jueves, 28 de abril de 2011

AS ORQUÍDEAS DOS GUERRILLEIROS

Non lembro agora onde lin que un xeneral retirado de Urabá, Colombia, decidiu dedicar os anos da súa xubilación dirixindo a un grupo de exguerrilleiros que cambiaron as armas polos apeiros de labranza, agora dedican o seu tempo a coidar un plantación de orquídeas. Gustaríame ter unha desas orquídeas na miña mesa de traballo. É a proba de que  se pode dar o cambio de matar a cultivar, de disparar chumbo a plantar flores.

martes, 26 de abril de 2011

O DEL MIO DOLCE ARDOR


É na voz de Berganza onde a voz respira máis transparente.

lunes, 25 de abril de 2011

OS FILLOS DA MULLER QUE CANTA

Así titularía eu a película Incendies dirixida por Denis Villeneuve. Pero é unha banalidade pararse no título de tan dura e fonda historia dominada por ondas de sangue, odios, fanatismos e rancores. No medio da masacre, das lapas que o queiman todo, sobresae a intuición que sempre ten a razón e demostra que, a pesar de estar sumerxidos na escuridade, posto que os fillos son coma un coitelo na gorxa que non nos quitamos facilmente, ao final vence a muller que canta para romper o fío da cólera. Por iso a morte nunca é o final da historia e convén cumprír as promesas coma algo sagrado, tirando  do nobelo, porque no cabo un pode atopar a explicación do horror e do amor. 
Película que estarrexe, mais mantén unha delicadeza exquisita. Xogando co tempo e formando un mosaico no que cada tesela encaixa á perfección , utilizando planos e tempos longos, música tan xusta coma ben elixida  e coa interpretacións maxistral de Lubna Azabal, Veilleneuve filma unha historia sobre o apego, a guerra, a fortaleza  e resistencia do ser humano e o poder do amor que merece a pena ver cos cinco sentidos.

AS CERDEIRAS DA CARBALLEIRA

Antonte plantei dúas cerdeiras vizosas e ben medradas que trouxen do Jerte. Baixo os consellos de meu pai, meu irmá e máis eu fixemos un burato amplo, extendemos nel un pouco mineral e depositamos con tino as árbores. Ben premida a terra coa que a sepultamos, regámolas e deixámolas á distancia xusta, unha á beira do pombal, a outra detrás do hórreo. Agora só queda agardar a ver se medran, ninguén está libre dunha xeada ou unha brétema maligna que lle mate o xenio, pero con ganas de medrar quedaron, que llo notamos todos. Os que estabamos na Carballeira, claro.

DESGRAZA

Que universidade é a que non permite aos profesores  dicir   "negro", "homosexual", ou facer referencia a unha minoría étinica ou relixiosa sen correr serio risco dunha vixilancia ou persecución inmisericorde, xa non digamos se os ollos tropezan nalgunha parte descuberta dunha muller que poida ser susceptible de acoso sexual? Esta obsesión enfermiza no control da linguaxe e a conduta do profesorado dá pé a despropósitos e desesperos absurdos como ben reflectiron Coetzee e P. Roth nas súas novelas. 
O suicidio do profesor Calvo en Princeton - aínda sen coñecer con exactitude os motivos da súa decisión-, lémbranos con que facilidade e perigo se pode extender a mancha humana e a desgraza sobre alguén que só subiu o ton da súa voz, constatou que alguén se comporta coma un vago ou simplemente reparaou na beleza que non se pode agochar.

MATAR. MANDAR MATAR

Non sei se con idénticas palabras, pero isto foi o que dixo o exguerrileiro sandinista coñecido como Daniel Alegría: A guerra fana mozos contra mozos, que nin se coñecen nin se odian, pero mátanse entre eles. E estas guerras están ordenadas e dirixidas por señores gordos e vellos, que si se coñecen  e ódianse a morte, pero non se matan, continúan vivos.

domingo, 24 de abril de 2011

POR QUE É ORDINARIO CRITICAR AOS RICOS?

