lunes, 21 de febrero de 2011

GROLIÑOS DE AUGA DE MAR

            Laureano Domínguez, científico de Antioquia (Colombia), leva toda a vida investigando sobre os beneficios nutricionais da auga mariña. E di  que a auga do mar pode ser un paliativo de enfermidades de tipo cerebrocardiovasculares que se orixinan por falta de aporte de oligoelementos durante a primeira e a segunda infancia. Ó parecer, xa un fisiólogo francés de principios do século XX, René Quinton, demostrou a identidade fisioquímica entre o plasma do sangue e a auga do mar, ata o punto de utiliza-la como substituto do plasma sanguíneo, realizando transfusións deste abundante elemento, porque esta contén tódolos elementos básicos para a vida nunha proporción correcta. Velaí, pois, a auga do mar coma un excelente nutriente e un magnífico revitalizador celular.
            Eu non é que coñecese para nada as investigacións dos profesores Domínguez e Quinton, pero xa desde pequeno veño realizando os meus humildes experimentos. O primeiro recordo que gardo de me bañar na mar salgada está acompañado dun par de sorbos que me houberon de afundir para sempre nos fondos mariños de Gandarío. Inexperto nadador procedente das terras interiores de Arzúa, temeroso diante da grandeza de tanta extensión de auga, atrapado polo misterio de potencia tan sonora, brillo tan intenso e ventos tan ameazantes, introducín o corpiño de neno feble na friaxe das alodadas augas. Coa primeira ola notei que me subía polas pernas unha incerteza que estarrecía, meu pai insistía que non pasaba nada, que non tivese medo, non fose caguiñas, que todo me había de ter mérito e me había de sentir fresquiño e ledo se era valente. E fun. Fun valente de moito nabo: por lle dar gusto, e porque me estaban entrando unhas ganas de mexar que non resistía, tireime  coma unha prumiña disposta a afogar  sen a máis mínima resistencia. A primeira impresión foi tan aguda, tanta a angustia, que abrín a boca para non quedar sen aire, e aí, aí mesmo foi cando traguei a miña primeira carga de oligoelementos mariños. Coma aproximadamente un xerro de litro debín beber no primeiro trago. Meu pai, intentado facer de min un mariño competente, continuou animándome: “Veña, home, ¿a que tes medo? Eso non fai mal ningún. Xa verás cando nades que gusto che vai dar”. Expulsando auga por onde podía, tratando de me amarrar ó que non había, fundíndome unha e outra vez, desconcertado, de novo abrín a boca, acabábase o aire e non tiña pensado entregarme tan fácil á morte, polo que outra dose de oligoelementos entrou en min deixándome nun estado de case inconsciencia e abandono total á potencia do mar. Menos mal que meu pai optou por prestarme o seu brazo seguro no que me aferrei tremendo, desexando que o mar abandonase para sempre a miña garganta, a boca, os ollos, os oídos.... “Non teñas medo ningún, parviño, que isto é máis doado do que parece”, animaba en min papá. “É que houben de afogar, traguei moita auga”, conseguín explicar tremendo. “Por moita que tragases, non che ha facer mal”, sentenciou el.
            E mira ti, non é que me fixese mal, é que desde aquela, porque persistín nos meu groliños con moita frecuencia, estiven cargando o meu organismo de elementos básicos, previndo enfermidades cardiovasculares, complementando a miña deficiente nutrición, pois, como xa deducirían, moi comedor nunca fun ata que lle pillei o gusto, que foi exactamente cando debería empezar a comer menos. Pero ó que íamos, que un sen saber, vaise nutrindo desde a infancia de substancias que o manteñen en pé, a pesar de que en moitos casos teñamos a impresión de que imos afogar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.