domingo, 17 de abril de 2011

REBÉLATE, COVARDE

O SEÑOR MADURO observa condescendente o mozo que fuma, sentado, apoiados os cóbados na mesa da terraza dunha cafetería. Veo indolente, perdido, abandonado e sen ganas de pelexa. Calcúlalle máis de 35 anos e supón que está en paro. Imaxínalle unha historia nada orixinal: estudos medios, probablemente fragmentada e curta experiencia en traballos varios, non lle estrañaría que dominase algún idioma ademais de castelán e galego, seguro que se criou sen carencias durante a súa infancia e adolescencia. Aseguraría pola caída dos ollos que leva meses de entrevista en entrevista intentando atopar algún traballo que non aparece. Le na súa mirada apagada o cansazo de días abrindo as páxinas de internet nas que se ofrecen traballos para os que non está cualificado e outros que non serven para nada. Pola maneira de apurar o cigarro deduce que quen lle axuda economicamente xa non dá máis de si, que non pode seguir custeando tantas bocas.
O observador, funcionario ilustrado, coñece as últimas teorías sociolóxicas que intentan explicar por que os millóns de mozos que se atopan en situación similar non se rebelan. ¿Son tan individualistas, viven tan fragmentados, que non aprenderon a compartir nin a desesperanza con ninguén? ¿Gastáronse tanto as correas de reivindicación, que non hai asociación nin sindicato nos que crean estes mozos sen esperanza? ¿Resulta tan cómodo o refuxio familiar que se resiste mellor na confortable dependencia que no risco da rebeldía e da protesta? ¿Coceranse tan lentamente as revoltas que aínda non chegou o momento? ¿Será que o sistema de benestar non é tan imperfecto e, mal que se diga, vai conseguindo reter o tsunami da indignación que debería estourar se non fose polas axudas aínda non eliminadas? ¿Será que internet, en lugar de ser unha estrada que activa, alivia a protesta no fríxido compartir sen compromiso? Mira con certa mágoa ao mozo que retorce o cigarro no cinceiro. Rebélate, covarde, ten ganas de lle dicir. E non se decata, se cadra porque instalado na seguridade custa vivir a fraxilidade do vencido, que o rapaz leva tempo inventándolle a súa historia, e que nin se molesta en pasala pola película da súa imaxinación. Sabe que o está mirando con conmiseración, e que na súa mágoa agóchase unha miga de agresividade comparativa: os mozos de agora son frouxos, non teñen o que hai que ter, deberían botarlle máis arrestos, criáronse entre algodóns... Non quere facerse mal sangue. Érguese e bótase a andar pola rúa convencido de que, con que unicamente contase coa metade da seguranza do vello que o está xulgando, tamén el se convertería nun afoutado defensor da rebeldía.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.