martes, 23 de agosto de 2011

COMEMOS OU QUE?




A CASA de xantar ofrecía un menú por dez euros no que incluía sobremesa e viño. Un matrimonio novo senta á mesa acompañado de nena e neno. Ela chegando aos dez anos, el estreando os tres. O local está presidido por unha pantalla de plasma enorme na que se ve dar voltas a coches moi veloces segundo certifican primeiros planos nos que o contaquilómetros pasa de 130 a 280 en tempo de nada. O pai queda atrapado polas voltas dos coches e cústalle retirar a mirada da pantalla. A nai, sen poder disimular a ansiedade, trata de ordenar aos nenos. A nena quita do bolso unha máquina electrónica enredando con ela. "Só antes de que chegue a comida", advirte a nai. O neno, movendo o cu de estribor a babor no seu asento, garfo e culler en cada man, pretende facer música cravándoos na mesa. "Quieto. Iso non se fai", reprende a nai sen ningunha firmeza. O pai, ao seu, atento, un dos coches entra a repoñer combustible.
Elixir menú resulta complexo. A oferta non é ampla, pero a nena, centrada na maquiniña e o neno rexeitando canto se lle ofrece, someten a unha espera considerable ao paciente camareiro. Elixido, o neno érguese detrás do camareiro. "Vén aquí", esíxelle a nai sen que o neno lle obedeza. "Non ves o neno?", pregúntalle a nai ao pai. "Vén aquí ou zóupoche, eh", ameza o pai atento a unhas milésimas que disque na última volta lle papou o primeiro piloto ao segundo. O neno dá dúas voltas por entre a mesas, vai xunta da nai, que realiza xesto de desespero, pero non senta. A nena segue concentrada no enredo electrónico. Chega a comida. A nai consegue que o fillo sente, pide á filla que deixe o aparello. O neno senta, pero pon mala cara, non era o prato que el pensaba. "Por favor, acabouse a máquina", lémbralle a nai á filla. "Que si, pesada, xa vou", continúa xogando sen inmutarse. "Queres deixar a máquina e poñerte a comer?", eleva un pouco o ton a nai. De moi mala ganas, despois de dúas miradas, a filla mete o aparello no bolso e, estirando os morros coma se acabase de padecer unha desgracia sen nome, ponse a comer sen ganas. O pequecho érguese outra vez, non lle gusta a comida e declárase en folga. Un automóbil dos da pantalla salta polos aires e escachífase contra as vallas protectoras. A nai persegue cun garfo do que colga un anaco de chopiño fritido ao neno que se nega e non e non e non, momento que aproveita a enganchada ao xogo para volver coa máquina. Mentres o parvuliño percorre o circuíto do local varias veces, tempo no que aproveita para enzoufar as camisas dos comensais que atopa na súa viaxe, a nai intenta poñer cara de circunstancias entre avergonzada e desesperada. Por fin regresa á mesa arrastrando ao pequecho. A xogadora nin se decata do que sucede derredor. O pai, por fin, fala de novo con voz autoritaria: "Comemos ou que?".

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.