A lei está escrita no interior da sociedade: quen critica aos ricos é un ordinario simplista que reduce de maneira maniquea os problemas complexos a unha loita entre bos e malos, un esqueleto de argumento que só se desculpa entre os ignorantes resentidos ou os groseiros ignorantes. Pero, faise crer, entre xente seria, estudada e con visión realista do funcionamento do mundo non vén a conta sacar un tema tan inútil, demagóxico e ineficaz. Porque os ricos son necesarios, beneficiosos e benditos sexan para que todos progresemos e vivamos mellor. Esta é a lei feita dogma que se pretende sexa crida e adora por todos sen discusión. Vexamos. Acababa o artigo da semana pasada situándonos diante dun problema indiscutible (o paro) ao que en teoría pretendemos dar solución, pero con dúas propostas ben distintas e distantes. A oficial e parece que única, empeñada en recortar e adelgazar ao máximo o estado do benestar para que poidamos recuperarnos e volver a crear emprego. Outra, minoritaria e pouco coñecida, que sostén o contrario: a necesidade de investir en benestar social como método para combater o paro. Unha e outra proposta políticas (a visión técnica queda aquí claramente oculta detrás da intención ideolóxica de calquera delas) intentan conseguir recursos de dous modos ben distintos: a oficial cargando o peso da crise sobre a maior parte da poboación que vive en condicións sacrificadas, liberando de toda carga á minoría privilexiada que non sente nin padece as consecuencias da crise; e, a menos coñecida, atrevéndose a propoñer que unha boa parte dos recursos para seguir creando escolas infantís, mellorando a educación e a sanidade públicas, han de vir dos impostos que se lle deben aplicar aos máis ricos e combatendo o fraude fiscal elevadísimo xa endémico en España. E aquí estamos: diante dos ricos. E diante deles, falemos sen complexos. Primeiro: existen. Parecerá unha parvada, pero non o é tanto. Quérese dar a entender – e ás veces conséguese- que xa non hai, coma se desaparecesen as clases, como se viviramos no reino dunha clase media onde todos gozamos de idénticas e similares rendas. Non merece a pena demostración algunha a existencia dunha minoría poderosísima que no só controla economicamente senón tamén desde o plano informativo, pero si recordalo, porque hai xente á que lle custa pensar que hai algo máis aló do barrio no que se move, e claro que hai, e ben está que así sexa. Outra cousa é que aceptemos inxenuamente, como nos queren facer crer, que chegaron a tal situación de distancia económica e social só e unicamente polos seus méritos e valía. Non tal. Algúns si, pero moitos non gozan de rendas tan esaxeradas nin polo traballadores nin polo intelixentes que son. Segundo: aos ricos foilles mellor que á poboación maioritaria nos últimos anos. Moito mellor. Mentres os salarios foron descendendo, as rendas dos ricos (non quero empregar a palabra empresarial, porque hai empresarios que non entran nesta tipoloxía) aumentaron considerablemente. E, aínda peor, son eles, os verdadeiramente ricos, os que menos contribúen á facenda, como cantan sen rubor os números ano tras ano. Terceiro: por que non se pode nin mencionar a necesidade de que deben pagar máis impostos? Quen se encarga de desbaratar todo intento de debate sobre a conveniencia de racadar recursos aplicando novas medidas fiscais? Por que son ridiculizadas todas aquelas medidas que intentan facer recaer máis peso desta crise nas rendas que nin se decatan de que existe e se descarga con saña o sacrificio sobre quen está ao límite? Por que ata os que se din progresistas alardean de que baixar impostos é de esquerdas? Pois por unha razón moi simple: porque o pensamento está directamente conectado cos intereses dos máis privilexiados, porque contra cada proposta para limitar algún privilexio está montada unha batería de defensa intelixente e rebuscada que se encarga de nos facer crer que sería un despropósito de consecuencias aínda máis negativas. E porque, sen dúbida, dispoñen de métodos para chantaxear e atemorizar a quen debe tomar tales decisións. En definitiva, non se pode criticar nin propoñer medidas que intenten responsabilizar socialmente aos ricos, porque eles contan con medios para nos facer crer que somos estúpidos, ordinarios e ignorantes se o pretendemos. Resumindo: porque a ninguén lle gusta perder privilexios e pon a súa intelixencia e a de quen pode pagar para que llos defenda razoablemente. Claro que ás veces, ata aos privilexiados e ás mentes intelixentísimas por eles pagadas, poden volvérselle os argumentos en contra, e non sería nada malo que revisasen se non estarán nun momento no que, polo propio interese, non lles sería máis favorable non seguir tensando a corda e acceder a pagar máis impostos. Isto, se teñen a amabilidade de me seguir lendo, analizarémolo a semana que vén.

