viernes, 11 de marzo de 2011

RONALDO TEN RAZÓN

Se o fútbol é un xogo que no que se danza, hoxe dancei. E estou coma se me moesen. Iso pasa por xogar vellos profesores contra alumnos de bacharelato de 17 anos, robustos, exercitados, en plenitude vital. O partido non tivo color. Gañaron merecidamente por sete ou oito goles de diferencia, bailáronos canto quixeron e déronse o pracer de someter aos profesores que teñen na súa man deixalos ir ou non á selectivdade. A min acórdame de cando mozo o partido era ao revés, e tiña mérito de moito nabo. Riabámonos do pelado que non atinaba a lle dar coa cabeza, do lento que nunca atopaba a pelota, co morto de reflexos que sempre chegaba tarde a calquera acción. Agora cambiaron as tornas: son os mozos os que se permiten bailar e danzar con nós, rir, canear ata que bufamos sen alento, meter goles coma se fosen Messi, porque, xogando contra acabados profesores, calquera se converte en fenómeno da danza do fútbol. 
Conste que a min non me senta mal darlle esa oportunidade ao alumnado. Merecen un día ao ano ser eles os reis do da danza, non si? Mesmo recibín sen rechistar algún cobadazo, sendo que eu ao choque non fun case nunca, non fose que me magoase e tivese que pasar o resto do curso escaiolado ou guindado na cama. Nunca fun xogador que buscase  a fortaleza físcia, non o vou ser agora. Pero estivo ben a danza. Os rapaces comprobaron a súa superioridade e nós experimentamos que a experiencia será boa para algunhas cousas, pero para o fútbol, nula.Pois ao comezo do partido o pensamento aínda xira e dá entendido a esencia do xogo. Eu vía por onde me ían canear, sabía quen tiraría, comprendía que era o momento de meter o pé, de buscar o desmarque, de correr para buscar estar alí nos próximos segundos... A cabeza dicíame entra, adiántate, salta, corre, pasa, regatea, tira, retrocede, este vai saír pola esquerda, o pase seguro que volve atrás, non temas, non dispara, recorta pola esquerda, non agarda tal filigrana, dispara agora que o porteiro está adiantado, pica coa punteira e atallas o pase, recúa e límpalle o balón dos pés... Iso dicía a cabeza, ao comezo, que a final só repetía: cando acabará isto?, pero todo canto a cabeza dicía, o corpo, será lacazán, non cumpría unha. Non respondía a nada. Se a orde era: dispara, tardaba o xusto para que me sacasen a pelota de diante; se, crúzate, cando daba chegado xa disparara o contrario; se, atento á esquerda, saíra por aí, atento estaba, pero sempre pasaba sen que eu lle ofrecese a menor resistencia. En fin, que mentres a cabeza pensaba algo, o corpo non executaba unha. E cando xa o cansanzo foi superior, a cabeza nin pensaba, que podía executar? 
Ronaldo retirouse hai algúns días cunha frase que o resume todo: penso unha xogada, pero xa non a executo como quero. Se iso dixo o artista Ronaldo con trinta a poucos anos, que podo dicir eu  cerca dos sesenta? Pois que me doen os ósos e o sangue de intentar danzar ao xogo ao que non se pode xogar a estas  idades, porque, aínda que pensases ben, que xa non pensas, o corpo non quere e non pode, e ningún remedio se coñece contra tal evidencia. Iso si: sei con certeza que Ronaldo ten toda a razón do mundo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.