres, os misericordiosos, os que choran e os que buscan a xustiza, os verdadeiramente ditosos e beneficiados acaban sendo os ricos, os saduceos, os escribas, os sacerdotes e os fariseos, interesados colaboradores para que tan grandioso espectáculo puidese ser visto e oído en todo o mundo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.