viernes, 22 de abril de 2011

PIEDADE



Hai días no ano nos que volver a Bach é unha necesidade. Hai momentos nos que se un reflexiona e queda de maneira auténtica a soas consigo mesmo sabe que Algo ou Alguén deberían ter piedade de nós. Erbarme dich, mein Gott.

domingo, 17 de abril de 2011

REBÉLATE, COVARDE

O SEÑOR MADURO observa condescendente o mozo que fuma, sentado, apoiados os cóbados na mesa da terraza dunha cafetería. Veo indolente, perdido, abandonado e sen ganas de pelexa. Calcúlalle máis de 35 anos e supón que está en paro. Imaxínalle unha historia nada orixinal: estudos medios, probablemente fragmentada e curta experiencia en traballos varios, non lle estrañaría que dominase algún idioma ademais de castelán e galego, seguro que se criou sen carencias durante a súa infancia e adolescencia. Aseguraría pola caída dos ollos que leva meses de entrevista en entrevista intentando atopar algún traballo que non aparece. Le na súa mirada apagada o cansazo de días abrindo as páxinas de internet nas que se ofrecen traballos para os que non está cualificado e outros que non serven para nada. Pola maneira de apurar o cigarro deduce que quen lle axuda economicamente xa non dá máis de si, que non pode seguir custeando tantas bocas.
O observador, funcionario ilustrado, coñece as últimas teorías sociolóxicas que intentan explicar por que os millóns de mozos que se atopan en situación similar non se rebelan. ¿Son tan individualistas, viven tan fragmentados, que non aprenderon a compartir nin a desesperanza con ninguén? ¿Gastáronse tanto as correas de reivindicación, que non hai asociación nin sindicato nos que crean estes mozos sen esperanza? ¿Resulta tan cómodo o refuxio familiar que se resiste mellor na confortable dependencia que no risco da rebeldía e da protesta? ¿Coceranse tan lentamente as revoltas que aínda non chegou o momento? ¿Será que o sistema de benestar non é tan imperfecto e, mal que se diga, vai conseguindo reter o tsunami da indignación que debería estourar se non fose polas axudas aínda non eliminadas? ¿Será que internet, en lugar de ser unha estrada que activa, alivia a protesta no fríxido compartir sen compromiso? Mira con certa mágoa ao mozo que retorce o cigarro no cinceiro. Rebélate, covarde, ten ganas de lle dicir. E non se decata, se cadra porque instalado na seguridade custa vivir a fraxilidade do vencido, que o rapaz leva tempo inventándolle a súa historia, e que nin se molesta en pasala pola película da súa imaxinación. Sabe que o está mirando con conmiseración, e que na súa mágoa agóchase unha miga de agresividade comparativa: os mozos de agora son frouxos, non teñen o que hai que ter, deberían botarlle máis arrestos, criáronse entre algodóns... Non quere facerse mal sangue. Érguese e bótase a andar pola rúa convencido de que, con que unicamente contase coa metade da seguranza do vello que o está xulgando, tamén el se convertería nun afoutado defensor da rebeldía.

ACIO DE CONTRADICCIÓNS

Disque as bombas do estrafalario ditador amigo de Occidente ao que se debe expulsar, de fabricación española, esbouran en acio. Mágoa de palabra - acio- dedicada ao estourido dunha bomba. Sempre que sinto acio vénme á boca o zume das uvas brancas, negras, bacelos, vides en bancales, ríos, sombras, os primeiros pés de nena que vin pisando nas uvas. Pero agora acio emprégase para o estalido engastallado no seguinte, así mata e destrúe mellor. 
Curioso: as bombas que esbouran e matan en acio vendémosllas nós, España. E España apoia ás forzas que bombardean para que Gadafi abandone o país. Isto é un acio de contradiccións. O único que parece manterse na claridade que o caracteriza é o expresidente Aznar. El sabe perfectamente elixir aos seus amigos. E non se reprime, cóntao polo mundo adiante sen complexos.

