domingo, 19 de junio de 2011

PASARON A LIÑA VERMELLA

Non. Violencia non. De ningunha maneira. Iso é cavar a fosa do estado democrático. Evidentemente. Ninguén no seu san xuízo pode admitir este tipo de situación. Co traballo que custou alcanzar a democracia. Co duro que resulta vivir en liberdade e mellorando a xustiza e o benestar da maioría da poboación.Como se atreven? Como é posible que manipulen, terxiversen, escandalicen, atemoricen, intoxiquen e confundan á poboación con tanto descaro? Que axiña chegaron á unanimidade, á prevención, á protección sen disimulo, á mentira desvergonzada. Tardáballes un motivo para converter en traxedia e fin do mundo algo que non deixa de ser unha anécdota ao lado de situacións diarias de degradación e perversión da democracia, intentando tapar que isto é o que pasa por asociar de maneira constante e impune negocios con política, intereses de minorías sen piedade coa permanente persuasión de que é na mercantilización e na falta de respecto á persoa onde radica a esencia desta sociedade. Isto é o que acontece cando aínda se nos quere convencer que os bancos non teñen a culpa, os políticos tampouco, o sistema tampouco. Quen ten a culpa? Haberá, como dicía o presidente da AEB, don Miguel Martín, que fuxir de toda dialéctica de buscar culpables porque iso non ten ningún sentido práctico? Será que, segundo as súas mesmas palabras, debemos fuxir de calquera razoamento que consista en saber quen foi o culpable de estar como estamos? Buscamos ou non buscamos culpables? Claro: son sen dúbida os culpables de impedir a entrada no Parlamento – lugar sagrado da democracia- estes violentos que berraron e amedrentaron con sparays aos elixidos polo pobo, digo, seguro que son estes os culpables da depresión económica, de crear burbullas na construcción, de concentrar a riqueza a niveis escandalosos en poucas mans, os encargados de aniquilar os servizos públicos en beneficio dos seus egoístas intereses. Seguro que eles si son culpables. Pero non o son os que enredan cos cartos de todos, os que prestan e retiran crédito cando lles peta, os que agochan as riquezas estrañas en paraísos fiscais para non pagar impostos, os que crean estructuras retortas e intocables para que ninguén poida seguir as súas pistas e quen sen escrúpulos nos indican que o único camiño de salvación é suprimir postos de traballo, servicios sociais como sanidade e educación e facer recaer todas as consecuencias dos seus enredos sobre os que non tiveron arte nin parte na súa causa. Por suposto que non me gusta a violencia de catro persoas indefensas contra os representantes elixidos democraticamente, pero menos me gusta a violencia limpa, amparada en sistemas de protección inmaculados que sempre lle permiten saírse coa súa aos que nos levaron a este estado de cousas. Hipócritas. Claro que non desexo o desorde nin a anarquía, nin o asamblearismo inútil, nin as ilusas propostas desesperadas de quen perdeu o norte. Pero menos e máis perigoso e máis violento e máis insufrible se me antollan a permisividade coa que se soporta conducir á xuventude a non ter futuro, a catro millóns de persoas a non ter traballo, a seguir submisos á interesada e constante intoxicación que aliena e confunde á maioría da poboación. Que esperaban? Que esperan? Seguir triturando as esperanzas do máis vitalista da sociedade, esnaquizar o progreso de anos e sacrificios de xeracións, conducirnos sen a máis mínima resistencia nin desorde, coma cordeiriños mansos, ao matadoiro do silencio de quen acata sen rechío? Claro que se saltaron as liñas vermellas, sr Mas, vaia se as saltaron. Levan anos cruzando a perigosa liña pregándose aos caprichos dos especuladores, dos que venden fume, dos que din traer riqueza cando nos enfían cara a destrucción. Por suposto que hai liñas que nunca se deberan saltar. Por suposto que esta actuación persistente, chulesca, frívola, corrupta e irrespectuosa coa cidadanía non podía acabar ben. Como pensaban que acabaría? Asústense. Asusten. Esaxeren. Atemoricen ás persoas de boa vontade. Fáganlles crer que o sistema periga por uns centos de desesperados que se poden infiltrar entre pacíficos e indignados mozos, parados, fartos de tanta manipulación e engano. Non é tal. O sistema periga e está a piques de quebrar e de esbourar e esbourará se non se para este despropósito, se non se frea o abuso humillante dos defensores dunha ideoloxía maligna e viciada de raíz que só pretende o beneficio polo beneficio, sen importarlle quen queda na cuneta, sen situar no xusto obxectivo a dignidade da persoa e a saúde e a educación e a vida sobre a riqueza pola riqueza, a explotación do máis débil e a idolatría dos cartos amasados en poder. É indigna esta indignación que están causando. É vergonzosa a unanimidade, autodefensa e corporativismo mesquiño polo que nos queren facer crer que a culpa de que todo se vaia ao garete é de quen se rebela, quen esixe e quen pretende que isto se pare e colla un rumbo distinto porque así imos mal, realmente mal. Durante a crise na que tivo que intervir o presidente Roosevelt nos anos 30, un grupo de sindicalistas e axentes sociais entrevistáronse con el para forzalo a que tomase medidas en favor dos que padecían as peores consecuencias da depresión. O presidente díxolles: moi ben, pois agora, despois de me contar todo isto, saian á rúa e obríguenme a ter que facelo. Pois iso: hoxe os políticos necesitan que se saia á rúa, sen violencia, e se lles obrigue a facelo. Porque pasaron as liñas vermellas, porque están abocando á cidadanía a indignada desesperación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.