sábado, 28 de mayo de 2011

AUGA FRÍA SOBRE A INDIGNACIÓN

Tal coma se a un litro de viño lle botaramos un caldeiro de auga, ben fría, así de rebaixado percibo que irá quedando o grao de indignación que se estendía polas prazas de España. Non porque se desinchen nin porque afrouxen nas súas peticións os indignados – que tamén, que a constancia na loita é dura-, senón porque despois de que o pobo soberano e sempre con razón falase, aí temos ao PP disposto a recoller a desfeita do PSOE para confirmar que é ben certo que se non queres caldo, dúas cuncas. O asunto xa empezara a coller forma cando recoñecidos analistas tacharon estas protestas de fume de leña verde, infantilismos e simplezas que o reducen todo a políticos corruptos, banqueiros cobizosos e utopías xuvenís , fantasías de hoxe e de onte para os que non as deron cumprido e se senten frustrados. Vamos: asunto dos can- frauta, cinco mozos en paro, dous vellos chochos (tres: Hessel, Sampedro e Navarro) e catro adultos resentidos que seguen soñando con un mundo mellor (imposible) simplemente porque non “triunfaron” cos parámetros por eles establecidos do que é triunfar nesta sociedade. O expertos, serios e desprezativos analistas coinciden sempre en desprestixiar de inmediato toda crítica ao miolo do sistema: unha escala de valores na que é máis importe producir cousas inútiles e mortais para crear riqueza mal repartida, que afanarse por crear e investigar e investir en vida digna, solidaria e limpa. Ao achegarnos a este carozo esencial, de inmediato os pragmáticos sentencian que sen os efectos secundarios da ambición seguiriamos no mesolítico, que sen competencia fera isto sería un enxame de vagos vivindo á costa dos laboriosos e que todo está descuberto neste mundo: sempre haberá traballadores e lacazáns, ricos e pobres, malos e bos, e que quen quere troitas ha de mollar o cu. E, por desgraza, intelixencia, interese, riqueza e ambición van da man do progreso e non se compadecen de conainas que dan a lata coa necesidade de máis igualdade, bondade, beleza e razón ben apegadas. Por iso a estes realistas e experimentados resabidos parécenlle estupideces que fan rir as pancartas nas que se reflicte a rabia e tristeza ao ver que para que unha minoría de endeusados amos do mundo continúe gozando da súa egolatría clasista e dando gusto aos seus frívolos e estúpidos caprichos, levan ao paro e a unha vida sen futuro a millóns de persoas. Porque non é tan simple, din. Todo é moito máis complexo. Eles son os donos do saber, eles planifican e controlan, por iso determinan que tocarlle ao máis pequecho dos seus privilexios é pura demagoxia, infantilismo intelectual que produce máis pobreza e dor. E se con todos estes argumentos aínda alguén rebulise: zas!, sacan do sombreiro a Stalin, Mao e Fidel e boca pechada, que iso si foi pobreza, suplicio e mala vida, o que, por desgraza, non deixa de ser certo. Pero é que agora, ademais, por se coa teoría non estabamos convencidos, ao cambiar o vermello socialista de pacotilla de Zapatero polo azul incorrupto de Rajoy, é moi probable que a indignación se calme e volva ao colchón da mamá boa e grande. Porque algo si é certo: para contentar aos que pretenden que nada cambie ninguén mellor que os da corda máis achegada. Enténdense mellor. Coñecen e dominan claves sutís que combinan sen demasiada protesta a continuidade no aumento dos privilexios da caste dominante a cambio de ir dosificando con habilidade a cantidade de narcótico necesaria para que non cheguen os malos olores á porta da casa. Por iso ás veces é máis sabia a dereita manexando os tempos e doses necesarios para que a indignación se aplaque, os ánimos se calmen, aínda que, como non pode ser doutro xeito, o tren siga na mesma vía, en idéntico sentido da marcha, con velocidade idéntica. Un tren que, mentres non descarrile, pode facer crer, ás veces baixo os maquinistas do PSOE outras do PP – sempre ben muxidos polas dereitas vascas e catalanas-, que imos na dirección correcta. Se o miran ben, os dous partidos que compiten por repetir idénticos erros non se cansan de intentar convencernos de dúas verdades incontestables, serias, científicas e rigorosas, non infantís coma as simplezas dos indignados: que isto vai cambiar e que estamos conquistando o futuro. Os indignados piden imposibles e ridiculeces como que os bancos non sexan tan ponográficamente usureiros, que a lei electoral represente mellor ao cidadán, que os políticos corruptos non sigan facendo da política a súa profesión, que o obxectivo sexa a persoa e non o beneficio e que non se programe bazofia permanentemente para aloular á poboación.. Simplezas. Os realistas, os que teñen os pés na terra e aplacarán este estado primaveral de indignación prometen asuntos de peso: cambio (para seguir na mesma dirección) e futuro (para unha minoría), seriedade e sentido común, o que realmente lle interesa á xente (a algunha), como gusta repetir Rajoy, un MacGuffin que nos entreterá outra temporadiña.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.