sábado, 16 de abril de 2011

O QUE LLE IMPORTA Á XENTE

O líder da oposición acostuma a recorrer a unha frase feita que parece o deixa pleno e satisfeito. Vén a dicir: os que están gobernando andan despistados, perdidos e confundidos con asuntos que nada lle importan ao cidadán, pero cando eu goberne ocupareime do que realmente lle importa á xente. A min ándame na cabeza que será o que entende o sr. Rajoy realmente polo que lle importa á xente, porque sería de moito proveito para todos saber ao que se está a referir. Dentro das miñas posibilidades investigadoras, a cada paso máis diminuídas, intento descubrir o que realmente lle importa e chego a datos moi distantes. Porque hai xente á que lle preocupa con intensidade se a máis bela no recente encontro entre altas damas era a princesa de Asturias ou a raíña de Xordania (entre nós e para que se vexa que un tampouco é indiferente a estas preocupacións: a nosa princesa está moi fraquiña, case nos ósos, daranlle ben de comer a esa señora?), outros andan atentos á bipolaridade de Catherine Zeta-Jones ( tampouco a fermosa actriz pode eludir o trastorno que supón ir da impulsividade excesiva á depresión paralizante) e incontables persoas, moitas aínda sen querer, teñen como noticia de interese estelar para as próximas datas o empacho de enfrontamentos do século que se producirán entre os exércitos do catalanismo e o do madrileñismo adobiado de españolismo que representan as dúas maiores máquina de distracción que coñeceron os tempos: o Barça e o R. Madrid. Claro que os temas que lle importan á cidadanía non rematan aí, os motivos de importancia son varios e superpóñense, selecciónanse e diriximos cara a eles a atención en función de múltiples variables e necesidades. Pode un contemplar con moita concentración o altor dos tacos dos zapatos da princesa e ao pouco tempo ter a cabeza no ser querido que segue en paro e non dá atopado traballo por máis que mira e se entrevista e envía currículos. Claro, hai xerarquías. Supoño, tal e como reflicten as entrevistas todas realizadas, que o problema que máis importa e ocupa e require a maior atención dos cidadáns é hoxe o paro e a maneira de saír del. Non creo que nos equivoquemos en situar aí o principal asunto de importancia neste momento para a xente, porque entre outras cousas xa son poucos aos que non lles toca de cerca, coma unha lingua de mar en plena subida da marea, a desgraza de non ter traballo vainos cercando a todos ata nos ver coa auga ao colo. Admitida esta premisa como ben asentada e indiscutible, por onde van as liñas de solución? A primeira vista parecera que só hai unha saída: a propagada e defendida pola maioría dos expertos mundiais, case todos ben conectados con poder financeiro, e que non é outra que aforrar en sanidade, educación e servizos sociais. Esa parece a receita infalible dispensada polos cerebros visionarios do FMI, dos departamentos de investigación dos grandes bancos e dos equipos de asesoramento dos gobernos occidentais. Producir máis por menos, eliminar servizos do Estado, rebaixar o nivel do estado do benestar. Todas as noticias, análises e consellos van nesa liña: aínda se debe reformar máis, é escaso o recorte, aumenten a idade de xubilación, flexibilicen o mercado laboral, reduzan e aforren en sanidade e educación e dependencia, adelgacen os servizos públicos, se queren realmente entrar na senda da recuperación. Esta parece non só a mellor solución para que os mozos atopen trallo, senón a única. Sen ela, condenados ao abismo. Viçens Navarro é dos economistas que non se cansa de alertarnos de que si existe outra saída, que a solución no pasa necesariamente por facer recaer o sacrificio na maior parte da poboación. En contra dos economistas de pensamento oficial, el sostén que os investimentos no benestar social son investimentos en riqueza, que lonxe de suprimir o investimento e a creación de postos de traballo desde o Estado, esta é a única maneira de ir capeando o temporal. Como e con que, preguntaranse moitos. Como podemos crear postos de traballo en sanidade, en educación, en escolas infantís para que as mulleres traballen e teñan fillos, mellorando as institucións de atención aos vellos e non reducindo as pensións? De onde se sacan os cartos que non hai para investir na mellora do benestar? Navarro responde: hai cartos, hai tal. O que cómpre e recadalos revisando a política fiscal, mellorando os control do fraude e subindo os impostos de quen realmente están pagando menos: os ricos . Se cadra é isto o que realmente lle importa á xente. Referirase o líder da oposición a que se ocupará disto, do que realmente lle importa á xente, cando goberne? (Conste que xa vexo o sorriso condescendente de quen despreza esta análise: ricos... xa saíu a demagoxia, xa nos agarramos á saída simplista. Pois ben, se agardan e lles apetece, para a próxima semana falamos dos ricos).

MÁIS KATIA GUERREIRO

domingo, 10 de abril de 2011

TERRITORIO SINTROM

O ÚLTIMO INFORME sobre os concellos galegos confirma o xa sabido: que a paisaxe en moitos deles é a da vellez e a soidade. Lugares onde as casas van quedando baleiras, non hai nenos, si uns poucos vellos, algúns acompañándose en parella, animais tristes, nin aos animais lles gusta vivir illados, e mínimas explotacións onde se pode ver unha corte como é debido, maquinaria agrícola, unha granxa que parece que se mantén contra o tempo e as dificultades concentradas, pero en conxunto: soidade e abandono. Un estilo de vivir que perdeu todo atractivo na segunda metade do século pasado e que amosa agora os síntomas da morte. Unha sociedade que dá as boqueadas entre edificios derruídos, montes dominados polas toxeiras e as silveiras e a dispersión de catro casas mal caleadas nas que resiste a vellez agardando por se unha fin de semana veñen da cidade con algo de afecto que se compensa con algo para levar, uns ovos, unhas patacas ou algunha verdura que aínda se produza.
A maioría dos que abandonaron esta vida xa se incorporou ao gremio dos parados definitivos, os seus fillos, agora en número incontable, resisten no andazo do paro xuvenil que adobía os contornos das cidades, pero nin os que fuxiron hai tempo, menos os que xa naceron na cidade, queren volver. E moitos, aínda que quixeran, non teñen a onde . Queimouse todo: o leite, a carne, as plantacións... Liscouse do traballo de sol a sol, da escaseza de infraestructuras, da falta de perspectiva vital. E agora uns e outros míranse dende a aldea á cidade, da cidade á aldea sen ter nada que se dicir. Pregúntanse moitos dos que malviven no campo: por que, estando como están sen nada que facer, non veñen e traballan aquí, en que traballar sempre hai? Pero quen se fai a pregunta, de inmediato se responde: e que fai aquí unha persoa san e en idade de mirar pola súa vida, se aquí sen pensión non hai quen viva? E así, parados os que están en idade de traballar e traballando sen poder os vellos, van coincidindo as xeracións nunha inactividade frustrante, sen esperanza, que afoga. Dentro do malo, quen conseguiu defenderse ata agora na paisaxe esquecida e desolada do campo, agarda coa axuda dunha seguridade social á que, por máis que maldigan, aceptan nunca darán pago. Unha sanidade que lles proporciona atención, coidado e xenéricos para facer fronte a estes últimos anos que serían moito máis ledos se visen que prosperan os que marcharon para prosperar. Pero así son as leis deste territorio sintrom: mirar cada día se vai chover, se toca ir á vila revisar os medicamentos ou se na próxima fin de semana os visitará unha filla ou un neno.

sábado, 9 de abril de 2011

BOTO DE MENOS AOS SOPRANO

Non creo que sexa por esta calor abafante que nos chegou de África, se cadra de Libia ou de Costa de Marfil. Nin tampouco porque nestes días lle aperten as caravillas a Berlusconi por asuntos menores, xa se sabe, asuntos de sexo, aínda menos que a Al Copone que o pillaron por catro parvadas evadidas ao fisco, nunca polo que realmente se debe pillar a un malfeitor. E non lle vexo a relación por ningún lado con que os políticos queiran seguir viaxando en primeira, ¿quen non?A verdade é que un non sabe ben o porqué, pero ás veces érguese con morriña dun sabor, dunha música, dunha lectura, dun personaxe, dun ulido. Eu levo días dándolles voltas aos Soprano. Se cadra, agora vénme á memoria, tivo algo que ver que estivese escoitando a Andrea Bocelli, porque miren por onde, cante o que cante este señor, non son quen de retirar a asociación coa casa de Tony e Carmela Soprano. Desde que vin a serie, como na casa do mafioso de Nova Jersey creado por David Chase soaban con frecuencia cancións de Bocellí, agora, sempre que o escoito, no podo evitar xirar o recordo cara a humanidade extensa, pícara e salvaxe de Tony e a súa familia no sentido máis extenso do termo. Véxoo (a Tony) coa súa bata e en calzóns acudindo á neveira só erguerse para calmar a súa ansiedade, o seu furor, as súas dúbidas ou a súa luxuria con comida. Soa Bocelli e non podo por menos que ir ao restaurante El Vesubio , onde cos amigos, coa muller ou cos seus políticos a soldo maquina, decide, divírtese ou recapacita o atormentado, inxenuo, implacable e temido Soprano. Polo que sexa: o certo e que boto de menos as súas historias. E inclínome, xa definitivamente, porque todo ha ter moito que ver co clima electoral e de latricada política no que nos invitan a movernos. Explícome. Desde logo, como é fácil deducir, Soprano nunca se presentou a ningunha elección, pero claro que tiña necesariamente amigos colaboradores entre parlamentarios, concelleiros e burócratas da administración necesitados dunha bolsa xenerosa e atenta como soe ser a dos mafiosos. Algún mal pensado puidera maliciar que trato de atopar parecidos que non serían de recibo. Xa non digamos no moral, pero tampouco no físico. Certo que algún candidato deberá coidar o peso se non quere que lle medre ese aire co xefe da familia Soprano, pero non hei ser eu quen me meta nese lameiro, que hai motivos sobrados para buscar asociacións sutís sen necesidade de deixarnos seducir polo fácil e groseiro. Como recordará quen a vise - quen non, non sei a que espera-, a serie xira arredor dunha familia italiana da mafia que controla un pequeno territorio á beira de Nova York. A trama é tan intelixente, chea de contrastes, matices e contradiccións, que un acaba por comprender a un asasino, rirse dos bondadosos e descubrir o grao de maldade e estupidez que existe repartido a partes moi semellantes entre os mafiosos e os que oficialmente non o son. Certifícase o que un personaxe, non desta serie, di con rotunda claridade e certeza, diante do lamento dunha muller que se resistía a tomar unha decisión acolléndose a que ela non é “esa clase de persoa”: se sei algo nesta vida é que todo o mundo é “esa persoa”. Todos. Todos somos esa persoa que non queremos ser, que nos negamos a admitir, que nos parece vergonzoso aceptar que habita en nós. E si. Habita. Non só nas series de televisión, tamén na vida mesma. Todos somos esa persoa que nos parece que non somos. Cando nos escandalizamos con noxo dun suborno miserable, cando rexeitamos con rabia unha extorsión, cando nos rimos da frivolidade e mal gusto dos novos ricos, cando nos rebelamos contra a barbarie e friaxe de determinadas condutas, berramos ben alto: eu non son esa clase de persoa, eu nunca caería tan baixo, eu xamais cedería diante dunha tentación tan pequecha ou tan grande... E deberiamos andar con tino, porque todos poder ser esa clase de persoa. Ás veces, xa o teño escrito noutras ocasións, non somos peores simplemente por covardía. E iso é o que se aprende nos Soprano: hai fronteiras movedizas entre a inxenuidade e a malicia, entre a comenencia admisible e a cobizosa, a rabia permisible e a vinganza rabiosa, a persuasión e a extorsión e entre a presión e a violencia vil. Por iso, agora que estamos diante do tempo das promesas e da sedución dos que se queren case inmolar pola súa cidade, pola súa comunidade, boto de menos as ensinanzas dos Soprano. Convén repasar os dilemas das fronteiras movedizas e aclarar polo menos, sabendo que todos podemos ser “esa persoa”, de que lado nunca quereriamos estar.

O AVE DE ANDRÉS DO BARRO

Hoxe os xornais galegos celebran que o goberno aprobou onte, cun orzamento de 5.347 millós de euros, que para o 2015 se remate o AVE a Galicia. Peor sería que nin para esa data, pero o certo é que todo foi ao ritmo do pi-pipipi-pi-pi de Andrés Do Barro.

miércoles, 6 de abril de 2011

RESPONDER COA VIDA ENTEIRA

As preguntas de verdade están claras: quen es?, con quen es covarde ou valente?, a quen queres de verdade?, que é o que realmente sabes?, a quen estás sendo fiel ou infiel? Diante destas preguntas, como di o mestre Márai, a un non lle queda outra, queira ou non, que responder  coa vida enteira. Si, coa vida enteira.

martes, 5 de abril de 2011

lunes, 4 de abril de 2011

NIN UN TRISTE DÍA SEN ESCOITALA

Hoxe tócalle a María. Han de vir máis. Ah!, non credea mirarti...

A CHARANGA

Eramos catro polo menos: Luís, Severino, José Manuel e máis eu. Entamos no Tixola da rúa da Raíña. E soaba A Charanga, que despois se escoitaría en galego por toda España. Bebemos cervexa. E cantamos.

domingo, 3 de abril de 2011

POR QUE O FAS?

Un cínico sentencia nunha película: A xente só o fai - todo- por algunha destas cousas: sexo, diñeiro, odio, amor. Quere facer pensar aos demais e ás veces a si mesmo que a razón do seu actuar é debida a outras cosas, pero non. Só polas que dixemos. Será certo?

SOPA DE AMÉNDOAS DUNHA NENA DE CORO

MIL VECES MELLOR NA CELDA 211

SE NON VIRON Inside Job, merece a pena. Non porque descubramos nada que non sospeitaramos nin, menos, porque de maneira acelerada vaiamos aprender moito sobre derivados, futuros e toda esa maxia dos enxeñeiros das finanzas, senón porque é reconfortante comprobar que no carozo da mesma sociedade que produce o miolo desa repugnante ideoloxía, habita tamén o espírito crítico capaz de se enfrontar a ela con valor. Non. Non comungo con rodas de muíño, a estas alturas xa sei que tamén debemos sospeitar do documental de Charles Ferguson. Inocentes, nin os santos. Pero dá algún azo pensar que aínda hai traballos de investigación que non casan nin cos republicanos nin cos demócratas, nin con Bush, nin con Clinton nin con Obama, e menos cos seus meigos económicos.
O documental pretende analizar con valentía a situación creada pola industria financeira que estalou no 2008. Como profano confeso que son da cousa económica, só podo extraer unha conclusión simple da que se derivan outras menores: hai un triángulo maligno sobre o que xira o planeta: poder e saber ao servizo dos cartos. Amasados os tres, explícase que, gobernen uns ou outros, as dependencias e servidumes acaben sempre arredor dos mesmos personaxes. Dá mágoa comprobar cómo a concentración de cartos e beneficio vai acurralando o poder e estes captan e seducen as vontades das mellores cabezas e universidades. Poder e saber alíanse nun trenzado ideolóxico que queda case mellor reflectido aínda no frío silencio dos que non din nada. Aqueles que dirixiron e contaron con máis poder sobre a regulación ou falta dela, néganse en redondo a realizar o máis mínimo comentario. Nada teñen que explicar. Non lles merece a pena perder o tempo dando explicacións que, suponse, ou ben os mortais non poderiamos entender ou considéranse tan por riba do resto dos humanos que non se ven na obriga de explicar nada a ninguén. E o curioso é que moitos dos máis importantes expertos, agás Greenspan, continúan asesorando a Obama. Como se non houbese maneira de se desfacer dos que se ofrecen como únicos e verdadeiros coñecedores do funcionamento do mundo. Dos que se prestaron a responder, algúns a tatexar, hai catro expertos -se ven o documental estou seguro de que irán descubrindo a quen me refiro-, que dá medo escoitalos. Polo seu cinismo e frialdade, pola innegable evidencia de que saben o que fan e a quen serven. Non minto nada se lles digo que, antes de me ver con eles a solas no mellor salón do Foor Seasons de Nova York, mil veces me quero atrapado na Celda 211 con Malamadre e os seus colegas.